MONTES DE VIGO: 25 ANOS TRABALLANDO POLO USO SOCIAL DO MONTE
Precisamente, ao longo destes 25 anos percorreuse un camiño salientable na dirección de pór en valor os montes nun entorno urbano coa xeralización dos parques forestais e miradoiros a finais dos anos 90 e principios do século XXI (35 hectáreas a disposición da cidadanía e conveniados co Concello de Vigo), coa consolidación do monte como espazo sociocultural no que se celebran as festas das parroquias ou se pon en valor o patrimonio arqueolóxico (creáronse tres áreas etnoarqueolóxicas neste período), coa creación dunha rede de sendeiros de 130 km en colaboración co Concello de Vigo, etc. O reto agora é lograr manter estas infraestruturas das que somos referencia a nivel galego.
Tamén houbo momentos críticos como os lumes de outubro de 2017, que asolaron un terzo dos montes de Vigo e que puxeron en evidencia da necesidade de abordar unha xestión proactiva dos montes como faixa de protección diante da aparición dos grandes lumes que, segundo os expertos, volverán a facer acto de presenza. Neste contexto poidose evidenciar como os montes proporcionan servizos ecosistémicos á sociedade de primeira magnitude (mananciais que subministran de auga as parroquias e os encoros, captura de CO2, etc), que poden porse en risco ante a eventual desaparición do monte, e, por último, como os seus propietarios -as comunidades de montes- teñen que abordar a súa xestión en colaboración coas administracións públicas.
Todo isto quedou reflictido xa en 2006 no NAVI – Proxecto Natureza Viva (Plan de uso e xestión dos montes da Mancomunidade de Vigo) financiado a través dun proxecto europeo transfronteirizo Interreg. Unha das conclusións máis destacadas da análise e propostas de acción recollidas nel foi “...os Montes de Vigo teñen que ofrecer á cidade unha crecente variedade de usos en consonancia coas novas demandas; pero os diversos usos han de resultar sempre harmonizables coa primacía da función ambiental e a oferta de espazos de lecer de calidade”. Tamén apuntaba que para garantir a xestión sostible do monte é preciso integrar os montes na trama urbana, o que supón achegamento das comunidades de montes á sociedade, así como a asunción da ciudadanía de máis responsabilidades en consoancia cos servizos demandados ben directamente ou indirectamente (a través das Administracións Públicas: Concello de Vigo, Xunta de Galicia, etc).
Tamén durante os dous últimos anos leváronse a cabo sendos proxectos de inserción laboral e formación para o emprego ou a rexeneración dos montes queimados en catro comunidades de montes financiados pola Xunta de Galicia, reforzando a estratexia citada.
Polo expresado, o lema da efeméride que se celebra é “25 aniversario de Montes de Vigo: a prol do uso social do monte”, no que se pon de manifesto a vocación que persigue a Mancomunidade de Montes de Vigo de contribuír ao benestar das parroquias e da cidade na que está inxerida e, ao mesmo tempo, da necesidade de profundar na compatibilización do uso forestal co uso sociorrecreativo nun entorno periurbano, facendo sostible un modelo de xestión do territorio que emana da idiosincrasia colectiva dos montes veciñais en man común. Tamén serve para lembrar que queda moito que facer e precisamente ese é o reto dos vindeiros 25 anos para o movemento comunal vigués e as institucións coas que interactúa.