A Comunidade de Montes de Beade inaugura 10 asadoiros para empregar no verán

Acto de inauguración dos Asadoiros homolados do Parque Forestal de Beade

Os 10 asadoiros homologados foron inaugurados cunha churrascada popular por parte dos membros da Comunidade de Montes de Beade e da Mancomunidade de Montes de Vigo. Coa nova normativa existente é o primeiro parque forestal de Vigo que implementa esta solución.

Deste xeito o Parque Forestal de Beade completa a oferta recreativa para todo o período primavera-verán-outono, permitindo que os usuarios poidan dispor dun servizo que ata o momento tiña que suspenderse durante os meses de xullo e agosto. Engadese este servizo a espazos verdes, parque infantil, cafetería-restaurante, centro de ocio con tirolinas e sendeiro local.

Para a construción dos asadoiros houbo que presentar un proxecto para a súa autorización por parte da Dirección Xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia sendo concedido como unha "Edificación autorizada para o emprego do lume na preparación de alimentos durante todo o ano, excepto cando o Indice de Risco de Incendio Forestal (IRDI) sexa extremo". Tal e como indica a normativa, cabe que "As áreas recreativas que están en zona de alto risco de incendio poden ser autorizadas con carácter excepcional pola consellería con competencias en materia forestal, sempre que conten cos requisitos, instalacións e equipamentos específicos que se sinalen regulamentariamente".

Precisamente este enfoque de infraestructuras verdes con servizos completos nun entorno periurbano é unha das liñas de estudo que a Mancomunidade de Montes de Vigo está realizando en colaboración coa Universidade de Vigo dentro do proxecto "Montes de Vigo 2046" e que conta coa financiación da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.