Mostrando entradas con la etiqueta 2018. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 2018. Mostrar todas las entradas

12 dic. 2018

A CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL MODIFICA A SÚA ESTRUTURA


O 5 de decembro aparece no DOGA a nova estrutura da Consellería de Medio Rural, onde se reorganizan as competencias en material forestal en dúas Direccións Xerais: a de Defensa do Monte e a de Planificación e Ordenación Forestal. Na primeira queda como Director Xeral Tomás Fernández; na segunda entra como Director Xeral José Luis Chan.

Nas comunidades de montes veciñais en man común e a Mancomunidade de Vigo teremos que familiarizarnos con esta nova estrutura de cara a coñecer a interlocución e en que departamentos se resolven as tramitacións. Para facilitar esta laboura achegamos un estracto do DOGA que pode resultar de utilidade (PREMER)

28 nov. 2018

XUNTANZA DAS COMUNIDADES DE MONTES DE VIGO CON MEDIO RURAL PARA ABORDAR ACCIÓNS DE FUTURO


Na mañá deste mércores 28 de novembro a totalidade das 13 comunidades de montes asociadas en Montes de Vigo mantiveron unha xuntanza coa Alfonso Rueda, Vicepresidente da Xunta e con José Gonzalez, Conselleiro de Medio Rural. 

O Conselleiro expuso aos presentes unha proposta de actuación sobre os montes queimados por un importe de 1,3 millóns de euros, así como a revisión das liñas de subvención e accións complementarias para abordar as necesidades xerais dunha agrupación de comunidades de montes que abrangue casi 1.600 hectáreas no entorno periurbano de Vigo.

Na sesión, Uxío González, o presidente da Mancomunidade de Vigo, quixo pór de manifesto en primeiro lugar o sentemento de abandono por parte da Xunta que se percibiu nos momentos posteriores aos incendios de outubro de 2018. Tamén fixo fincapé nas problemáticas específicas dos montes periurbanos que, sen dúbida, xustifican medidas específicas tanto á hora de prevención de incendios que afectan a miles de persoas como na necesidade de facer viable uns montes que nunha parte importante están adicados a uso social. Por tal motivo, brinda toda a disposición da Mancomunidade de Montes de Vigo para buscar medidas que sigan facendo dos montes de Vigo un referente en Galicia e, mesmo, en todo o estado

Varios presidentes de comunidades de montes interviñeron na liña do presidente de Montes de Vigo, refrendando a problemática específica dos montes comunais de Vigo, da laboura de coidado que se leva facendo nestes preto de 40 anos e, que por tal motivo, ou sexa, por facer os deberes, acaban sendo perxudicados en relación coas liñas de actuación da Consellería, ata o punto de desistir de intentalo. 

Están de acordo en que hai que intervín sobre os montes privados que están abandonados, senón todo o demáis non ten senso. Preocúpalle que os investimentos sexan só para plantar frondosas en montes queimados pois, por unha banda, logo hai que facer un mantemento destes montes que habitualmente non van ser productivos e, por outra banda, todas as comunidades de montes non afectadas polos montes parece que non requiren apoio.

Posteriormente á xuntanza realizouse unha visita a distintas comunidades de montes nas que está previsto abordar a creación de franxas de seguridade no monte, así como a actuacións con frondosas ou coas primeiras barbacoas de Galicia que cumpren a normativa.


16 nov. 2018

APROVEITAMENTO MICOLÓXICO SOSTIBLE A CARGO DE MARISA CASTRO


Dentro da Vª Xornada "Froitos do noso monte" organizada por Montes de Vigo, contouse con Marisa Castro, especialista en micoloxía da Universidade de Vigo, que nos deleitou cunha charla titulada "Aproveitamento micolóxico sostible versus incendios forestais".

Houbo ocasión de entender como afectan os incendios á produción de cogomelos e como cómpre plantexarse unha estratexia de producción rendible e ao mesmo tempo sostible nos montes galegos, A hipótese é que se fai axeitadamente mesmo pode dar máis rendemento que a madeira, o cal quedou demostrado cos escasos datos dispoñibles.

A ponencia está dispoñible neste enlace de Youtube (PREMER) para quen estea interesado nela.


13 nov. 2018

V XORNADAS "FROITOS DO NOSO MONTE" O XOVES 15 EN COMESAÑA


O vindeiro xoves 15 de novembro terá lugar a Vª edición das Xornadas "Froitos do noso monte" que organiza Montes de Vigo. Como é costume terá lugar na Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Nautilius de Comesaña (ver localización Google Maps).

Nesta edición a temática a abordar a partir das 19:30 será o "Aproveitamento micolóxico sostible versus incendios forestais", a cargo da experta Marisa Castro, da Universidade de Vigo.

Posteriormente haberá unha degustación de cogomelos e castañas asadas a cargo da Agrupación micolóxica A Zarrota.

A inscrición pódese facer AQUI


11 nov. 2018

O MONTE PERIURBANO A REFLEXIÓN NAS XORNADAS TÉCNICAS DO 10 DE NOVEMBRO


Montes de Vigo, en colaboración coa Asociación Forestal de Galicia, organizaron este sábado 10 de novembro a Xornada Técnica "Redeseñando o monte periurbano: prevención de incendios forestais e bioeconomía".

As cinco poñencias resultaron de moito interese para o preto do centenar de participantes.

De seguido se enumeran e dase acceso ao video das mesmas:

1. O futuro do monte veciñal aplicando criterios de bioeconomía (ver video)
Xosé Covelo Míguez. Director técnico da Asociación Forestal de Galicia

2. O monte multifuncional como sistema de defensa contra incendios  (ver video)
Juan Picos Martín. Director da Escola de Enxeñaría Forestal. Universidade de Vigo

3. Anel verde de Vigo (ver video)
Álvaro Crespo Casal. Enxeñeiro técnico municipal do Concello de Vigo.

4. Os tratamentos preventivos e a xestión da biomasa nas faixas de prevención contra incendios  (ver video)
José María Fernández Alonso. Investigador do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Consellería do Medio Rural

5. O monte periurbán na revisión do Plan Forestal de Galicia  (ver video)
Tomás Fernández-Couto Juanas. Director xeral de Ordenación e Produción Forestal

Pódes acceder aos vídeos das poñencias AQUI

5 nov. 2018

MONTES DE VIGO COLABORA NA ORGANIZACIÓN DUNHAS XORNADAS SOBRE OS MONTES PERIURBANOS


Dentro da programación de actos "1º ano rexenerando os montes de Vigo", a Mancomunidade de Montes de Vigo colabora xunto coa Asociación Forestal de Galicia na organización da Xornada técnica denominada "Redeseñando o monte periurbano: prevención de incendios forestais e bioceconomía"

Terá lugar o vindeiro sábado 10 de novembro, a partir das 10:45, no Centro Veciñal e Cultural de Valadares (Camiño do Pedregal, 6; ver localización en Google Maps).

Os destinatarios/as destas xornadas son aquelas persoas que pertencen ás comunidades de montes da área metropolitana de Vigo, así como aquelas outras do territorio galaico-portugués interesadas, así como a estudantes e persoas interesadas na temática

O programa da xornada está dispoñible no documento adxunto (PREMER) e pretende abordar, dentro do proxecto Biotecfor (financiado polo Programa Interreg España-Portugal), o futuro do monte veciñal empregando criterios de bioeconomía, ou sexa, a produción basada no coñecemento e utilización de recursos, procesos e métodos biolóxicos para proporcionar bens e servizos de forma sostible. Sobre esta temática versará a primeira das intervencións a cargo de Xosé Covelo Míguez, director técnico da Asociación Forestal de Galicia.

Na segunda das intervencións, a cargo de Juan Picos Martín, director da Escola de Enxeñería Forestla da Universidade de Vigo, abordarase como crear un monte multifucional que, ademais de producir todos los recursos e externalidades que producen este tipo de montes (auga, paisaxe, biodiversidade, madeira, froitos, biomasa, etc), funcione como un adecuado sistema de defensa contra incendios.

Dentro dese novo deseño terán un papel relevante a creación de faixas protectoras, como o Anel verde de Vigo, que sirvan como soporte e apoio aos equipos de extinción na súa loita contra as chamas, do que falarán Alvaro Crespo Casal, enxeñeiro municipal do Concello de Vigo, e José María Fernández Alonso, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Por iso, unha parte desa xornada dedicarase a falar sobre o seu deseño, configuración e tratamentos silvícolas a realizar nelas, expoñendo as conclusións dos estudios realizados polos investigadores co obxectivo de definir as características das que sexan máis efectivas contra o lume.

Por último, a política forestal terá unha especial relevancia en todo este proceso de transformación do monte que se sitúa no entorno de núcleos de poboación importante polo que resulta de suma importancia coñecer cales serán os criterios que se utilizarán á hora de desenvolvela e que estarán definidos no Plan Forestal de Galicia que se está elaborando. Esta temática será abordada por Tomás Fernández-Couto Juanas, Director Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

Á clausura das xornadas está convidado o Concello de Vigo en canto estreito colaborador da Mancomunidade de Montes de Vigo no mantemento e conservación dos montes do termo municipal.

23 oct. 2018

FESTIVAL SOLIDARIO CON ARTE NO QUEIMADO


Este domingo 21 de outubro, no auditorio Mar de Vigo, tivo lugar o I Festival solidario pola Rexeración dos montes de Vigo que contou coa participación de cinco agrupacións musicais das parroquias afectadas polos lumes de outubro de 2017: Os ventos de Comesaña, Unión Musical de Valladares, Cordas Novas CRAC de Coruxo, Grupo de acordeóns SCD Atlántida de Matamá e Banda de gaitas Xarabal.


Simultáneamente realizouse a exposición de traballos de pintura e escultura creados polos artistas participantes dentro do programa "Arte no queimado".


Contouse cun nutrido público que gozou da intensa actividade. 

Foi presidido polo Alcalde de Vigo, Abel Caballero, que na súa intervención lembrou os acontecementos vividos agora fai un ano e a colaboración da cidadanía en atallar unha emerxencia que todos agardamos non se volva a producir. Precisamente nesta liña é na que se está traballando por parte do Concello de Vigo xunto con Montes de Vigo e as comunidades de montes que a conforman.

No acto fíxose un recoñecemento a aquelas institucións e entidades que están posibilitando levar a cabo todas as actividades solidarias dentro da programación do Iº ano pola rexeneración dos montes de Vigo.

A reportaxe fotográfica da exposición Arte no queimado pódese visualizar AQUÍ, así como un breve resumo do festival (AQUÍ)

19 oct. 2018

ABRAZO AO MONTE: INICIATIVA DE 9 CENTROS PÚBLICOS DE VIGO


Neste venres 19 de outubro de 2018, 1300 escolares de nove centros públicos de Vigo fixeron un "ABRAZO AO MONTE", nunha xornada mestura de festa, recordo e reivindicación medioambiental para o futuro (ver detalle da acción no seguinte ENLACE). 

Tivo lugar nos montes da Sobreira e  dos Pozos e realizouse en colaboración coa Comunidade de Montes de Valladares e con Montes de Vigo. No acto estiveron presentes o Alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o Delegado Territorial de Educación, César Pérez Ares.

Os centros educativos participantes foron: CEIP Sobreira-Valadares, CEIP J. Alonso -Matamá, CEIP A Paz -Tintureira, CEIP Castelao -Navia, CEIP Igrexa Candeán, CEIP Eduardo Pondal, CEIP O Pombal, CEIP Escultor Acuña e o IES de Valadares. O lema da acción "abrazo ao monte" estivo acompañado por un logotipo creado por un dos participantes.


Plantación no Monte de Sobreira e abrazo ao monte en Monte dos Pozos.
Un dos epicentros dos lumes de outono de 2017 tivo lugar a carón do CEIP Sobreira-Valadares e do IES de Valadares. Por tal motivo, diante destes centros tivo lugar a primeira parte do acto, cunha plantación simbólica por parte de escolares de todas as idades. (ver vídeo do telexornal da TVG)


Como símbolo de lembranza desta plantación inaugurouse no monte da Sobreira un monolito representativo por parte das autoridades presentes.

Posteriormente o grupo de escolares trasladouse ata Monte dos Pozos onde tivo lugar o xesto de abrazar ao monte queimado e ler o manifesto do acto (ver texto), para berrar ao final o lema da campaña: "Eu son cortalumes"


Por parte da Comunidade de montes de Valladares fíxose unha solta de pombas como símbolo de que os montes volven a recobrar vida. 

Finalmente, despois da merenda patrocinada por Gadis, tivo lugar o festival onde, da man do "home orchestra", cantáronse cancións e realizáronse bailles, podendo coñecer a historia do monte dos Pozos.


Seguimento da actividade
- Album resumo da actividade (PREMER
- Video resumo da actividade (PREMER)
- Presenza en Televisión de Galicia (PREMER)
- Presenza no Faro de Vigo (PREMER)

14 oct. 2018

INTENSA XORNADA NA TRAIL E ANDAINA ORGANIZADA POR MONTES DE VIGO



Neste domingo 14 de outubro de 2018 rememorouse o 1º ano de rexeneración dos montes de Vigo tras os desgraciados incendios de vai un ano. Facía precisamente un ano que tivera lugar a IV Trail Montes de Vigo e por tal motivo había que realizar a V Trail Montes de Vigo. Tamén se organizaba a I Andaina pola rexeneración dos montes de Vigo, coa participación do programa Camiño a Camiño do Concello de Vigo. 

En total máis de 500 persoas gozaron do monte nas distintas modalidades: Trail, Trail curta, Carreira Popular e Andaina. 

Despois dunha noite cos restos do furacán, semellaba que non se ían cumprir as previsións de un día fermoso. Ao final sí que se cumpriron e disfrutouse dun monte expléndido para a práctica deportiva e para ver como pouco a pouco vai recuperando a súa normalidade, anque aínda queda moito traballo por facer por parte das Comunidades de Montes e moito traballo de colaboración entre Montes de Vigo e institucións públicas competentes.



No acto estivo presente o Alcalde de Vigo, Abel Caballero, que coa súa presenza quixo compartir cos directivos das Comunidades de montes presentes o seu firme propósito de contribuír á rexeneración e ordenación do territorio.

Por outra banda, dende a organización agradécese o patrocinio de Concello de Vigo, Coca-Cola e Decathlon, así como a colaboración de Vigo Entrena, Massini, Inquedanzas Sonoras, Estrella Galicia, Master Hermida, Coruxo FC e a Comunidade de Montes de Coruxo. 

Tamén agradecer a desinteresada colaboración de 66 comuneiros procedentes das comunidades de montes de Beade, Cabral, Comesaña, CoruxoMatamá, Oia, Saiáns e Valladares, así como a colaboración do Club Ciclista Coruxo e persoas a título particular.



Resultados deportivos
As probas realizáronse con normalidade e en xeral con moi boas sensacións. 

Os resultados preséntanse no seguinte enlace (PREMER)

Cómpre sinalar que houbo algún problema de tipo organizativo-deportivo que se solucionaron en directo coa colaboración das partes implicadas. En particular houbo unha incorrecta interpretación do regulamento ao aplicalo informáticamente que fixo que a segunda clasificada na Trail non subira ao podium, subindo a terceira no seu lugar. Volvemos a solicitar desculpas, esta vez públicamente, e o corriximos nos resultados colgados.



Agardamos que todos/as os/as participantes vos sentísedes na vosa casa e tiverades unha agradable participación nas probas. Felicitamos particularmente aos gañadores nas distintas probas e modalidades, así como aos que nos sorteos recibírades un apetitoso agasallo. Agardámosvos en vindeiras edicións.

As fotografías do evento xa están dispoñibles neste enlace (PREMER)

Breve video das actividades:


10 oct. 2018

PRIMEIRA SEMANA DE ACTIVIDADES: CONFERENCIA E ARTE NO QUEIMADO


Nesta primeira semana de outubro arrancou a programación de actos "1º ano rexenerando os Montes de Vigo", coa que se quere lembrar os acontecementos vividos en outubro de 2017 e dar a coñecer as accións que dende as Comunidades de Montes de Vigo se teñen levado a cabo.

A programación foi presentada polo Alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto ao Presidente e Vicepresidente de Montes de Vigo. Con tal motivo houbo ocasión de repasar o programa de actos e dar a coñecer os avances que se están dando na elaboración da Senda Verde que atravesa o conxunto de montes periurbanos de Vigo, así como o apoio no coidado do monte e a limpeza dos terreos privados.

O detalle da programación atópase recollido na seguinte entrada (PREMER)



O mércores 3 de outubro tivo lugar a conferencia no Club Faro de Vigo baixo o título "Que aprendemos nos incendios de outubro de 2017?" e a cargo de Juan Pico, director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra. Resultou moi ilustradora do traballo de investigación que se está a facer a partir dos incendios vividos e apoiado pola Deputación de Pontevedra. 

Un resume da exposición queda recollida no xornal (PREMER), na que queda de manifesto a importancia de traballar dende o primeiro momento para organizar e planificar a xestión do monte e das infraestructuras asociadas ao mesmo para evitar que volva a repetirse unha situación como a vivida, dado que "os incendios teñen memoria".

O sábado 6 de outubro tivo lugar a Xornada artística de pintura e escultura en madeira "Arte en vivo, Arte no queimado" diante do Marco. Un nutrido grupo de artistas participaron na xornada, dando unha auténtica exhibición diante da cidadanía paseante pola rúa do Príncipe. Unha reportaxe do traballo realizado atópase no seguinte album fotográfico (PREMER), mostrando de seguido algunhas das instantáneas vividas.









8 oct. 2018

ANDAINA E TRAIL MONTES DE VIGO 2018: REGULAMENTO


A Mancomunidade de Montes de Vigo organiza a "V Trail Montes de Vigo" e a "I Andaina pola Rexeneración dos montes de Vigo" para o domingo 14 de outubro, coincidindo co 1º aniversario da catástrofe incendiaria vivida en cinco das trece comunidades de montes de Vigo.

REGULAMENTO

1. Obxectivo 
Búscaser con esta xornada deportiva mobilizar tanto aos corredores e corredoras de trail como aqueles cidadáns e cidadás que queiran achegarse ao monte para realizar exercicio físico.

2. Probas (ver abaixo trazado):
- Trail "Montes de Vigo": 26km, desnivel +1536 ... saída: 9:30
- Trail curta "Montes de Vigo": 13,7 km, desnivel +763 ... saída: 10:30
- Carreira popular "pola rexeneración dos montes de Vigo": 7,9 km, desnivel +329 ... saída:10:00
- I Andaina "pola rexeneración dos montes de Vigo": 7,9 km, desnivel +329 ... saída:10:00

3. Categorías:
Nas probas deportivas (tres primeiras) haberá as seguintes: absoluta (masculina e feminina), así como veteranos 45 ou máis e veteranas 40 ou máis.
A andaina realizarase con afán divulgativo e participativo.

4. Inscrición e prezos: premendo aquí
Prazo de inscrición: dende o 1 de xullo
- ata 30 de setembro:
   Trail: 20 euros
   Trail curta: 15 euros
   Carreira popular: 5 euros
   Andaina: 5 euros
- 1-10 outubro:
   Trail: 25 euros
   Trail curta: 20 euros
   Carreira popular: 5 euros
   Andaina: 5 euros

A inscrición dá dereito a participar na proba escollida, así como os correspondentes abastecementos e seguros. Tamén se porá a disposición dos/das participantes duchas e aqueles obsequios que consiga a organización.
A organización da Trail de Montes de Vigo decidiu facer unha promoción do 25% de desconto para clubs deportivos ou grupos de trail que queiran participar na Trail e na Trail Curta (novidade setembro)

TRAZADOS E TRACKS DEFINITIVOS:
PREMER AQUI

RECOLLIDA DORSAIS:
Sábado 13 outubro, de 12:00 a 14:30 e de 17:00 a 21:00 en Decathlon Vigo - Meixoeiro
Domingo 14 outubro, antes do inicio da proba

5. Organización
5.1 Lugar de inicio e finalización: Fragoselo (Coruxo)... PREMER LOCALIZACIÓN
5.2 Sinalización e controis. Os distintos percorridos estarán sinalizados con cintas de plástico, sendo obrigado o paso polos controis establecidos.
5.3 Tempos de paso. A organización publicará os tempos de corte en cada control. Os/as corredoras que non acaden os controis nos tempos máximos, deberán retirarse da proba e quedarán fora da cobertura da organización.
Os responsables de cada control e os "corredores escoba" terán potestade para retirar da proba a calquera corredor/ra se o seu tempo en carreira ou o seu estado de saúde así o aconsella.
O/A corredor/ra que se retire durante o transcurso da proba deberá avisar ao control máis próxicmo e facer a entrega do dorsal.
5.4 Abastecementos. Existirán abastecementos líquidos e sólidos que serán comunicados no momento do inicio da proba.
5.5 Descualificacións. Quedará descualificado/a todo o/a que non cumpra co presente regulamento, non complete a totalidade do percorrido, deteriore ou enporque a contorna, non leve o seu dorsal ben visible ou desatenda as indicacións da organización.
5.6 Auxilio a accidentados. Os/as participantes están obrigados/as a auxiliar aos/ás accidentados/as e a respectar as normas de circulación nos cruzamentos con estradas.
5.7 Veículos autorizados. Os únicos autorizados a seguir a proba serán os designados pola organización. Para evitar posibles accidentes queda totalmente prohibido seguir aso corredores/as en moto, bicicleta, quad ou similiar.
5.8 Premios. Entregarase un premio-trofeo aos tres primeiros de cada categoría das probas deportivas.

6. Declinación de responsabilidade en caso de accidente, neglixencia ou perda de obxectos persoais.
A organización declina a súa responsabilidade nestes casos e os/as participantes exoneran á organización de toda responsabilidade en caso de accidente ou lesión.

7. Protección de datos. 
Todo/a participante está autorizando á publicación dos seus datos persoais necesarios para o desenvolvemento da proba polo feito de inscribirse, sendo o emprego destes datos para o desenvolvemento da proba, para a publicación de imaxes ou videos da proba, podéndose empregar de forma atemporal en calquera publicación ou acción publicitaria, co único fin de promoción e difusión do evento.
Cada participante é responsable da veracidade dos datos proporcionados na súa inscrición, e consinte que ditos datos se incorporen a un ficheiro automatizado do que é responsable Montes de Vigo. O titular dos datos terá dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición nos termos previstos na lexislación vixente.

8. Máis información. A partir do mes de setembro colgarase neste blog máis información. Para calquera cuestión está dispoñible o teléfono 608 046 047 ou o correo montesdevigo.servizos@gmail.com

2 oct. 2018

PROGRAMACIÓN DE ACTOS CO MOTIVO DO 1º ANO REXENERANDO OS MONTES DE VIGO


Montes de Vigo, a mancomunidade de montes veciñais de Vigo, presenta a programación de actos que se van desenvolver entre os meses de outubro e novembro co gallo do primeiro ano despois da vaga de lumes que asolou un terzo da superficie forestal de Vigo.

O programa previsto incorpora unha variedade de accións que pretenden colocar enriba da mesa a situación que se viviu o 15 de outubro de 2017, así como os pasos que pouco a pouco se van dando de cara a aproveitar a desgraza para realizar un exercicio de revisión da ordenación dos montes periurbanos de Vigo e, ao mesmo tempo, combinar a función social que ten o monte coa necesaria función produtiva que permita a súa sosteñibilidade no tempo. Particularmente implicadas están as cinco comunidades afectadas polo lume: Valladares, Coruxo, Zamáns, Comesaña e Matamá, participando tamén activamente as restantes 8 comunidades de montes.

Neste programa colabora o Concello de Vigo, co que dende Montes de Vigo se está traballando para a creación do Anel Verde de Vigo ao longo da franxa de monte periurbano que abraza a cidade.





O sábado 6 de outubro, durante todo o día diante do marco, terá lugar a Xornada artística de pintura e escultura en madeira "Arte en vivo, arte no queimado" a cargo de escultores e pintores de Galicia e Norte de Portugal. Poderase comprobar en directo como distintos artistas perciben o impacto da vaga de lumes vividas a ambos lados do Miño.

Precisamente os lumes de 2017 tiveron lugar despois de realizarse a Trail polos montes de Vigo. Por tal motivo, para manter viva a dinámica dos montes, o domingo 14 de outubro terá lugar a V Trail Montes de Vigo e, nesta ocasión, a  I Andaina pola rexeneración dos Montes de Vigo. O proceso de inscrición xa está aberto e a cidadanía viguesa pode apuntarse a traves do blog montesdevigo.blogspot.com ou no enlace (PREMER). O recadado nesta acción adicarase aos actos de rexeneración dos montes queimados e á creación dun anel verde.

O sábado 20 de outubro, as 20:00h, terá lugar no Auditorio Mar de Vigo, o I Festival Solidario pola rexeneración dos montes de Vigo, coa participación de grupos musicais das parroquias afectadas: Banda de Gaitas Xarabal, B.U.M. de Valladares, Cordas Novas C.R.A de Coruxo e Os Ventos de Comesaña. 

Finalizarase o programa de actos cunhas xornadas técnicas para abordar "Redeseñando os montes periurbanos", que terán lugar no Centro Cultural de Valladares o 10 de novembro e cunhas xornadas divulgativas "Froitos do noso monte - V edición" a celebrar na Asoc. Veciñal, Cultural e Deportiva Nautilius o 15 de novembro

Durante o outono e o inverno está previsto continuar coas labouras de plantacións nos montes queimados, na que están convidados os centros educativos e aquelas entidades que teñan a ben participar no programa de patrocinios aberto. Nestes momentos, froito da acción do outono e inverno pasado, nos viveiros que Montes de Vigo habilitou para o efecto xa hai un importante número de árbores autóctonos preparados para a súa plantación.

Para máis información en relación coa programación podedes contactar con montesdevigo.servizos@gmail.com ou co teléfono 608 046 047.

30 sept. 2018

CONFERENCIA O 3 DE OUTUBRO NO CLUB FARO DE VIGO: QUE APRENDEMOS NOS INCENDIOS DE OUTUBRO DE 2017


A Mancomunidade de Montes de Vigo, que aglutina ás 13 comunidades de montes existentes en Vigo, inicia a súa programación de actos "1º ano rexenerando os Montes de Vigo" cunha Conferencia no Club Faro de Vigo , o 3 de outubro as 20:00h, a cargo de Juan Picos, Director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra. A presentación correrá a cargo de Gregorio Álvarez, vicepresidente de Montes de Vigo e presidente da Comunidade de Montes de Valladares.

O título da conferencia será "Que aprendemos nos incendios de outubro de 2017?". O ponente plantéxase que o acontecido nese mes marca un antes e un despois no que respecta aos incendios no Sur da provincia de Pontevedra, e faise preguntas como: Que fixo distinto este episodio en relación cos vividos outras veces?, Podería terse previsto?, Que consecuencias tivo?, Que lección cómpre aprender?

A conferencia terá lugar o mércores 3 de outubro, a partir das 20:00 horas, no Auditorio Municipal do Areal, rúa Oporto.

Máis información na web do Club Faro de Vigo (premer)

28 abr. 2018

PLANTACIÓN DE RUSCO EN MONTES DE MATAMÁ EN COLABORACIÓN CON TENDAS SÉMOLA


A pesares das amezas de choiva, un grupo de máis de 25 familias achegáronse aos Montes de Matamá a participar na acción "Somos de Monte" promovida dende as Tendas Sémola en colaboración coa Comunidade de Montes de Matamá e con Montes de Vigo.

Un total de 100 plantas de rusco foron transplantadas na Fraga de Alvorezas, servendo de mostra de como a cidadanía pode implicarse na rexeneración dos montes de Vigo. As sensacións das familias participantes resultaron satisfactorias e tamén serveu para comprender as consecuencias dos incendios e como nos montes pode haber moitas iniciativas nas que participar.

O presidente da Mancomunidade de Montes de Matamá, Indalecio, presentou algunhas das accións educativas e de conservación que se están a desenvolver nos Montes de Matamá. En particular, na acción de caixas niño está apoiando as Tendas Sémola.

En definitiva, unha tarde intensa e completa de experiencias tal e como se recollen nas fotos (premer). Para mostra un botón:






24 abr. 2018

CUARTO PASEO POLOS MONTES DE VIGO O 28 DE ABRIL NOS MONTES DE CANDEÁN


Paseos polos montes de Vigo: Sendeiro Local de Candeán

Seguindo cos paseos propostos pola Concellería de Medio Ambiente e a Mancomunidade de Montes de Vigo de cara a coñecer as riquezas medioambientais, paisaxísticas e patrimoniais existentes nos montes de Vigo, nesta ocasión toca achegarse aos montes de Candeán, no entorno do Parque Forestal de Vixiador. Un lugar moi agraciado na primavera.

Punto de encontro: Cafetería do Parque Forestal do Vixiador (localización en Google Maps
Hora de quedada: 16:30. Duración aproximada: 2:30 horas
Público destinatario: familias con menores, persoas interesadas no coñecemento dos montes de Vigo.
Temas a abordar: flora e fauna dos montes de Candeán, a ruta dos Dolmens, etc

Inscrición gratuíta de luns a venres a medio día no 010 (986 81 02 60 dende móbil) ou no apartado Inscricións do blog de montes de Vigo (premer aqui)

Máis información: montesdevigo.servizos@gmail.com ou no 662 23 10 23.

18 abr. 2018

ACCIÓN SOLIDARIA CON SÉMOLA NOS MONTES DE MATAMÁ PASA AO 28 DE ABRIL

ATENCIÓN: CAMBIO DE DATA AO SÁBADO 28 ABRIL, 16H.

Sémola - Pan y Dulces, en colaboración coa Mancomunidade de Montes de Vigo, promove unha acción solidaria dentro da Campaña "Somos de Monte" consistente en por en valor o traballo no monte de Vigo.

Para este fin, Sémola vai adicar os 1.400 euros recadados na campaña de nadal á reforestación na Comunidade de Montes de Matamá, invitando á cidadanía viguesa representada en 25 familias.

Data da actividade: Sábado 28 de abril, 16:30h.
Lugar da actividade: Parque Forestal de Maruxento da C.M. de Matamá (ver localización)
Programa: Camiñata ata á Fraga de Alvorezas, Plantación de arbustos, Actividades interpretativas

Inscrición: Tendas Sémola ou neste blog (premer aqui)

Máis info: Tendas Sémola (Marqués de Valladares 14, Avda Camelias 62 e Porta do Sol 10) ou no  teléfono 608 046 047

15 abr. 2018

TERCEIRO PASEO POLOS MONTES DE VIGO O 21 DE ABRIL NOS MONTES DE ZAMÁNS


Terceira semana de Paseos polos Montes de Vigo. Nesta ocasión a proposta feita pola Mancomunidade de Montes de Vigo en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente, é coñecer as riquezas medioambientais, paisaxísticas e patrimoniais existentes nos montes de Zamáns, un xogo de contrastes pouco coñecidos entre o encoro e o Monte Galiñeiro. 

Punto de encontro: Praza da Leiteira de Zamáns (localización en Google Maps

Hora de quedada: 16:30. Duración aproximada: 2:30 horas

Público destinatario: familias con menores, persoas interesadas no coñecemento dos montes de Vigo.

Temas a abordar: flora e fauna a carón do encoro, os incendios vividos nos montes de Zamáns e a reforestación, etc.

Inscrición gratuíta de luns a venres a medio día no 010 (986 81 02 60 dende móbil) ou no apartado Inscricións do blog de montes de Vigo (premer aqui)


Máis información: montesdevigo.servizos@gmail.com ou no 662 23 10 23.

9 abr. 2018

SEGUNDO PASEO POLOS MONTES DE VIGO O 14 DE ABRIL NO PARQUE BOTÁNICO "ARCO DA VELLA" (BEMBRIVE)



Segunda semana de Paseos polos Montes de Vigo. Nesta ocasión a proposta feita pola Mancomunidade de Montes de Vigo en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente, é coñecer as riquezas medioambientais, paisaxísticas e patrimoniais existentes nos montes de Bembrive. Trátase do Parque botánico "Arco da Vella" a carón do río Eifonso.

Punto de encontro: Capela dos Ramallos ou de San Cibrao (localización en Google Maps

Hora de quedada: 16:30. Duración aproximada: 2:30 horas

Público destinatario: familias con menores, persoas interesadas no coñecemento dos montes de Vigo.

Temas a abordar: flora e fauna dun bosque de ribeira (ver paneis), patrimonio, o río Eifonso, etc

Inscrición gratuíta de luns a venres a medio día no 010 (986 81 02 60 dende móbil) ou no apartado Inscricións do blog de montes de Vigo (premer aqui)


Máis información: montesdevigo.servizos@gmail.com ou no 662 23 10 23.

31 mar. 2018

PASEOS POLOS MONTES DE VIGO DENDE ABRIL DE 2018


Mancomunidade de Montes de Vigo, dentro do programa de educación medioambiental Camiño a Camiño da Concellería de Medio Ambienteten previsto catro paseos polos sendeiros locais de Vigo (Saiáns, Bembrive, Zamáns e Candeán) dun xeito sosegado e apto para todos aqueles que queiran coñecer as riquezas medioambientais, paisaxísticas e patrimoniais existentes nos montes de Vigo.

O primeiro paseo terá lugar polo Sendeiro Local de Saiáns (ver trazado), cun percorrido de 3,1 quilómetros.


Punto de encontro: Parque Forestal de Saiáns (localización en Google Maps

Hora de quedada: 16:30. Duración aproximada: 2:30 horas
Público destinatario: familias con menores, persoas interesadas no coñecemento dos montes de Vigo.
Temas a abordar (ver puntos de interese): os Piñeiros do Mundo, a biodiversidade da Fraga Cal do Outeiro, as vistas panorámicas dende o Castro Alto da Medoña, os muíños naviculares da Estea, etc

Inscrición gratuíta de luns a venres a medio día no 010 (986 81 02 60 dende móbil) ou no apartado Inscricións do blog de montes de Vigo (premer aqui)


Máis información: montesdevigo.servizos@gmail.com ou no 662 23 10 23.





20 mar. 2018

PLANTACIÓN NA COMUNIDADE DE MONTES DE CORUXO CO COLEXIO MIRALBA


O alumnado de 4º de primaria do Colexio Miralba participaron esta mañá nunha intensa sesión de plantación de preto de 90 castiñeiros na Comunidade de Montes de Coruxo. Tamén poideron visitar distintas zonas afectadas polos incendios nesta comunidade e comprender as distintas consecuencias nos montes de frondosas e nos montes de piñeiro e eucalipto.
O presidente da Comunidade de Montes de Coruxo ilustrou o traballo que se está a facer e acompañou no proceso de plantación.