Nesta primeira semana de outubro arrancou a programación de actos "1º ano rexenerando os Montes de Vigo", coa que se quere lembrar os acontecementos vividos en outubro de 2017 e dar a coñecer as accións que dende as Comunidades de Montes de Vigo se teñen levado a cabo.
O detalle da programación atópase recollido na seguinte entrada (PREMER)
O mércores 3 de outubro tivo lugar a conferencia no Club Faro de Vigo baixo o título "Que aprendemos nos incendios de outubro de 2017?" e a cargo de Juan Pico, director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra. Resultou moi ilustradora do traballo de investigación que se está a facer a partir dos incendios vividos e apoiado pola Deputación de Pontevedra.
Un resume da exposición queda recollida no xornal (PREMER), na que queda de manifesto a importancia de traballar dende o primeiro momento para organizar e planificar a xestión do monte e das infraestructuras asociadas ao mesmo para evitar que volva a repetirse unha situación como a vivida, dado que "os incendios teñen memoria".
O sábado 6 de outubro tivo lugar a Xornada artística de pintura e escultura en madeira "Arte en vivo, Arte no queimado" diante do Marco. Un nutrido grupo de artistas participaron na xornada, dando unha auténtica exhibición diante da cidadanía paseante pola rúa do Príncipe. Unha reportaxe do traballo realizado atópase no seguinte album fotográfico (PREMER), mostrando de seguido algunhas das instantáneas vividas.