Este venres 15 de outubro fixo 4 anos dos lumes que debastaron un tercio dos montes de Vigo e que arrasaron os montes de Coruxo, Comesaña, Matamá, Valladares e Zamáns.
Dende a Mancomunidade de Montes de Vigo fíxose un sinxelo acto de lembranza as 12:00 no Parque Forestal de Aguieira (Comunidade de Montes de San Andrés de Comesaña) no que se fixo balance do acontecido nestes catro últimos anos e da importancia de traballar a fondo pola protección do monte e por buscar fórmulas para potenciar o uso social dun monte periurbano como o de Vigo. Ao principio do acto houbo un minuto de silencio polo recen finado expresidente de Comesaña, Carlos Alonso.
No acto participaron a Delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto co director Xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez Vázquez, e o director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan Rodríguez. Na intervención dos directores xerais púxose de manifesto o traballo de rexeneración nos montes de Vigo, así como a importancia de abordar a franxa de seguridade pasiva e o papel do monte periurbano, do que o caso de Vigo é un dos máximos exponentes de Galicia. Quedouse en profundizar nestas liñas de traballo en vindeiras xuntanzas.
Programa do acto:
- Colocación de placa conmemorativa no Miradoiro do Parque Forestal de Aguieira (Comesaña)
- Intervención do Presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, Uxio González.
- Intervención das autoridades invitadas
- Actuación Grupo de Gaitas "O Coto Grande" do CRC de Cabral-Becerreira.
Máis info en montesdevigo@gmail.com ou no 608 046 047
________________________________________________________
Comunicado da Mancomunidade de Montes de Vigo con motivo do "4º ano da crise incendiaria de outubro de 2017" (acordado na Asemblea do 11 de outubro de 2021)
En primeiro lugar, o traballo realizado neste tempo dende os lumes foi
retirar a madeira queimada e sobre todo intentar evitar que se perdera o chan
para poder intentar a súa rexeneración. Ao mesmo tempo, houbo que redactar de
novo un Plan de ordenación dos montes, que é o documento que nos esixe a
administración competente en temas forestais, ou sexa, a Consellería de Medio
Rural - Xunta de Galicia.
Iniciouse o proceso de reforestación sobre a base do novo plan e, hai que
lembralo, a sociedade civil volcouse en mostras de solidariedade con múltiples
plantacións escolares, de empresas e colectivos sociais. A verdade que se
sentiu de preto o calor dos vigueses e viguesas, que coma nós, sentíronse
abatidos ao ver como moitos dos lugares onde paseaban ou facían as súas comidas
campestres desaparecían. Na imaxe que se acompaña, 1500 escolares abrazaron o
Monte dos Pozos como símbolo o 19 de outubro de 2018.
En segundo lugar, iniciouse un proceso de conversa co Concello de Vigo e coa Xunta de Galicia, para ver como se podían levar a cabo accións de prevención de incendios e rexeneración dos montes queimados. Os especialistas advirten que os grandes lumes viñeron para quedarse dado o proceso de cambio climático que estamos a vivir e dado o nivel de abandono dos espazos rústicos e que ou se toman medidas estruturais e contundentes ou, ben de seguro teremos unha próxima catástrofe incendiaria como a de 2017 e non teremos a sorte de que esa noite chove. De ser así os danos persoais e materiais poderían ser moito máis dramáticos.
Demandas ao Concello de
Vigo
Co Concello de Vigo
existe un convenio que recolle a cesión da maioría dos Parques Forestais do
termo municipal, de xeito que están dispoñibles para o goce de toda a cidadanía
e a cambio o servizo de conservación de Parques e Xardíns encárganse do seu
mantemento e limpeza. Nunha xuntanza co Concelleiro responsable solicitouse
unha maior atención aos mesmos dado o elevado uso que se está percibindo dende
o inicio da pandemia.
Por outra banda, tamén se conta cunha subvención de 145.000 euros para contratar persoal a través do Plan de Emprego do Concello, con fin de manter o monte e facer labouras de prevención de incendios. Leva operativo dende 2012 e permite dispór dunha cuadrilla de reforzo durante 6 ou 7 meses. Vendo como se desenvolveron os acontecementos de 2017, dende Montes de Vigo estase solicitando unha ampliación dos recursos para este fin na medida en que consideramos que claramente trátase dun investimento en futuro e, co existente, non se dan cuberto as necesidades ordinarias e menos as extraordinarias derivadas das máis de 500 ha queimadas.
Por último, e non por ilo menos importante, estase falando co Concello de Vigo para abordar coa maior celeridade posible o Anel verde, de xeito que as comunidades de montes, nas súas propiedades, cederían terreos para este fin e con ilo crearíase unha franxa de seguridade ao mesmo tempo que un circuíto para o uso lúdico da cidadanía. Serían caseque 50 km, do que o 60% correspondería con monte comunal.
Na última conversa mantida coa Concellería de Montes indícase por parte desta que o proxecto está remitido á Xunta de Galicia e que mentres non autorice non se pode proseguir cun proxecto que ten previsto máis de 8 millóns de investimento. A súa vez, por parte da Xunta de Galicia indícase que o proxecto enviado non cumpre cos requerimentos debidos e así non se pode autorizar.
Evidentemente este atasco administrativo cómpre superalo e, ao mesmo tempo, cómpre racionalizar o proxecto e buscar puntos de conexión coas novas medida de mantemento de franxas de seguridade a carón das zonas urbanas. Nestes cometidos proseguirá traballando a Mancomunidade de Montes de Vigo.
Simulación do Anel Verde e un exemplo e aplicación no monte
Demandas á Xunta de
Galicia
Coa Xunta de Galicia, a
través da Consellería de Medio Rural, vense falando dende 2017 para abordar
dúas grandes prioridades. En primeiro lugar a rexeneración dos montes queimados
e en segundo lugar a creación dunha franxa de defensa pasiva dos montes nos límites
do termo municipal.
Para a primeira prioridade estableceuse un plan de investimento de entorno a 1,4 millóns de euros, que xa está executado en Zamáns, Matamá e Comesaña, e que se está executando nestes intres nos montes de Coruxo e Valladares. Isto está repercutindo en que as comunidades afectadas, sobre todo estas últimas, que se quedaron sen recursos para poder actuar ao desaparecer a súa fonte de ingresos, poidan intentar abordar con certo optimismo o futuro.
No tocante á franxa de defensa pasiva nos límites do montes, trátase dunha proposta que busca anticiparse a posibles incendios que poidan proceder de Redondela ou de Nigrán e Gondomar. Esta hipótese é máis que factible tal e como aconteceron os feitos en 2017 e en episodios anteriores, e dende Montes de Vigo non se quere que en aras a protexer á poboación sempre sexa o sacrificado o monte. Facer políticas preventivas e con perspectiva de miras está demostrado que resulta máis económico que ter que aplicar políticas de extinción e logo de rexeneración.
Destes temas, así como doutros relativos aos enclaves privados abandonados ao carón dos montes comunais, quérese falar coa Consellería de Medio Rural e estase agardando para establecer unha xuntanza dende antes do inicio da pandemia.