Montes de Vigo: unha mancomunidade formada por 14 Comunidades de montes veciñais en man común
Na cidade de Vigo atópase unha das Mancomunidades de montes veciñais (Montes de Vigo, en diante) máis importantes do estado, conformada por 14 entidades (trece comunidades de montes veciñais en man común -a última incorporada en xaneiro de 2020- e un monte de utilidade pública adscrito á Entidade Local Menor de Bembrive) e que abrangue o 17% da superficie do concello (1.565 ha) segundo o último censo realizado en 2006 co estudio do NAVI (Natureza Viva, Proxecto de uso do monte periurbano de Vigo inserto no subprograma Galicia/Norte de Portugal da iniciativa Interreg III A).
A partir do citado estudo Montes de Vigo e as comunidades membro propuxéronse promover o uso sostible dos montes comunais a través dun programa de creación de emprego e aproveitamento racional dos recursos económicos, sociais e culturais dispoñibles. Xunto coa función principal de conservar o monte comunal nun entorno periurbano a través da xestión forestal, engadiuse unha función cada vez máis presente: “...os montes de Vigo teñen que ofrecer á cidade unha crecente variedade de usos en consoancia coas novas demandas; pero os diversos usos han de resultar sempre harmonizables coa primacía da función ambiental e a oferta de espazos de lecer de calidade”.

Para garantir a xestión sostible do monte é preciso integralos na trama urbana en dobre senso: por unha banda, achegamento das comunidades de montes á sociedade dado que unicamente coa corta de madeira non se dá financiado de xeito ordinario a función social do monte; por outra banda, asumindo a cidadanía máis responsabilidade en consonancia cos servizos demandados, tanto directamente (asumindo o custe ou participando no seu mantemento) como indirectamente (a través das administracións públicas, con promoción e asunción de custos).
A transformación forestal dos Montes de Vigo

Unha segunda liña de actuación global vai dirixida a achegar os montes á cidadanía. Os parques forestais, conveniados na súa meirande parte co Concello de Vigo, foron un primeiro paso cun relativo éxito na acollida dos vigueses e viguesas. Os recentes cambios normativos en relación co emprego do lume no monte fixo retroceder o atractivo ofertado para as familias nos meses de verán, que é cando máis se empregan. Entretanto se está facendo entender á administración que as condicións dos parques forestais en Vigo deberían ser unha excepción a esa norma dado os coidados que as comunidades realizan dos mesmos, outras vías de achegamento á sociedade están abríndose.
Outras vías de achegamento á sociedade: o uso social do monte

Tamén son importantes as accións relacionadas coa promoción dos montes de Vigo a través de actividades lúdico-deportivas como a Andaina polos montes de Vigo que nos tres últimos anos se ten realizado ou a Trail polos montes de Vigo que tamén leva tres edicións. Aparte, tanto a mancomunidade como as comunidades de montes colaboran con entidades sociais, culturais ou deportivas naquelas iniciativas que permiten achegar a moitos públicos diferentes a un espazo natural e apto para multiples actividades como é o monte (festas populares, magostos, actividades micolóxicas, actividades naturalistas, probas deportivas, etc).
Resultados que se poden gozar cos cinco sentidos
Todo o relatado ata o de agora é froito dun lento traballo realizado por parte de centos de comuneiros e comuneiras que traballan de xeito desinteresado en manter un patrimonio natural que lle é propio pero que ten vocación de ser aberto á cidadanía de Vigo para que o coñeza e o use como un gran parque temático.
A integración entre a diversa oferta que se pode atopar nos Montes de Vigo faise necesaria para
poder gozar da nosa riqueza natural cos cinco sentidos. Con este obxectivo, neste número da revista
preséntanse os diferentes montes que forman Montes de Vigo cunha referencia aos parques forestais
que se poden atopar neles, as rutas de sendeirismo que os atravesan, os actos relevantes que se celebran neles e a evolución sufrida dende que pasaran a ser xestionados polos comuneiros e comuneiras pretendendo ser un escaparate do xa feito e un aliciente para seguir adiante no esforzo de transformación do entorno da cidade de Vigo porque aínda queda moito percorrido por diante. Neste camiñar resulta imprescindible seguir contando co Concello de Vigo e con aqueles entes públicos e privados que desexan facer de Vigo un modelo de cidade integrada no seu entorno ou, visto dende o alto do monte, dun espazo natural que quere achegarse ao corazón da cidade