A Mancomunidade de Montes de Vigo en consorcio coa Universidade de Vigo veñen de presentar o proxecto Valorización e xestión sostenible dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo á “Convocatoria de subvenciones para apoyo a proyectos transformadores para la promoción de la bioeconomía ligada al ámbito forestal y la contribución a la transición ecológica en el marco del Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia - Financiado por la Unión Europea – NextGenerationEU para el ejercicio 2023” da Fundación Biodiversidade.
Obxectivos do proxecto
Trátase de pór en valor, dunha forma anovadora e mancomunada, os servizos ecosistémicos (servizos recreativos, o auga, a absorción de carbono da atmósfera, etc) dos montes de Vigo conformados polas 14 entidades membro da Mancomunidade. Estes servizos dan cobertura ás necesidades de máis de 300.000 persoas que viven na cidade de Vigo e bisbarra.
Con este traballo preténdese lograr a conservación e mellora no tempo mediante a formulación de estratexias de xestión en base a criterios de bioeconomía e de participación social.
Unha mostra evidente da importancia dos montes de Vigo é a súa participación na configuración do sistema fluvial do Lagares. No seguinte gráfico proporcionado polo grupo de investigación de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo pódese comprobar tal realidade.
Cartas de apoio ao proxecto
Resultou moi satisfactorio para Montes de Vigo poder contar con 29 cartas de apoio dalgúns dos principais axentes públicos e privados relacionados coa bioeconomía forestal da área metropolitana de Vigo.
Cómpre destacar pola parte institucional a Consellería de Medio Rural, o Parque Nacional Marítimo Terrestre da Illas Atlánticas de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo e os Concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona, así como FCC Aqualia Vigo UTE (servizos de augas de Vigo).
Pola parte privada apoiaron a iniciativa a Asociación Forestal de Galicia, a Organización Galega de Comunidades de Montes, os Colexios Oficiais de Técnicos Forestais e de Bioloxía, o Círculo de Empresarios de Galicia, Finsa, Ence, Mancomunidade de Montes V.M.C del Morrazo, Mancomunidade de Montes V.M.C del Val Miñor e Comunidade de Montes V.M.C. de Vincios
Tamén manifestaron a súa adhesión diversas entidades sociais, deportivas e empresas que teñen colaborado cos montes de Vigo, como: Federación de Asociacións Veciñais de Vigo, Asociación Rede de Mulleres contra os malos tratos de Vigo, Asociación Española Contra el Cáncer en Pontevedra, Federación Galega de Ciclismo, Clube de montaña Xistra, Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, Instituto de enseñanza secundaria de Beade, Decathlon Vigo, Team Relay, Humor Amarillo Sport e Segatur.
En todo caso vémonos na obriga de sinalar a falla de apoio do Concello de Vigo e da Zona Franca de Vigo, sendo un dos principais beneficiarios precisamente dos servizos ecosistémicos que se pretenden promover. Agardamos que esta circunstancia se vexa superada a medida que se comprenda o humilde papel que desempeña no territorio un actor que supón o 17% da súa superficie.