11 nov. 2018

O MONTE PERIURBANO A REFLEXIÓN NAS XORNADAS TÉCNICAS DO 10 DE NOVEMBRO


Montes de Vigo, en colaboración coa Asociación Forestal de Galicia, organizaron este sábado 10 de novembro a Xornada Técnica "Redeseñando o monte periurbano: prevención de incendios forestais e bioeconomía".

As cinco poñencias resultaron de moito interese para o preto do centenar de participantes.

De seguido se enumeran e dase acceso ao video das mesmas:

1. O futuro do monte veciñal aplicando criterios de bioeconomía (ver video)
Xosé Covelo Míguez. Director técnico da Asociación Forestal de Galicia

2. O monte multifuncional como sistema de defensa contra incendios  (ver video)
Juan Picos Martín. Director da Escola de Enxeñaría Forestal. Universidade de Vigo

3. Anel verde de Vigo (ver video)
Álvaro Crespo Casal. Enxeñeiro técnico municipal do Concello de Vigo.

4. Os tratamentos preventivos e a xestión da biomasa nas faixas de prevención contra incendios  (ver video)
José María Fernández Alonso. Investigador do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Consellería do Medio Rural

5. O monte periurbán na revisión do Plan Forestal de Galicia  (ver video)
Tomás Fernández-Couto Juanas. Director xeral de Ordenación e Produción Forestal

Pódes acceder aos vídeos das poñencias AQUI

5 nov. 2018

MONTES DE VIGO COLABORA NA ORGANIZACIÓN DUNHAS XORNADAS SOBRE OS MONTES PERIURBANOS


Dentro da programación de actos "1º ano rexenerando os montes de Vigo", a Mancomunidade de Montes de Vigo colabora xunto coa Asociación Forestal de Galicia na organización da Xornada técnica denominada "Redeseñando o monte periurbano: prevención de incendios forestais e bioceconomía"

Terá lugar o vindeiro sábado 10 de novembro, a partir das 10:45, no Centro Veciñal e Cultural de Valadares (Camiño do Pedregal, 6; ver localización en Google Maps).

Os destinatarios/as destas xornadas son aquelas persoas que pertencen ás comunidades de montes da área metropolitana de Vigo, así como aquelas outras do territorio galaico-portugués interesadas, así como a estudantes e persoas interesadas na temática

O programa da xornada está dispoñible no documento adxunto (PREMER) e pretende abordar, dentro do proxecto Biotecfor (financiado polo Programa Interreg España-Portugal), o futuro do monte veciñal empregando criterios de bioeconomía, ou sexa, a produción basada no coñecemento e utilización de recursos, procesos e métodos biolóxicos para proporcionar bens e servizos de forma sostible. Sobre esta temática versará a primeira das intervencións a cargo de Xosé Covelo Míguez, director técnico da Asociación Forestal de Galicia.

Na segunda das intervencións, a cargo de Juan Picos Martín, director da Escola de Enxeñería Forestla da Universidade de Vigo, abordarase como crear un monte multifucional que, ademais de producir todos los recursos e externalidades que producen este tipo de montes (auga, paisaxe, biodiversidade, madeira, froitos, biomasa, etc), funcione como un adecuado sistema de defensa contra incendios.

Dentro dese novo deseño terán un papel relevante a creación de faixas protectoras, como o Anel verde de Vigo, que sirvan como soporte e apoio aos equipos de extinción na súa loita contra as chamas, do que falarán Alvaro Crespo Casal, enxeñeiro municipal do Concello de Vigo, e José María Fernández Alonso, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Por iso, unha parte desa xornada dedicarase a falar sobre o seu deseño, configuración e tratamentos silvícolas a realizar nelas, expoñendo as conclusións dos estudios realizados polos investigadores co obxectivo de definir as características das que sexan máis efectivas contra o lume.

Por último, a política forestal terá unha especial relevancia en todo este proceso de transformación do monte que se sitúa no entorno de núcleos de poboación importante polo que resulta de suma importancia coñecer cales serán os criterios que se utilizarán á hora de desenvolvela e que estarán definidos no Plan Forestal de Galicia que se está elaborando. Esta temática será abordada por Tomás Fernández-Couto Juanas, Director Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

Á clausura das xornadas está convidado o Concello de Vigo en canto estreito colaborador da Mancomunidade de Montes de Vigo no mantemento e conservación dos montes do termo municipal.

23 oct. 2018

FESTIVAL SOLIDARIO CON ARTE NO QUEIMADO


Este domingo 21 de outubro, no auditorio Mar de Vigo, tivo lugar o I Festival solidario pola Rexeración dos montes de Vigo que contou coa participación de cinco agrupacións musicais das parroquias afectadas polos lumes de outubro de 2017: Os ventos de Comesaña, Unión Musical de Valladares, Cordas Novas CRAC de Coruxo, Grupo de acordeóns SCD Atlántida de Matamá e Banda de gaitas Xarabal.


Simultáneamente realizouse a exposición de traballos de pintura e escultura creados polos artistas participantes dentro do programa "Arte no queimado".


Contouse cun nutrido público que gozou da intensa actividade. 

Foi presidido polo Alcalde de Vigo, Abel Caballero, que na súa intervención lembrou os acontecementos vividos agora fai un ano e a colaboración da cidadanía en atallar unha emerxencia que todos agardamos non se volva a producir. Precisamente nesta liña é na que se está traballando por parte do Concello de Vigo xunto con Montes de Vigo e as comunidades de montes que a conforman.

No acto fíxose un recoñecemento a aquelas institucións e entidades que están posibilitando levar a cabo todas as actividades solidarias dentro da programación do Iº ano pola rexeneración dos montes de Vigo.

A reportaxe fotográfica da exposición Arte no queimado pódese visualizar AQUÍ, así como un breve resumo do festival (AQUÍ)