A Mancomunidade de Montes de Vigo, que aglutina a 14 comunidades de montes veciñais no termo municipal, acordou na súa asemblea celebrada este martes 13 de outubro realizar un acto de lembranza dos fatídicos lumes acontecidos o 15 de outubro de 2017 e que destruíron 566 ha de monte, un terzo dos montes periurbanos de Vigo, e asolaron case completamente os montes de Coruxo, Comesaña, Matamá, Valladares e, parcialmente, Zamáns.
Vista dos montes de Valladares queimados en 2017
Neste terceiro aniversario queremos dar a coñecer á sociedade viguesa a situación na que se atopan os montes queimados e os retos que consideramos debemos abordar se queremos deixarlle aos nosos descendentes un entorno mínimamente digno.
Como lembranza do fatídico día, no día de hoxe colocouse unha placa nos montes de Matamá no que participou o Alcalde de Vigo. As restriccións que empezaron hoxe obrigou a realizar un acto sen a presenza de representantes das comunidades de montes, así como de público que se congregou para o acto.
Placa descuberta no 3º aniversario dos lumes nos montes de Matamá (15/10/2020)
COMUNICADO MONTES DE VIGO CON MOTIVO DO 3º ANIVERSARIO DOS LUMES
En primeiro lugar, o traballo realizado neste tempo dende os lumes foi retirar a madeira queimada e sobre todo intentar evitar que se perdera o chan para poder intentar a súa rexeneración. Ao mesmo tempo, houbo que redactar de novo un Plan de ordenación dos montes, que é o documento que nos esixe a administración competente en temas forestais, ou sexa, a Consellería de Medio Rural - Xunta de Galicia.
Iniciouse o proceso de reforestación sobre a base do novo plan e, hai que lembralo, a sociedade civil volcouse en mostras de solidariedade con múltiples plantacións escolares, de empresas e colectivos sociais. A verdade que se sentiu de preto o calor dos vigueses e viguesas, que coma nós, sentíronse abatidos ao ver como moitos dos lugares onde paseaban ou facían as súas comidas campestres desaparecían.
1500 escolares abrazaron o Monte dos Pozos como símbolo o 19 de outubro de 2018
En segundo lugar, iniciouse un proceso de conversa co Concello de Vigo e coa Xunta de Galicia, para ver como se podían levar a cabo accións de prevención de incendios e rexeneración dos montes queimados. Os especialistas advirten que os grandes lumes viñeron para quedarse dado o proceso de cambio climático que estamos a vivir e dado o nivel de abandono dos espazos rústicos e que ou se toman medidas estructurais e contundentes ou, ben de seguro teremos unha próxima catástrofe incendiaria como a de 2017 e non teremos a sorte de que esa noite chove. De ser así os danos persoais e materiais poderían ser moito máis dramáticos.
Co Concello de Vigo existe un convenio que recolle a cesión da maioría dos Parques Forestais do termo municipal, de xeito que están dispoñibles para o goce de toda a cidadanía e a cambio o servizo de conservación de Parques e Xardíns encárganse do seu mantemento e limpeza. Nunha última xuntanza co Concelleiro responsable solicitouse unha maior atención aos mesmos dado o elevado uso que se está percibindo dende o inicio da pandemia.
Por outra banda, tamén se conta cunha subvención de 145.000 euros para contratar persoal a través do Plan de Emprego do Concello, con fin de manter o monte e facer labouras de prevención de incendios. Leva operativo dende 2012 e permite dispór dunha cuadrilla de reforzo durante 6 ou 7 meses. Vendo como se desenvolveron os acontecementos de 2017, dende Montes de Vigo estase solicitando unha ampliación dos recurso para este fin na medida en que consideramos que claramente trátase dun investimento en futuro e, co existente, non se dan cuberto as necesidades ordinarias e menos as extraordinarias derivadas das máis de 500 ha queimadas.
Por último, e non por ilo menos importante, estase falando co Concello de Vigo para abordar coa maior celeridade posible o Anel verde, de xeito que as comunidades de montes, nas súas propiedades, cederían terreos para este fin e con ilo crearíase unha franxa de seguridade ao mesmo tempo que un circuíto para o uso lúdico da cidadanía. Serían caseque 50 km, do que un terzo correspondería con monte comunal. Na última conversa mantida coa Concellería de Montes indícase por parte desta que o proxecto está remitido á Xunta de Galicia fai máis de un ano e que esta aínda non contestou, co que non se pode proseguir cun proxecto que ten previsto máis de 8 millóns de investimento. Evidentemente este atasco administrativo cómpre superalo e, ao mesmo tempo, cómpre racionalizar o proxecto e buscar puntos de conexión coas novas medida de mantemento de franxas de seguridade a carón das zonas urbanas. Nestes cometidos proseguirá presionando a Mancomunidade de Montes de Vigo.

Simulación do Anel Verde e un exemplo e aplicación no monte
Coa Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, vense falando dende 2017 para abordar dúas grandes prioridades. En primeiro lugar a rexeneración dos montes queimados e en segundo lugar a creación dunha franxa de defensa pasiva dos montes nos límites do termo municipal.
Para a primeira prioridade estableceuse un plan de investimento de entorno a 1,4 millóns de euros, que se está executando, anque con máis lentitude do que foi previsto inicialmente dado que se leva máis de seis meses de retraso. Isto está repercutindo en que as comunidades afectadas, sobre todo Coruxo e Valladares, que se quedaron sen recursos para poder actuar ao desaparecer a súa fonte de ingresos, vense como se está descontrolando o rebrote de eucalipto e acacia negra, e que canto máis tempo pasa máis difícil vai ser poder facer o traballo, amén dos riscos incendiarios que se xeneran.
No tocante á franxa de defensa pasiva nos límites do montes, trátase dunha proposta que busca anticiparse a posibles incendios que poidan proceder de Redondela ou de Nigrán e Gondomar. Esta hipótese é máis que factible tal e como aconteceron os feitos en 2017 e en episodios anteriores, e dende Montes de Vigo non se quere que en aras a protexer á poboación sempre sexa o sacrificado o monte. Facer políticas preventivas e con perspectiva de miras está demostrado que resulta máis económico que ter que aplicar políticas de extinción e logo de rexeneración.
Destes temas, así como doutros temas relativos aos enclaves privados abandonados ao carón dos montes comunais, son algúns dos temas previsto falar na xuntanza solicitada nada máis tomado posesión a nova Xunta de Galicia e que aínda non está concretada.