USO SOCIAL

MONTES DE VIGO E AS 13 COMUNIDADES DE MONTES ASOCIADAS
A Mancomunidade de Montes de Vigo (Montes de Vigo, en diante) é a entidade que aglutina as 13 Comunidades de Montes Veciñais e en man común do concello de Vigo.

Constituíuse en 1997 coa finalidade da defensa e mellora dos montes das entidades de Vigo, nos seus aspectos económicos, sociais, ecolóxicos, culturais e de relación.

As 13 comunidades de montes de Vigo xestionan 1.565 hectáreas de espazo forestal, o que supón arredor do 17% da superficie do termo municipal, dos cales o 56,7% está considerado como de uso social.

Ademáis, contan con 35 hectáreas de áreas recreativas, a meirande parte delas conveniadas co Concello de Vigo, así como cun patrimonio arqueolóxico (45 gravados rupestres catalogados, 12 mámoas, 12 castros, xacementos, etc) e etnográfico (muíños, camiños enlousados, etc) destado.

Tamén é de salientar que polos montes de Vigo discorren a maioría dos sendeiros trazados (GR-53, GR-58, GR-94, PR-G1, PR-G5, PR-G9, sendeiros locais e rutas temáticas -senda do bosque, ruta das mámoas, ruta das esculturas, parque temático Arco da Vella-).


MONTES DE VIGO E O SEU PAPEL SOCIAL
Por outra banda, por todos é coñecido que nos diversos montes de Vigo ten lugar múltiples das actividades lúdico-deportivas de entidades, centros educativos e colectivos da cidade, que van dende sendeirismo, btt e outras modalidades ciclistas, actividades micolóxicas, actividades botánicas ou ecolóxicas, paseos fotográficos, plantacións, ximcanas medioambientais, etc.

A todo isto hai que engadir que cada unha das 13 Comunidades de Montes desenvolve en maior ou menor medida unha programación de actividades divulgativas, de conservación e de dinamización sociocultural, así como patrocina nas súas respectivas parroquias moitas das festas patronais e culturais, clubs deportivos, anpas e outros colectivos sociais e culturais.


A súa vez, Montes de Vigo, en colaboración coas comunidades de montes, ten promovido actividades que aglutinan as diversas comunidades, sendo as máis destacadas a Andaina polos montes de Vigo (en colaboración co Concello de Vigo) e a Trail polos montes de Vigo

   


A XESTIÓN DO MONTE PERIURBANO
En 2006 Montes de Vigo elaborou o Proxecto "Natureza Viva", un verdadeiro plan estratéxico a desenvolver a medio prazo. Resultado deste traballo chégase á conclusión de que "... os Montes de Vigo teñen que ofrecer á cidade unha crecente variedade de usos en consonancia coas novas demandas; pero os diversos usos han de resultar sempre harmonizables coa primacía da función ambiental e a oferta de espazos de lecer de calidade".

Para garantir a xestión sostible do monte é preciso integrar os montes na trama urbana, o que supón entre outras cuestións:
a) Un achegamento das Comunidades de Montes á sociedade, e particularmente, á lóxica de servizos, dado que únicamente coa corta de madeira non se dá financiado de xeito ordinario a función social do monte.
b) A asunción da cidadanía de máis responsabilidade en consoancia cos servizos demandados, tanto directamente (asumindo parte do seu custe ou participando no seu mantemento) como indirectamente (a través das administracións públicas, con promoción e asunción de custes).



A CREACIÓN DA ÁREA DE USO SOCIAL DO MONTE
A actual Xunta directiva de Montes de Vigo proponse darlle un pulo as liñas estratéxicas marcadas e, despois do correspondente tratamento na Asemblea Xeral de xullo de 2016, ten previsto botar a andar a Área do uso social do monte como mecanismo para dinamizar e coordinar as actividades que se desenvolven nas distintas comunidades de montes, así como para conquerir un achegamento á cidadanía viguesa e ás institucións públicas e privadas presentes no concello.

Para desenvolver a estratexia prevista vanse a artellar catro eixos de actuación:

1. Dinamización recreativa, que será a encargada de dinamizar os parques e espazos forestais, dinamizar o patrimonio natural e cultural asociado cos montes de Vigo e promover a realización de actividades lúdicas e deportivas, tanto propias como de terceiros, nos espazos habilitados para tales fins.




2. Educación ambiental, que se encargará de xestionar o monte comunal de Vigo como unha gran Aula da natureza na que poidan desenvolverse actividades formativas por parte de centros educativos, empresas de servizos e cidadanía en xeral. Tamén se encargará de organizar cursos formativos para comuneiros e poboación en xeral, así como dispór dun centro de recursos a disposición das comunidades de montes e de terceiros.



3. Participación social, que a través do Club de amigos/as dos montes de Vigo pretende achegar a todos e todas os interesados en coñecer e conservar os montes de Vigo con fins de interese xeral. Tamén se propón, en colaboración con institucións e entidades colaboradoras promover canles de participación como o voluntariado medioambiental ou colectivos colaboradores.



4. Comunicación e relacións exteriores, para dar a coñecer o uso social do monte de Vigo e recabar a colaboración e patrocinio de institucións públicas e privadas de xeito que contribúa a poder desenvolver as actividades dos outros eixos de actuación.