A Mancomunidade de Montes de Vigo que agrupa ás 13 de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Vigo, xunto coa Entidade Local Menor de Bembrive, quere manifestar o seu rotundo rechazo ás declaracións da Consellería de Medio Rural lexitimando o posicionamento dunha plataforma nun asunto que a xurisprudencia ten reiterado como indiscutible: a consideración dos montes veciñais en man común como "bens indivisibles, inalienables, impresciptibles e inembargables” (artigo 2 da Lei 13/1989, de 10 de outubro, de montes veciñais en man común”).
Tal e como foi acordado na Asemblea de Montes de Vigo do pasado luns 10 de xullo de 2023, todas as comunidades membro queren manifestar o seu pesar polo constante ataque a unha forma de propiedade característica de Galicia, de procedencia xermánica, que recolle os valores comunitarios dun territorio empobrecido e case sempre explotado por uns poucos. Ademáis, son o reflexo de como se poden cubrir as necesidades da sociedade de xeito colectivo e, a modo de exemplo, no caso de Vigo, esta realidade é a que posibilita que 35 hectáreas estean dispoñibles para Parques Forestais a servizo da cidadanía viguesa, que 128 km de sendeiros locais circulen polos montes de Vigo, que 11 miradoiros naturais servan para o deleite de miles de visitantes ou que múltiples espazo etnoarqueolóxicos permitan manter viva a nosa historia. Todo isto sen comentar os restantes servizos ecosistémicos asociados coa absorción de CO2, coa retención de auga, coa mitigación da illa de calor urbana, co soporte da biodiversidade, etc.
Nengunha administración é quen dar este servizo nunha gran cidade de Galicia. É por este motivo polo que o Concello de Vigo ten que conveniar o uso destes espazos para darlle atención ás necesidades da súa poboación, proceso por certo que nestes momentos está en pleno proceso de renegocación.
Tamén é o motivo polo que Montes de Vigo en colaboración coa Universidade de Vigo presentaron un proxecto á Fundación Biodiversidade do Ministerio de Transición Ecolóxica, para estudar os impactos de todos estes servizos ecosistémicos e buscar fórmulas para podelos sostibles de cara a futuras xeracións.
Cómpre lembrar que os montes veciñais en man común en xeral, e os vigueses en particular, superaron os ataques indiscriminados da nobreza e dos poderes públicos que con posterioridade se quixeron apropiar deles. O máis recente tivo lugar na ditadura franquista, que por certo repobou os montes de Vigo con eucaliptos, piñeiros e acacias, e ao volver a mans das comunidades nos anos 90 tiveron que porse a rexeneralos.
Agora, unha vez máis, están a ser “asaltados” polos intereses particulares dun grupo reducido de empresarios “recén chegados ao reparto da tarta” para resolver os seus problemas particulares e que se apoian, de novo, nos poderes de turno como por exemplo o Concello de Mos no caso das instalacións deportivas do Celta e, hoxe mesmo, pola Consellería de Medio Rural -encargada de velar pola lexislación que defende os montes veciñais en man común-.
Dende a Mancomunidade de Montes de Vigo e as Comunidades membro reclamamos que inmediatamente se recupere o “sentidiño” e se produza unha rectificación necesaria.
Tamén solicitamos un tratamento informativo neutral ao que estamos percibindo que está sendo unha distorsión da realidade polo efecto dun reducido grupo de empresarios organizados en lobby de opinión. Por favor, respecto ao máis de 4000 comuneiros e comuneiras que tan só en Vigo forman parte do movemento comunal vigués.
Por último, dada a nosa misión fundacional, aquí estamos para preservar os montes herdados dos nosos devanceiros e trasladarllo as xeracións que sigan, así como para, na medida das nosas posibilidades, dar resposta ás necesidades sociais das parroquias ás que nos debemos e á cidadanía en xeral. Sempre, iso sí, con diálogo e respecto.