Este sábado 7 de maio de 2022, a Mancomunidade de Montes de Vigo celebrou o seu 25 anivesario xunto coas 14 comunidades de montes que a conforman, así como coa presenza de representantes das mancomunidades de montes do Val Miñor e de Pontevedra, da Asociación Forestal de Galicia e da Organización Galega de Comunidades de Montes.
No acto participou por parte das autoridades competentes, a Concelleira de Igualdade e Normalización e o Conselleiro de Medio Rural, estando tamén presentes representantes do grupo municipal do BNG e do PP en Vigo.
Asemblea extraordinaria con motivo do 25 aniversario
Na primeira parte do programa de actividades previstos tivo lugar a asemblea extraordinaria coa presenza das comunidades de montes de Vigo. Houbo ocasión para falar destes 25 anos e as propostas para os vindeiros 25 anos a raíz da visualización do video conmemorativo (ver AQUI).
Tamén houbo ocasión de lembranza dos tres presidentes da Mancomunidade previos ao actual: Cándido, Isidro e Antonio Comesaña, así como para aqueles comuneiros e comuneiras que fixeron posible co seu traballo desinteresado que os montes periurbanos de Vigo sexan un referente de conexión do monte coa cidade.
Mesa redonda "Repensando o movemento comunal vigués: presente e futuro"
Na segunda parte da xornada, Daniel Rodríguez, asesor da Mancomunidade de Montes de Vigo, moderou a mesa redonda na que se realizou unha revisión da evolución do movemento comunal vigués dende a perspectiva xurídica e forestal por parte de dous dos maiores especialistas nestes temas de Galicia, Calixto Escariz e Juan Picos.
Adicionalmente, puxeronse enriba da mesa algúns dos aspectos que van a condicionar a dinámica a futuro das comunidades de montes e das mancomunidades constituídas.
Acto conmemorativo do 25 aniversario
Para rematar a xornada, tivo lugar o acto conmemorativo do 25 aniversario coa intervención de Uxío González, Presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, Uxía Blanco, Concelleira de Igualdade e Normalización, e José González, Conselleiro de Medio Rural.
Ao finalizar o acto tivo lugar a entrega dun agasallo conmemorativo ás 14 comunidades de montes de Vigo, así como aos convidados e autoridades presentes.