Mostrando entradas con la etiqueta Outono. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Outono. Mostrar todas las entradas

23 oct. 2018

FESTIVAL SOLIDARIO CON ARTE NO QUEIMADO


Este domingo 21 de outubro, no auditorio Mar de Vigo, tivo lugar o I Festival solidario pola Rexeración dos montes de Vigo que contou coa participación de cinco agrupacións musicais das parroquias afectadas polos lumes de outubro de 2017: Os ventos de Comesaña, Unión Musical de Valladares, Cordas Novas CRAC de Coruxo, Grupo de acordeóns SCD Atlántida de Matamá e Banda de gaitas Xarabal.


Simultáneamente realizouse a exposición de traballos de pintura e escultura creados polos artistas participantes dentro do programa "Arte no queimado".


Contouse cun nutrido público que gozou da intensa actividade. 

Foi presidido polo Alcalde de Vigo, Abel Caballero, que na súa intervención lembrou os acontecementos vividos agora fai un ano e a colaboración da cidadanía en atallar unha emerxencia que todos agardamos non se volva a producir. Precisamente nesta liña é na que se está traballando por parte do Concello de Vigo xunto con Montes de Vigo e as comunidades de montes que a conforman.

No acto fíxose un recoñecemento a aquelas institucións e entidades que están posibilitando levar a cabo todas as actividades solidarias dentro da programación do Iº ano pola rexeneración dos montes de Vigo.

A reportaxe fotográfica da exposición Arte no queimado pódese visualizar AQUÍ, así como un breve resumo do festival (AQUÍ)

10 oct. 2018

PRIMEIRA SEMANA DE ACTIVIDADES: CONFERENCIA E ARTE NO QUEIMADO


Nesta primeira semana de outubro arrancou a programación de actos "1º ano rexenerando os Montes de Vigo", coa que se quere lembrar os acontecementos vividos en outubro de 2017 e dar a coñecer as accións que dende as Comunidades de Montes de Vigo se teñen levado a cabo.

A programación foi presentada polo Alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto ao Presidente e Vicepresidente de Montes de Vigo. Con tal motivo houbo ocasión de repasar o programa de actos e dar a coñecer os avances que se están dando na elaboración da Senda Verde que atravesa o conxunto de montes periurbanos de Vigo, así como o apoio no coidado do monte e a limpeza dos terreos privados.

O detalle da programación atópase recollido na seguinte entrada (PREMER)



O mércores 3 de outubro tivo lugar a conferencia no Club Faro de Vigo baixo o título "Que aprendemos nos incendios de outubro de 2017?" e a cargo de Juan Pico, director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra. Resultou moi ilustradora do traballo de investigación que se está a facer a partir dos incendios vividos e apoiado pola Deputación de Pontevedra. 

Un resume da exposición queda recollida no xornal (PREMER), na que queda de manifesto a importancia de traballar dende o primeiro momento para organizar e planificar a xestión do monte e das infraestructuras asociadas ao mesmo para evitar que volva a repetirse unha situación como a vivida, dado que "os incendios teñen memoria".

O sábado 6 de outubro tivo lugar a Xornada artística de pintura e escultura en madeira "Arte en vivo, Arte no queimado" diante do Marco. Un nutrido grupo de artistas participaron na xornada, dando unha auténtica exhibición diante da cidadanía paseante pola rúa do Príncipe. Unha reportaxe do traballo realizado atópase no seguinte album fotográfico (PREMER), mostrando de seguido algunhas das instantáneas vividas.









2 oct. 2018

PROGRAMACIÓN DE ACTOS CO MOTIVO DO 1º ANO REXENERANDO OS MONTES DE VIGO


Montes de Vigo, a mancomunidade de montes veciñais de Vigo, presenta a programación de actos que se van desenvolver entre os meses de outubro e novembro co gallo do primeiro ano despois da vaga de lumes que asolou un terzo da superficie forestal de Vigo.

O programa previsto incorpora unha variedade de accións que pretenden colocar enriba da mesa a situación que se viviu o 15 de outubro de 2017, así como os pasos que pouco a pouco se van dando de cara a aproveitar a desgraza para realizar un exercicio de revisión da ordenación dos montes periurbanos de Vigo e, ao mesmo tempo, combinar a función social que ten o monte coa necesaria función produtiva que permita a súa sosteñibilidade no tempo. Particularmente implicadas están as cinco comunidades afectadas polo lume: Valladares, Coruxo, Zamáns, Comesaña e Matamá, participando tamén activamente as restantes 8 comunidades de montes.

Neste programa colabora o Concello de Vigo, co que dende Montes de Vigo se está traballando para a creación do Anel Verde de Vigo ao longo da franxa de monte periurbano que abraza a cidade.





O sábado 6 de outubro, durante todo o día diante do marco, terá lugar a Xornada artística de pintura e escultura en madeira "Arte en vivo, arte no queimado" a cargo de escultores e pintores de Galicia e Norte de Portugal. Poderase comprobar en directo como distintos artistas perciben o impacto da vaga de lumes vividas a ambos lados do Miño.

Precisamente os lumes de 2017 tiveron lugar despois de realizarse a Trail polos montes de Vigo. Por tal motivo, para manter viva a dinámica dos montes, o domingo 14 de outubro terá lugar a V Trail Montes de Vigo e, nesta ocasión, a  I Andaina pola rexeneración dos Montes de Vigo. O proceso de inscrición xa está aberto e a cidadanía viguesa pode apuntarse a traves do blog montesdevigo.blogspot.com ou no enlace (PREMER). O recadado nesta acción adicarase aos actos de rexeneración dos montes queimados e á creación dun anel verde.

O sábado 20 de outubro, as 20:00h, terá lugar no Auditorio Mar de Vigo, o I Festival Solidario pola rexeneración dos montes de Vigo, coa participación de grupos musicais das parroquias afectadas: Banda de Gaitas Xarabal, B.U.M. de Valladares, Cordas Novas C.R.A de Coruxo e Os Ventos de Comesaña. 

Finalizarase o programa de actos cunhas xornadas técnicas para abordar "Redeseñando os montes periurbanos", que terán lugar no Centro Cultural de Valladares o 10 de novembro e cunhas xornadas divulgativas "Froitos do noso monte - V edición" a celebrar na Asoc. Veciñal, Cultural e Deportiva Nautilius o 15 de novembro

Durante o outono e o inverno está previsto continuar coas labouras de plantacións nos montes queimados, na que están convidados os centros educativos e aquelas entidades que teñan a ben participar no programa de patrocinios aberto. Nestes momentos, froito da acción do outono e inverno pasado, nos viveiros que Montes de Vigo habilitou para o efecto xa hai un importante número de árbores autóctonos preparados para a súa plantación.

Para máis información en relación coa programación podedes contactar con montesdevigo.servizos@gmail.com ou co teléfono 608 046 047.

30 sept. 2018

CONFERENCIA O 3 DE OUTUBRO NO CLUB FARO DE VIGO: QUE APRENDEMOS NOS INCENDIOS DE OUTUBRO DE 2017


A Mancomunidade de Montes de Vigo, que aglutina ás 13 comunidades de montes existentes en Vigo, inicia a súa programación de actos "1º ano rexenerando os Montes de Vigo" cunha Conferencia no Club Faro de Vigo , o 3 de outubro as 20:00h, a cargo de Juan Picos, Director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra. A presentación correrá a cargo de Gregorio Álvarez, vicepresidente de Montes de Vigo e presidente da Comunidade de Montes de Valladares.

O título da conferencia será "Que aprendemos nos incendios de outubro de 2017?". O ponente plantéxase que o acontecido nese mes marca un antes e un despois no que respecta aos incendios no Sur da provincia de Pontevedra, e faise preguntas como: Que fixo distinto este episodio en relación cos vividos outras veces?, Podería terse previsto?, Que consecuencias tivo?, Que lección cómpre aprender?

A conferencia terá lugar o mércores 3 de outubro, a partir das 20:00 horas, no Auditorio Municipal do Areal, rúa Oporto.

Máis información na web do Club Faro de Vigo (premer)

23 oct. 2016

PASEO REALIZADO POLOS MONTES DAS COMUNIDADES DE OIA E SAIÁNS

Este sábado 22 de outubro principiaron os Paseos polos montes de Vigo e achegámonos as Comunidades de Montes Veciñais de Oia e de Saiáns
Cunha climatoloxía moi agradable a pesar da mala previsión, realizaron o paseo 42 persoas e poideron comprobar dun xeito lúdico como o monte se viste de outono. 
Guiaron o paseo Manolo e Uxío, os presidentes das comunidades de Oia e Saiáns, e poidemos achegarnos a algúns dos soutos de castiñeiros que se atopan en plena eferverscencia, así como a algúns puntos de interese paisaxístico (p.e: Tres Outeiros) e algúns dos lugares onde están traballando intensamente na recuperación de especies autóctonas e expulsión de alóctonas, fundamentalmente acacia.
O percorrido pódese descargar en Wikilock (pulsar aqui). O primeiro tramo é reconstruído.
As fotos do paseo pódense observar premendo aqui. Algunhas mostras a continuación:






26 sept. 2016

PROGRAMA DE ACTIVIDADES OUTONO 2016



Esta fin de semana arranca o mes de outubro e con el o abano de actividades que Montes de Vigo xunto coas Comunidades de Montes Veciñais asociadas ofrece durante este mes á cidadanía viguesa (premer para descargar)

1-2 outubro (quenda 1): Curso de iniciación á fotografía dixital na natureza (locais da C.M.V. de Castrelos)

2 outubro: I Marcha ciclista polos Montes de Vigo (Parque Forestal do Vixidador) (ver detalle)

12 outubro: Visita ao Parque botánico do Arco da Vella (montes da Entidade Local Menor de Bembrive)

15-16 outubro (quenda 2)Curso de iniciación á fotografía dixital na natureza (locais da C.M.V. de Castrelos)

22 outubro: Paseo polos montes de Oia e Saiáns, con magosto ao remate

29 outubroPaseo polos montes de Beade e Bembrive, con magosto ao remate

Inscribirse no formulario online (premer aqui) ou no teléfono 608 84 89 89

Acceso ao programa completo (premer aqui)