MONTES DE VIGO

MONTES DE VIGO: 25 ANOS TRABALLANDO POLO USO SOCIAL DO MONTE

O 20 de xullo de 1996 iniciouse o proceso constituínte da Mancomunidade de Montes de Vigo baixo o lema “O monte: o noso proxecto, o noso futuro. Disfrútao e coidao connosco”. Doce foron as comunidades de montes que participaron na constitución da primeira mancomunidade de montes de Galicia e na actualidade a conforman catorce comunidades: Beade, Cabral, Candeán, Castrelos, Comesaña, Coruxo, Lavadores, Matamá, Oia, Saiáns, Teis, Valladares e Zamáns, xunto coa Entidade Local Menor de Bembrive.

A relevancia deste entramado social asociado ao movemento comunal vigués ponse en evidencia en dous datos. Por unha banda, no mesmo están implicados preto de 3.500 comuneiros e comuneiras. Por outra banda, os montes periurbanos supoñen un total do 17% da superficie do termo municipal, da cal un 57% está destinada a uso social.

Precisamente, ao longo destes 25 anos percorreuse un camiño salientable na dirección de pór en valor os montes nun entorno urbano coa xeralización dos parques forestais e miradoiros a finais dos anos 90 e principios do século XXI (35 hectáreas a disposición da cidadanía e conveniados co Concello de Vigo), coa consolidación do monte como espazo sociocultural no que se celebran as festas das parroquias ou se pon en valor o patrimonio arqueolóxico (creáronse tres áreas etnoarqueolóxicas neste período), coa creación dunha rede de sendeiros de 130 km en colaboración co Concello de Vigo, etc. O reto agora é lograr manter estas infraestruturas das que somos referencia a nivel galego.

Tamén houbo momentos críticos como os lumes de outubro de 2017, que asolaron un terzo dos montes de Vigo e que puxeron en evidencia da necesidade de abordar unha xestión proactiva dos montes como faixa de protección diante da aparición dos grandes lumes que, segundo os expertos, volverán a facer acto de presenza. Neste contexto poidose evidenciar como os montes proporcionan servizos ecosistémicos á sociedade de primeira magnitude (mananciais que subministran de auga as parroquias e os encoros, captura de CO2, etc), que poden porse en risco ante a eventual desaparición do monte, e, por último, como os seus propietarios -as comunidades de montes- teñen que abordar a súa xestión en colaboración coas administracións públicas.

Todo isto quedou reflictido xa en 2006 no NAVI – Proxecto Natureza Viva (Plan de uso e xestión dos montes da Mancomunidade de Vigo) financiado a través dun proxecto europeo transfronteirizo Interreg. Unha das conclusións máis destacadas da análise e propostas de acción recollidas nel foi “...os Montes de Vigo teñen que ofrecer á cidade unha crecente variedade de usos en consonancia coas novas demandas; pero os diversos usos han de resultar sempre harmonizables coa primacía da función ambiental e a oferta de espazos de lecer de calidade”. Tamén apuntaba que para garantir a xestión sostible do monte é preciso integrar os montes na trama urbana, o que supón achegamento das comunidades de montes á sociedade, así como a asunción da ciudadanía de máis responsabilidades en consoancia cos servizos demandados ben directamente ou indirectamente (a través das Administracións Públicas: Concello de Vigo, Xunta de Galicia, etc).

Unha boa mostra da citada colaboración privado-pública é o proxecto “Restauración e mantemento dos Montes de Vigo” subvencionado polo Concello de Vigo: supuxo que durante os últimos 10 anos fose posible contratar entre 15 e 30 efectivos para cuadrillas de coidado dos montes que actuasen sobre o terreo durante unha parte do ano.

Tamén durante os dous últimos anos leváronse a cabo sendos proxectos de inserción laboral e formación para o emprego ou a rexeneración dos montes queimados en catro comunidades de montes financiados pola Xunta de Galicia, reforzando a estratexia citada.

Polo expresado, o lema da efeméride que se celebra é “25 aniversario de Montes de Vigo: a prol do uso social do monte”, no que se pon de manifesto a vocación que persigue a Mancomunidade de Montes de Vigo de contribuír ao benestar das parroquias e da cidade na que está inxerida e, ao mesmo tempo, da necesidade de profundar na compatibilización do uso forestal co uso sociorrecreativo nun entorno periurbano, facendo sostible un modelo de xestión do territorio que emana da idiosincrasia colectiva dos montes veciñais en man común. Tamén serve para lembrar que queda moito que facer e precisamente ese é o reto dos vindeiros 25 anos para o movemento comunal vigués e as institucións coas que interactúa.





MONTES DE VIGO: MANCOMUNIDADE DE 14 COMUNIDADES DE MONTES



Montes de Vigo: unha mancomunidade formada por 14 Comunidades de montes veciñais en man común
Na cidade de Vigo atópase unha das Mancomunidades de montes veciñais (Montes de Vigo, en diante) máis importantes do estado, conformada por 14 entidades (trece comunidades de montes veciñais en man común -a última incorporada en xaneiro de 2020- e un monte de utilidade pública adscrito á Entidade Local Menor de Bembrive) e que abrangue o 17% da superficie do concello (1.565 ha) segundo o último censo realizado en 2006 co estudio do NAVI  (Natureza Viva, Proxecto de uso do monte periurbano de Vigo inserto no subprograma Galicia/Norte de Portugal da iniciativa Interreg III A).


A partir do citado estudo Montes de Vigo e as comunidades membro propuxéronse promover o uso sostible dos montes comunais a través dun programa de creación de emprego e aproveitamento racional dos recursos económicos, sociais e culturais dispoñibles. Xunto coa función principal de conservar o monte comunal nun entorno periurbano a través da xestión forestal, engadiuse unha función cada vez máis presente: “...os montes de Vigo teñen que ofrecer á cidade unha crecente variedade de usos en consoancia coas novas demandas; pero os diversos usos han de resultar sempre harmonizables coa primacía da función ambiental e a oferta de espazos de lecer de calidade”.


Para garantir a xestión sostible do monte é preciso integralos na trama urbana en dobre senso: por unha banda, achegamento das comunidades de montes á sociedade dado que unicamente coa corta de madeira non se dá financiado de xeito ordinario a función social do monte; por outra banda, asumindo a cidadanía máis responsabilidade en consonancia cos servizos demandados, tanto directamente (asumindo o custe ou participando no seu mantemento) como indirectamente (a través das administracións públicas, con promoción e asunción de custos).


 
Nota: No estudo de 2006 non aparece Lavadores

A transformación forestal dos Montes de Vigo
Consecuencia destas liñas estratéxicas, nos últimos anos as comunidades de montes teñen realizado en primeiro lugar un importante exercicio de transformación da realidade do monte herdada da época franquista, moi centrada nun modelo productivista centrado no monocultivo de piñeiro e eucalipto. Os maiores esforzos tiveron lugar na paulatina plantación e rexeneración de especies autóctonas (castiñeiros, carballos, cerdeiras, etc) e nunha importante acción de erradicación da acacia como especie invasora, así como na progresiva adquisición de monte privado que co paso do tempo está quedando en desuso. Por tal motivo moitos dos datos empregados a data de hoxe xa están satisfactoriamente superados.

Unha segunda liña de actuación global vai dirixida a achegar os montes á cidadanía. Os parques forestais, conveniados na súa meirande parte co Concello de Vigo, foron un primeiro paso cun relativo éxito na acollida dos vigueses e viguesas. Os recentes cambios normativos en relación co emprego do lume no monte fixo retroceder o atractivo ofertado para as familias nos meses de verán, que é cando máis se empregan. Entretanto se está facendo entender á administración que as condicións dos parques forestais en Vigo deberían ser unha excepción a esa norma dado os coidados que as comunidades realizan dos mesmos, outras vías de achegamento á sociedade están abríndose.

Outras vías de achegamento á sociedade: o uso social do monte
Destaca neste senso a liña de actuación emprendida nos últimos cinco anos baixo a denominación “Polo uso social do monte”, na que se están implantando novas formas de achegarse ao monte e que van dende a promoción da rede de sendeiros locais de Vigo, en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente de Vigo e con máis de 120 quilómetros de sendeiros xa trazados, ata accións de dinamización dos parques e espazos forestais para grupos ou centros escolares, ou actividades de educación ambiental (por exemplo, coas conferencias “Froitos do monte” ou visitas escolares titorizadas) e voluntariado nos montes de Vigo ou actividades deportivas diversas.

Tamén son importantes as accións relacionadas coa promoción dos montes de Vigo a través de actividades lúdico-deportivas como a Andaina polos montes de Vigo que nos tres últimos anos se ten realizado ou  a Trail polos montes de Vigo que tamén leva tres edicións. Aparte, tanto a mancomunidade como as comunidades de montes colaboran con entidades sociais, culturais ou deportivas naquelas iniciativas que permiten achegar a moitos públicos diferentes a un espazo natural e apto para multiples actividades como é o monte (festas populares, magostos, actividades micolóxicas, actividades naturalistas, probas deportivas, etc).

Resultados que se poden gozar cos cinco sentidos
Todo o relatado ata o de agora é froito dun lento traballo realizado por parte de centos de comuneiros e comuneiras que traballan de xeito desinteresado en manter un patrimonio natural que lle é propio pero que ten vocación de ser aberto á cidadanía de Vigo para que o coñeza e o use como un gran parque temático.

A integración entre a diversa oferta que se pode atopar nos Montes de Vigo faise necesaria para
poder gozar da nosa riqueza natural cos cinco sentidos. Con este obxectivo, neste número da revista
preséntanse os diferentes montes que forman Montes de Vigo cunha referencia aos parques forestais
que se poden atopar neles, as rutas de sendeirismo que os atravesan, os actos relevantes que se celebran neles e a evolución sufrida dende que pasaran a ser xestionados polos comuneiros e comuneiras pretendendo ser un escaparate do xa feito e un aliciente para seguir adiante no esforzo de transformación do entorno da cidade de Vigo porque aínda queda moito percorrido por diante. 
Neste camiñar resulta imprescindible seguir contando co Concello de Vigo e con aqueles entes públicos e privados que desexan facer de Vigo un modelo de cidade integrada no seu entorno ou, visto dende o alto do monte, dun espazo natural que quere achegarse ao corazón da cidade
Nombre

Actualidade,163,Destacado,105,eventos,22,
ltr
static_page
Montes de Vigo: MONTES DE VIGO
MONTES DE VIGO
Montes de Vigo
https://www.montesdevigo.org/p/montes-de-vigo.html
https://www.montesdevigo.org/
https://www.montesdevigo.org/
https://www.montesdevigo.org/p/montes-de-vigo.html
true
8322081761724650788
UTF-8
Tódolos artigos están cargados Non se atopou ningún artigo VER TODO Ler máis Responder Cancelar resposta Borrar Por Inicio PÁXINAS ARTIGOS Ver Todo RECOMENDADO PARA TI CATEGORÍA ARQUIVO BUSCAR TÓDOLOS ARTIGOS Non se atopou ningunha coincidencia coa túa solicitude Volver a Inicio Domingo Luns Martes Mércores Xoves Venres Sábado Dom Lun Mar Mér Xov Ven Sáb Xaneiro Febreiro Marzo Abril Maio Xuño Xullo Agosto Setembro Outubro Novembro Decembro Xan Feb Mar Abr Maio Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Agora mesmo Fai 1 minuto $$1$$ minutes ago Fai 1 hora $$1$$ hours ago Onte $$1$$ days ago $$1$$ weeks ago Fai máis de 5 semanas Seguidores Seguidos ESTE CONTIDO ESTÁ BLOQUEADO PASO 1: Compartir coas túas redes sociais PASO 2: Fai click no enlace da túa rede social Copiar todo Seleccionar todo Este contido foi copiado no teu portapapeis Non se puido copiar, por favor preme [CTRL]+[C] (ou CMD+C con Mac) para copiar