O Presidente de Montes de Vigo, Uxío González, deu traslado ao Concello de Vigo do acordo da última Asemblea de Montes de Vigo en relación coas "Infraestructuras verdes localizadas nos montes veciñais en man común de Vigo". O obxectivo é que se aborde de xeito integral tanto o plan de mellora dos parques forestais ata o momento conveniados -e que precisan de renovación dos convenios- como o tratamento daquelas outras superficies susceptibles de cesión de uso (áreas etnoarqueolóxicas, miradoiros, áreas recreativas, áreas de especial interese medioambiental, etc) e o mantemento e conservación de infraestructuras que están localizadas nos mesmos (sendeiros locais, interconexións entre dotacións, etc).
O que se lle propón ao Concello de Vigo é definir un marco de relación global que aborde un modelo común de convenios con todas as Comunidades de Montes Veciñais, así como un Plan plurianual de modernización das infraestructuras verdes nos Montes de Vigo e un Programa anual de dinamización social dos montes de Vigo. Todo ilo nun marco xeral de relación coa Mancomunidade de Montes de Vigo e as 14 Comunidades de montes asociadas.
O texto íntegro do Acordo remitido está dispoñible AQUI e incorpora a proposta das bases para o proceso de negociación, indicando requisitos mínimos e o estándar de calidade dos equipamentos e servizos aos que se aspira.