ACTO 5º ANIVERSARIO DOS LUMES DE 2017 EN MONTE DOS POZOS E COMUNICADO

Este sábado 15 de outubro tivo lugar o Acto de lembranza do 5º aniversario dos lumes de 2017 que arrasaron un terzo dos montes de Vigo nun só día e que puxeron en evidencia a bulnerabilidade dos montes e tamén o risco que corren as parroquias limítrofes ao monte no caso dun gran lume como o vivido nese ano. 


O acto celebrouse no parque forestal dos Monte dos Pozos, na Comunidade de Montes de Valladares. Nel estivo presente a Concelleira de Igualdade de Vigo, Uxía Blanco, o Director Xeral de Montes e de Planificación, José Luís Chan, o Presidente da Comunidade de Montes de Valladares, Gregorio Alvarez, e o Presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, Uxío González, así como representantes da maioría das comunidades de montes de Vigo.


Uxío González rememorou o vivido e puxo de manifesto como se está en proceso de rexeneración dos montes queimados co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Vigo, cun investimento respectivamente de 1,8 millóns e de 1,2 millóns neste período. En todo caso, subliñou o escaso avance vivido dende os lumes en adopción de medidas preventivas do lume tal e como se reflicte no comunicado aprobado pola Asemblea da Mancomunidade e que se recolle máis abaixo. Recalcou que o indicado ademáis ten particular vixencia este ano no que se viviron en Galicia os lumes máis extensos de toda a historia.

Por tal motivo considera necesario facer público que os investimentos necesarios para os cinco próximos anos deben multiplicarse por 10 (ver abaixo apartado de Propostas 15/10/22), acadando un total de 25 millóns de euros a partes iguais entre as dúas administracións con competencias. Por un lado cómpre abordar a faixa de defensa pasiva a crear nos límites cos montes de Nigrán, Gongomar, Mos e Redondela, que é competencia da Xunta de Galicia. Por outra banda, cómpre investir os 10 millóns previstos para o Anel Verde polo Concello de Vigo e que aínda non se fixo siquera o proxecto, así como duplicar a dotación para os equipos de prevención a través do Plan de Emprego e para o mantemento e a conservación das infraestructuras dos parques forestais, miradoiros, etc, do que se benefician cada fin de semana máis de 10.000 persoas.

Pola súa parte, Gregorio Álvarez fixo unha lembranza a toda a cidadanía que colaborou no 2017 na extinción dos lumes e, no seu caso, particularmente aos veciños e veciñas da parroquia de Valladares que estiveron na primeira liña de defensa do monte e da parroquia e grazas aos cales os danos vividos, que superaron o 85% do monte de Valladares, non chegou a afectar a ninguén.

Uxía Blanco lembrou o compromiso do Concello de Vigo coa prevención dos lumes nos montes, tal e como lles compete, e asumiu o reto de abordar os necesarios investimentos nos montes en beneficio da cidadanía que todos os días se beneficia deles. Tamén fixo unha alegoría á situación vivida a través dun fragmento dunha canción de Victor Manuel.

Para rematar, José Luís Chan tamén fixo memoria dos graves lumes vividos en 2017 e como a Xunta de Galicia na maior brevidade posible puxo a disposición unha partida de 1,4 millóns de euros para realizar, en colaboración coa Mancomunidade de Montes de Vigo, o proceso de rexeneración dos montes queimados en Valladares, Coruxo, Comesaña e Zamáns. Tamén está contribuíndo vía outras liñas de axudas a tentar crear as condicións para que os montes sexan o máis resilentes posibles, se ben recoñeceu que aínda hai moito traballo por diante. Fixo unha particular mención a o exemplar traballo que Montes de Vigo fai para buscar solucións que aborden os problemas de grandes lumes que se presentan, e insistiu na necesidade dun traballo de cooperación institucional para abordalos dado que nesta laboura non sobra ninguén.

Finalizou o acto co himno galego interpretado polos Gaiteiros de Pardavila.


NOVA RECOLLIDA NA TELEVISIÓN DE GALICIA (AQUI), EN ATLÁNTICO DIARIO (AQUI) E NA VOZ DE GALICIA (AQUI)

___________________________________________________________________________________

PROPOSTAS DOS MONTES DE VIGO CON MOTIVO DO 5º ANIVERSARIO DOS LUMES PRESENTADAS DURANTE O ACTO CELEBRADO O 15 DE OUTUBRO DE 2022


A Mancomunidade de Montes de Vigo, que aglutina as 14 Comunidades de Montes (Beade, Cabral, Candeán, Castrelos, Comesaña, Coruxo, Lavadores, Matamá, Oia, Saiáns, Teis, Valladares e Zamáns, xunto coa Entidade Local Menor de Bembrive)  activas no termo municipal, cun total do 17% da superficie de Vigo e a máis de 4000 comuneiros e comuneiras, lembra este 15 de outubro de 2022 os cinco anos dos fatídicos incendios de 2017 nos que en 8 horas ardeu un terzo dos montes de Vigo, case 600 hectáreas.

Na Asemblea da Mancomunidade do pasado luns 10 de outubro fíxose un balance destes 5 anos e chegouse á conclusión de que pouco se avanzou dende 2017 en dous aspectos que se consideran de vital importancia para a sociedade viguesa e da súa contorna:

a) Definir unha estratexia de protexer do lume o maior monte periurbano de Galicia. A competencia neste ámbito a comparten Xunta de Galicia e Concello de Vigo.

A Xunta de Galicia, como responsable das políticas de prevención dos incendios, debe abordar de inmediato unha faixa de defensa pasiva nos límites dos montes con Nigrán, Gondomar ou Redondela, incorporando na medida do posible as novas investigacións que se están realizando dende a Universidade de Vigo para abordar a problemática dos grandes lumes.

O Concello de Vigo, como responsable da biomasa da faixa secundaria, debe acelerar os trámites que posibiliten o desenvolvemento do anel verde de Vigo como instrumento de prevención de lumes nos núcleos de poboación e, aproveitar para ser un espazo de lecer e encontro da cidadanía.

En definitiva, cómpre protexer á poboación, si. Pero tamén cómpre non abandonar os montes á súa sorte no caso de lumes dado que é un patrimonio natural do que se beneficia toda a cidadanía.

b) Incorporar os montes de Vigo nunha rede de infraestruturas verdes en terreos forestais tal e como recolle o Plan Forestal de Galicia 2021-40 e recomenda a Unión Europea. Nesta laboura tamén teñen que implicarse Xunta de Galicia e Concello de Vigo, pero dun xeito decidido e non dun xeito residual como se ten feito ata agora.

 

A modo de exemplo, estimamos que cada fin de semana fan uso dos montes de Vigo entre 8.000 e 10.000 persoas, superando esta cifra moitos fins de semana do verán. Estas cifras aumentouse significativamente durante a pandemia, e non minguou pasada esta.

Nestes últimos 5 anos, a Xunta de Galicia dotou unha partida de 1,4 millóns de euros na repoboación dos montes queimados e aínda está pendente de rematar o investimento, así como 400.000 euros en sendos obradoiros forestais. Pola súa banda, o Concello de Vigo a través do Plan de Emprego Municipal e das partidas adicadas aos mantementos dos Parques Forestais e Sendeiros, adicou 1,2 millóns de euros.

Consideramos que estas cifras son claramente insuficientes para dar atención ao fluxo permanente que soportan os montes periurbanos de Vigo e para adiantarnos aos lumes que todos os expertos nos din que seguramente van a volver facer acto de presencia, máis cedo que tarde.

 

Proposta da Mancomunidade de Vigo para os vindeiros 4 anos:

Dado que os lumes deste verán en todo Galicia nos lembraron que hai que despregar o antes posible as políticas preventivas contra os lumes, a Asemblea da Mancomunidade de Montes de Vigo quere facer unha dobre proposta ás Administracións competentes por importe de 25 millóns de euros, que se adicarían a:

a)  a) Xunta de Galicia: realizar un investimento nos montes de Vigo e comarca para prevención de lumes por importe de 12,5 millóns de euros.

b)  b) Concello de Vigo: realizar un investimento no Anel Verde de Vigo de 10 millóns de euros, tal e como se comprometera no ano 2018 no proxecto inicial realizado, así como adicar 2,5 millóns de euros en duplicar os recursos destinados ao mantemento e conservación dos Parques Forestais e infraestruturas de uso social do monte da que se beneficia toda a poboación de Vigo.

 

Presentamos esta proposta neste día tan sinalado do 5º aniversario dos lumes de outubro de 2017 e comprometemos o noso esforzo en loitar porque se materialice en ben da sociedade para a que levamos contribuíndo dende hai máis de 25 anos.

Uxío González, Presidente de Montes de Vigo (15/10/22)


_________________________________________________________________________________

COMUNICADO MONTES DE VIGO CON MOTIVO DO 5º ANIVERSARIO DOS LUMES

A Mancomunidade de Montes de Vigo, que aglutina a 14 comunidades de montes veciñais no termo municipal, acordou na súa asemblea realizar un acto de lembranza dos fatídicos lumes acontecidos o 15 de outubro de 2017 e que destruíron 566 ha de monte, un terzo dos montes periurbanos de Vigo, e asolaron case completamente os montes de Coruxo, Comesaña, Matamá, Valladares e, parcialmente, Zamáns. 

Neste quinto aniversario quérese dar a coñecer á sociedade viguesa o balance do proceso de rexeneración destes cinco anos e os retos que se consideran imprescindibles abordar se se lle quere deixar aos nosos descendentes un entorno mínimamente digno. 

O vindeiro 15 de outubro de 2017 xa fan 5 anos de que un incendio de 6ª xeración chegase aos Montes de Vigo e arrasase 566 ha de monte, un terzo dos montes periurbanos de Vigo, e asolaron case completamente os montes de Coruxo, Comesaña, Matamá, Valladares e, parcialmente, Zamáns. 

As imaxes que durante este verán puidemos observar na televisión lembrounos aquel día fatídico que non se borra da memoria. Non podemos facer outra cousa que solidarizarnos con distintos territorios que sufriron esta lacra. Agora, para eles, arranca o proceso de rexeneración, que no noso caso levamos un lustro.

En primeiro lugar, despois de facer accións de urxencia para que o solo non se perdera e con ilo perder centos de anos de actividade natural, o traballo realizado de inmediato foi retirar a madeira queimada. Precisamente neste aspecto maniféstase a diferencia con moitos enclaves particulares, que foron abandonados e agora as árbores secas e podridas resultan un perigo ou rebrotaron fundamentalmente os eucaliptos.


Ao mesmo tempo, houbo que redactar de novo o Plan de ordenación dos montes afectados, que é o documento que esixe a administración competente en temas forestais, ou sexa, a Consellería de Medio Rural - Xunta de Galicia. 
Iniciouse o proceso de reforestación sobre a base do novo plan e, hai que lembralo, a sociedade civil volcouse en mostras de solidariedade con múltiples plantacións escolares, de empresas e colectivos sociais. A verdade que se sentiu de preto o calor dos vigueses e viguesas, que coma nós, sentíronse abatidos ao ver como moitos dos lugares onde paseaban ou facían as súas comidas campestres desaparecían. Na imaxe que se acompaña, 1500 escolares abrazaron o Monte dos Pozos como símbolo o 19 de outubro de 2018.


En segundo lugar, iniciouse un proceso de conversa co Concello de Vigo e coa Xunta de Galicia, para ver como se podían levar a cabo accións de prevención de incendios e rexeneración dos montes queimados. Os especialistas advirten que os grandes lumes viñeron para quedarse dado o proceso de cambio climático que estamos a vivir e dado o nivel de abandono dos espazos rústicos e que ou se toman medidas estruturais e contundentes ou, ben de seguro teremos unha próxima catástrofe incendiaria como a de 2017 e non teremos a sorte de que esa noite chove. De ser así os danos persoais e materiais poderían ser moito máis dramáticos. O acontecido neste verán de 2022 en O Courel, Valdeorras, Vilariño de Conso, Laza e Boiro, entre outros, son unha boa mostra do que se está a apuntar.


Demandas ao Concello de Vigo
Co Concello de Vigo existe un convenio que recolle a cesión da maioría dos Parques Forestais do termo municipal, de xeito que están dispoñibles para o goce de toda a cidadanía e a cambio o servizo de conservación de Parques e Xardíns encárganse do seu mantemento e limpeza. Nunha xuntanza co Concelleiro responsable solicitouse unha maior atención aos mesmos dado o elevado uso que se está percibindo estes últimos anos

Por outra banda, tamén se conta cunha subvención de 145.000 euros para contratar persoal a través do Plan de Emprego do Concello, con fin de manter o monte e facer labouras de prevención de incendios. Leva operativo dende 2012 e permite dispór dunha cuadrilla de reforzo entre 5 ou 7 meses. Vendo como se desenvolveron os acontecementos de 2017, dende Montes de Vigo estase solicitando unha ampliación dos recursos para este fin na medida en que consideramos que claramente trátase dun investimento en futuro e, co existente, non se dan cuberto as necesidades ordinarias e menos as extraordinarias derivadas das máis de 500 ha queimadas.

Por último, e non por ilo menos importante, estase falando co Concello de Vigo para abordar coa maior celeridade posible o Anel verde, de xeito que as comunidades de montes, nas súas propiedades, cederían terreos para este fin e con ilo crearíase unha franxa de seguridade ao mesmo tempo que un circuíto para o uso lúdico da cidadanía. Serían caseque 50 km, do que o 60% correspondería con monte comunal. 

Durante a celebración do Día dos Montes en maio deste ano, o Alcalde de Vigo comprometeuse acelerar este proceso con todas aquelas Comunidades que teñan cedidos os terreos ao Concello. A Concellería de Montes a data de hoxe non ten dado ningún paso ao respecto, o cal evidencia unha auténtica deixación de funcións por parte do seu responsable.

Evidentemente este atasco administrativo cómpre superalo e, ao mesmo tempo, cómpre racionalizar o proxecto e buscar puntos de conexión coas novas medida de mantemento de franxas de seguridade a carón das zonas urbanas. Nestes cometidos proseguirá presionando a Mancomunidade de Montes de Vigo.



Simulación do Anel Verde e un exemplo e aplicación no monte



Demandas á Xunta de Galicia
Coa Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, vense falando dende 2017 para abordar dúas grandes prioridades. En primeiro lugar a rexeneración dos montes queimados e en segundo lugar a creación dunha franxa de defensa pasiva dos montes nos límites do termo municipal. 

Para a primeira prioridade estableceuse un plan de investimento de entorno a 1,4 millóns de euros, que xa está executado en Zamáns, Comesaña, Coruxo e Valladares. Isto está repercutindo en que as comunidades afectadas poidan intentar abordar con certo optimismo o futuro.


No tocante á franxa de defensa pasiva nos límites do montes, trátase dunha proposta que busca anticiparse a posibles incendios que poidan proceder de Redondela ou de Nigrán e Gondomar. Esta hipótese é máis que factible tal e como aconteceron os feitos en 2017 e en episodios anteriores, e dende Montes de Vigo non se quere que en aras a protexer á poboación sempre sexa o sacrificado o monte. Facer políticas preventivas e con perspectiva de miras está demostrado que resulta máis económico que ter que aplicar políticas de extinción e logo de rexeneración. 

Para este fin, a Mancomunidade de Montes de Vigo ten solicitado a consideración de Agrupación Forestal de Xestión Conxunta, e está agardando a correspondente resolución así como liñas de apoio para abordar investimentos con este enfoque preventivo.

Destes temas, así como doutros relativos aos enclaves privados abandonados ao carón dos montes comunais, está falado coa Consellería de Medio Rural e comprometido durante os actos do 25 aniversario da Mancominidade de Vigo que se abordarían durante 2022 e estase agardando que se produza. 
Nombre

Actualidade,147,Destacado,89,eventos,9,
ltr
item
Montes de Vigo: ACTO 5º ANIVERSARIO DOS LUMES DE 2017 EN MONTE DOS POZOS E COMUNICADO
ACTO 5º ANIVERSARIO DOS LUMES DE 2017 EN MONTE DOS POZOS E COMUNICADO
https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgZ-Mn7qcFVtqx-11DF9MwUOSKeQ7JF4or8UrCx8NfahET-TScZ4ZwDSREq8cn1dyMz1OFRF0-y2XWeAkB1CIe_TPQNGNRpzUioNVPabqhUyCEEV4F1qaYEukXIR2QkI6EsA0PeTK_LbajEWabisQvh_mEXkXn7NVvox8V0Je1aywbj9EYChUbZmqSiQw/w640-h426/2022-10-15%20V%20Aniversario%20Lumes-2.JPG
https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgZ-Mn7qcFVtqx-11DF9MwUOSKeQ7JF4or8UrCx8NfahET-TScZ4ZwDSREq8cn1dyMz1OFRF0-y2XWeAkB1CIe_TPQNGNRpzUioNVPabqhUyCEEV4F1qaYEukXIR2QkI6EsA0PeTK_LbajEWabisQvh_mEXkXn7NVvox8V0Je1aywbj9EYChUbZmqSiQw/s72-w640-c-h426/2022-10-15%20V%20Aniversario%20Lumes-2.JPG
Montes de Vigo
https://www.montesdevigo.org/2022/10/quinto-aniversario-lumes-2017.html
https://www.montesdevigo.org/
https://www.montesdevigo.org/
https://www.montesdevigo.org/2022/10/quinto-aniversario-lumes-2017.html
true
8322081761724650788
UTF-8
Tódolos artigos están cargados Non se atopou ningún artigo VER TODO Ler máis Responder Cancelar resposta Borrar Por Inicio PÁXINAS ARTIGOS Ver Todo RECOMENDADO PARA TI CATEGORÍA ARQUIVO BUSCAR TÓDOLOS ARTIGOS Non se atopou ningunha coincidencia coa túa solicitude Volver a Inicio Domingo Luns Martes Mércores Xoves Venres Sábado Dom Lun Mar Mér Xov Ven Sáb Xaneiro Febreiro Marzo Abril Maio Xuño Xullo Agosto Setembro Outubro Novembro Decembro Xan Feb Mar Abr Maio Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Agora mesmo Fai 1 minuto $$1$$ minutes ago Fai 1 hora $$1$$ hours ago Onte $$1$$ days ago $$1$$ weeks ago Fai máis de 5 semanas Seguidores Seguidos ESTE CONTIDO ESTÁ BLOQUEADO PASO 1: Compartir coas túas redes sociais PASO 2: Fai click no enlace da túa rede social Copiar todo Seleccionar todo Este contido foi copiado no teu portapapeis Non se puido copiar, por favor preme [CTRL]+[C] (ou CMD+C con Mac) para copiar