Mancomunidade
A Mancomunidade de Montes de Vigo, en virtude do establecido pola Lei 9/2013 de transparencia, acceso á información e bo goberno, ten a ben publicar a información relevante da súa organización e xestión: información institucional, órganos de goberno, documentos institucionais, información de actividade, información económica, subvencións e convenios e outra información relevante

INFORMACIÓN INSTITUCIONAL
MONTES DE VIGO: 30 ANOS TRABALLANDO POLO USO SOCIAL DO MONTE
O 20 de xullo de 1996 iniciouse o proceso constituínte da Mancomunidade de Montes de Vigo baixo o lema “O monte: o noso proxecto, o noso futuro. Disfrútao e coidao connosco”. Doce foron as comunidades de montes que participaron na constitución da primeira mancomunidade de montes de Galicia e na actualidade a conforman catorce comunidades: Beade, Cabral, Candeán, Castrelos, Comesaña, Coruxo, Lavadores, Matamá, Oia, Saiáns, Teis, Valladares e Zamáns, xunto coa Entidade Local Menor de Bembrive.
A relevancia deste entramado social asociado ao movemento comunal vigués ponse en evidencia en dous datos. Por unha banda, no mesmo están implicados preto de 4.000 comuneiros e comuneiras. Por outra banda, os montes periurbanos supoñen un total do 15% da superficie do termo municipal, da cal un 57% está destinada a uso social.
Precisamente, ao longo destes 30 anos percorreuse un camiño salientable na dirección de pór en valor os montes nun entorno urbano coa xeralización dos parques forestais e miradoiros a finais dos anos 90 e principios do século XXI (35 hectáreas a disposición da cidadanía e conveniados na súa maioría co Concello de Vigo), coa consolidación do monte como espazo sociocultural no que se celebran as festas das parroquias ou se pon en valor o patrimonio arqueolóxico (creáronse tres áreas etnoarqueolóxicas neste período), coa creación dunha rede de sendeiros de 130 km en colaboración co Concello de Vigo, etc. O reto agora é lograr manter estas infraestruturas das que somos referencia a nivel galego.

Tamén houbo momentos críticos como os lumes de outubro de 2017, que asolaron un terzo dos montes de Vigo e que puxeron en evidencia da necesidade de abordar unha xestión proactiva dos montes como faixa de protección diante da aparición dos grandes lumes que, segundo os expertos, volverán a facer acto de presenza. Neste contexto poidose evidenciar como os montes proporcionan servizos ecosistémicos á sociedade de primeira magnitude (mananciais que subministran de auga as parroquias e os encoros, captura de CO2, etc), que poden porse en risco ante a eventual desaparición do monte, e, por último, como os seus propietarios -as comunidades de montes- teñen que abordar a súa xestión en colaboración coas administracións públicas.
Todo isto quedou reflictido xa en 2006 no NAVI – Proxecto Natureza Viva (Plan de uso e xestión dos montes da Mancomunidade de Vigo) financiado a través dun proxecto europeo transfronteirizo Interreg. Unha das conclusións máis destacadas da análise e propostas de acción recollidas nel foi “...os Montes de Vigo teñen que ofrecer á cidade unha crecente variedade de usos en consonancia coas novas demandas; pero os diversos usos han de resultar sempre harmonizables coa primacía da función ambiental e a oferta de espazos de lecer de calidade”. Tamén apuntaba que para garantir a xestión sostible do monte é preciso integrar os montes na trama urbana, o que supón achegamento das comunidades de montes á sociedade, así como a asunción da ciudadanía de máis responsabilidades en consoancia cos servizos demandados ben directamente ou indirectamente (a través das Administracións Públicas: Concello de Vigo, Xunta de Galicia, etc).
Unha boa mostra da citada colaboración privado-pública é o proxecto “Restauración e mantemento dos Montes de Vigo” subvencionado polo Concello de Vigo: supuxo que durante os últimos 14 anos fose posible contratar entre 15 e 30 efectivos para cuadrillas de coidado dos montes que actuasen sobre o terreo durante unha parte do ano.
Tamén durante os últimos anos leváronse a cabo varios Proxectos de inserción laboral e formación para o emprego nos montes periurbanos de Vigo financiados pola Xunta de Galicia, reforzando a estratexia citada.
Polo expresado, ten plena vixencia o lema “Montes de Vigo: polo uso social do monte”, no que se pon de manifesto a vocación que persigue a Mancomunidade de Montes de Vigo de contribuír ao benestar das parroquias e da cidade na que está inxerida e, ao mesmo tempo, da necesidade de profundar na compatibilización do uso forestal co uso sociorrecreativo nun entorno periurbano, facendo sostible un modelo de xestión do territorio que emana da idiosincrasia colectiva dos montes veciñais en man común.
Durante o bienio 2024-25, en colaboración coa Universidade de Vigo, profundizouse na estratexia citada grazas ao proxecto "Valorización e xestión sostibles dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo" que contou co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU. Grazas ao mesmo afondouse na análise de tres servizos ecosistémicos nos que destacan os montes de Vigo: os recreativos, os hídricos e a captación de CO2, abrindo toda unha estratexia de acción que quedou reflictida nas conclusións recollidas na Xornada de Clausura do 10 de decembro de 2025 (VER DETALLE). Como resumo do proxecto editouse o número 7 da Revista Montes de Vigo baixo o título "Por un pacto coa sociedade viguesa" (VER).

MONTES DE VIGO: MANCOMUNIDADE DE 14 COMUNIDADES DE MONTES
Montes de Vigo: unha mancomunidade formada por 14 Comunidades de montes veciñais en man comúnNa cidade de Vigo atópase unha das Mancomunidades de montes veciñais (Montes de Vigo, en diante) máis importantes do estado, conformada por 14 entidades (trece comunidades de montes veciñais en man común -a última incorporada en xaneiro de 2020- e un monte de utilidade pública adscrito á Entidade Local Menor de Bembrive) e que abrangue o 15% da superficie do concello (1.606 ha) segundo o último censo realizado en 2025 dentro do proxecto da Fundación Biodiversidade.
A partir do citado estudo Montes de Vigo e as comunidades membro propuxéronse promover o uso sostible dos montes comunais a través dun programa de creación de emprego e aproveitamento racional dos recursos económicos, sociais e culturais dispoñibles. Xunto coa función principal de conservar o monte comunal nun entorno periurbano a través da xestión forestal, engadiuse unha función cada vez máis presente: “...os montes de Vigo teñen que ofrecer á cidade unha crecente variedade de usos en consoancia coas novas demandas; pero os diversos usos han de resultar sempre harmonizables coa primacía da función ambiental e a oferta de espazos de lecer de calidade”.
Para garantir a xestión sostible do monte é preciso integralos na trama urbana en dobre senso: por unha banda, achegamento das comunidades de montes á sociedade dado que unicamente coa corta de madeira non se dá financiado de xeito ordinario a función social do monte; por outra banda, asumindo a cidadanía máis responsabilidade en consonancia cos servizos demandados, tanto directamente (asumindo o custe ou participando no seu mantemento) como indirectamente (a través das administracións públicas, con promoción e asunción de custos).
A transformación forestal dos Montes de Vigo

Consecuencia destas liñas estratéxicas, nos últimos anos as comunidades de montes teñen realizado en primeiro lugar un importante exercicio de transformación da realidade do monte herdada da época franquista, moi centrada nun modelo productivista centrado no monocultivo de piñeiro e eucalipto. Os maiores esforzos tiveron lugar na paulatina plantación e rexeneración de especies autóctonas (castiñeiros, carballos, cerdeiras, etc) e nunha importante acción de erradicación da acacia como especie invasora, así como na progresiva adquisición de monte privado que co paso do tempo está quedando en desuso. Por tal motivo moitos dos datos empregados a data de hoxe xa están satisfactoriamente superados.
Unha segunda liña de actuación global vai dirixida a achegar os montes á cidadanía. Os parques forestais, conveniados na súa meirande parte co Concello de Vigo, foron un primeiro paso cun relativo éxito na acollida dos vigueses e viguesas. Os recentes cambios normativos en relación co emprego do lume no monte fixo retroceder o atractivo ofertado para as familias nos meses de verán, que é cando máis se empregan. Entretanto se está facendo entender á administración que as condicións dos parques forestais en Vigo deberían ser unha excepción a esa norma dado os coidados que as comunidades realizan dos mesmos, outras vías de achegamento á sociedade están abríndose.
Outras vías de achegamento á sociedade: o uso social do monte

Destaca neste senso a liña de actuación emprendida nos últimos cinco anos baixo a denominación “Polo uso social do monte”, na que se están implantando novas formas de achegarse ao monte e que van dende a promoción da rede de sendeiros locais de Vigo, en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente de Vigo e con máis de 120 quilómetros de sendeiros xa trazados, ata accións de dinamización dos parques e espazos forestais para grupos ou centros escolares, ou actividades de educación ambiental (por exemplo, coas conferencias “Froitos do monte” ou visitas escolares titorizadas) e voluntariado nos montes de Vigo ou actividades deportivas diversas.
Tamén son importantes as accións relacionadas coa promoción dos montes de Vigo a través de actividades lúdico-deportivas como a Andaina polos montes de Vigo que nos tres últimos anos se ten realizado ou a Trail polos montes de Vigo que tamén leva tres edicións. Aparte, tanto a mancomunidade como as comunidades de montes colaboran con entidades sociais, culturais ou deportivas naquelas iniciativas que permiten achegar a moitos públicos diferentes a un espazo natural e apto para multiples actividades como é o monte (festas populares, magostos, actividades micolóxicas, actividades naturalistas, probas deportivas, etc).
Resultados que se poden gozar cos cinco sentidos
Todo o relatado ata o de agora é froito dun lento traballo realizado por parte de centos de comuneiros e comuneiras que traballan de xeito desinteresado en manter un patrimonio natural que lle é propio pero que ten vocación de ser aberto á cidadanía de Vigo para que o coñeza e o use como un gran parque temático.

A integración entre a diversa oferta que se pode atopar nos Montes de Vigo faise necesaria para poder gozar da nosa riqueza natural cos cinco sentidos. Con este obxectivo, preséntanse os diferentes montes que forman Montes de Vigo cunha referencia aos parques forestais que se poden atopar neles, as rutas de sendeirismo que os atravesan, os actos relevantes que se celebran neles e a evolución sufrida dende que pasaran a ser xestionados polos comuneiros e comuneiras pretendendo ser un escaparate do xa feito e un aliciente para seguir adiante no esforzo de transformación do entorno da cidade de Vigo porque aínda queda moito percorrido por diante.
Neste camiñar resulta imprescindible seguir contando co Concello de Vigo e con aqueles entes públicos e privados que desexan facer de Vigo un modelo de cidade integrada no seu entorno ou, visto dende o alto do monte, dun espazo natural que quere achegarse ao corazón da cidade
USO SOCIAL DO MONTE
MONTES DE VIGO E AS 14 COMUNIDADES DE MONTES ASOCIADAS
A Mancomunidade de Montes de Vigo (Montes de Vigo, en diante) é a entidade que aglutina as 14 Comunidades de Montes Veciñais e en man común do concello de Vigo. Constituíuse coa finalidade da defensa e mellora dos montes das entidades de Vigo, nos seus aspectos económicos, sociais, ecolóxicos, culturais e de relación.
As comunidades de montes de Vigo xestionan 1.606 hectáreas de espazo forestal, o que supón arredor do 15% da superficie do termo municipal, dos cales o 56,7% está considerado como de uso social.Ademáis, contan con 35 hectáreas de áreas recreativas, a meirande parte delas conveniadas co Concello de Vigo, así como cun patrimonio arqueolóxico (45 gravados rupestres catalogados, 12 mámoas, 12 castros, xacementos, etc) e etnográfico (muíños, camiños enlousados, etc) destado.Tamén é de salientar que polos montes de Vigo discorren a maioría dos sendeiros trazados (GR-53, GR-58, GR-94, PR-G1, PR-G5, PR-G9, sendeiros locais e rutas temáticas -senda do bosque, ruta das mámoas, ruta das esculturas, parque temático Arco da Vella-).

MONTES DE VIGO E O SEU PAPEL SOCIAL
Por outra banda, por todos é coñecido que nos diversos montes de Vigo ten lugar múltiples das actividades lúdico-deportivas de entidades, centros educativos e colectivos da cidade, que van dende sendeirismo, btt e outras modalidades ciclistas, actividades micolóxicas, actividades botánicas ou ecolóxicas, paseos fotográficos, plantacións, ximcanas medioambientais, etc.A todo isto hai que engadir que cada unha das 13 Comunidades de Montes desenvolve en maior ou menor medida unha programación de actividades divulgativas, de conservación e de dinamización sociocultural, así como patrocina nas súas respectivas parroquias moitas das festas patronais e culturais, clubs deportivos, anpas e outros colectivos sociais e culturais.
A súa vez, Montes de Vigo, en colaboración coas comunidades de montes, ten promovido actividades que aglutinan as diversas comunidades, sendo as máis destacadas a Andaina polos montes de Vigo (en colaboración co Concello de Vigo) e a Trail polos montes de Vigo
A XESTIÓN DO MONTE PERIURBANO
En 2006 Montes de Vigo elaborou o Proxecto "Natureza Viva", un verdadeiro plan estratéxico a desenvolver a medio prazo. Resultado deste traballo chégase á conclusión de que "... os Montes de Vigo teñen que ofrecer á cidade unha crecente variedade de usos en consonancia coas novas demandas; pero os diversos usos han de resultar sempre harmonizables coa primacía da función ambiental e a oferta de espazos de lecer de calidade".
Para garantir a xestión sostible do monte é preciso integrar os montes na trama urbana, o que supón entre outras cuestións:a) Un achegamento das Comunidades de Montes á sociedade, e particularmente, á lóxica de servizos, dado que únicamente coa corta de madeira non se dá financiado de xeito ordinario a función social do monte.b) A asunción da cidadanía de máis responsabilidade en consoancia cos servizos demandados, tanto directamente (asumindo parte do seu custe ou participando no seu mantemento) como indirectamente (a través das administracións públicas, con promoción e asunción de custes).
A CREACIÓN DA ÁREA DE USO SOCIAL DO MONTE
A actual Xunta directiva de Montes de Vigo proponse darlle un pulo as liñas estratéxicas marcadas e, despois do correspondente tratamento na Asemblea Xeral de xullo de 2016, ten previsto botar a andar a Área do uso social do monte como mecanismo para dinamizar e coordinar as actividades que se desenvolven nas distintas comunidades de montes, así como para conquerir un achegamento á cidadanía viguesa e ás institucións públicas e privadas presentes no concello.Para desenvolver a estratexia prevista vanse a artellar catro eixos de actuación:

1. Dinamización recreativa, que será a encargada de dinamizar os parques e espazos forestais, dinamizar o patrimonio natural e cultural asociado cos montes de Vigo e promover a realización de actividades lúdicas e deportivas, tanto propias como de terceiros, nos espazos habilitados para tales fins.
2. Educación ambiental, que se encargará de xestionar o monte comunal de Vigo como unha gran Aula da natureza na que poidan desenvolverse actividades formativas por parte de centros educativos, empresas de servizos e cidadanía en xeral. Tamén se encargará de organizar cursos formativos para comuneiros e poboación en xeral, así como dispór dun centro de recursos a disposición das comunidades de montes e de terceiros.
3. Participación social, que a través do Club de amigos/as dos montes de Vigo pretende achegar a todos e todas os interesados en coñecer e conservar os montes de Vigo con fins de interese xeral. Tamén se propón, en colaboración con institucións e entidades colaboradoras promover canles de participación como o voluntariado medioambiental ou colectivos colaboradores.
4. Comunicación e relacións exteriores, para dar a coñecer o uso social do monte de Vigo e recabar a colaboración e patrocinio de institucións públicas e privadas de xeito que contribúa a poder desenvolver as actividades dos outros eixos de actuación.

TRANSPARENCIA
A Mancomunidade de Montes de Vigo, en virtude do establecido pola Lei 9/2013 de transparencia, acceso á información e bo goberno, ten a ben publicar a seguinte información relevante:
ÓRGANO DE GOBERNO: XUNTA EXECUTIVA (escollida o 20/2/26)
Presidente: Uxío González Pérez
Vicepresidente: Angel Moises Durán Iriarte
Secretario: Antonio de Dios Alonso
Tesoureiro: Emilio Saco Pérez
Vicesecretario: Alvaro Crespo Casal
Vogal: María Carmen Ulloa Sousa
Vogal: José Antonio Domínguez Fernández
Os cargos exercense sen retribución algunha.
DOCUMENTOS INSTITUCIONAIS
a) Estatutos da Mancomunidade de Montes de Vigo (VER)
b) Revista nº 7 Montes de Vigo (decembro 2025), con resumo de actividades 2024-25 (VER)
c) Contas anuais 2025 e Orzamento 2026 (VER)
SUBVENCIÓNS E CONVENIOS 2025-26
- Subvencións para o fomento do emprego en entidades sen ánimo de lucro 2025 (Concello de Vigo). Importe executado: 118.139,80 euros
- Subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia 2024-25 (Consellería de Emprego, Comercio e Emigración). Importe executado: 211.345,81 euros.
- Subvencións para apoio a proxectos transformadores para a promoción da bioeconomía ligada ao ámbito forestal e a contribución á transición ecolóxica no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia financiado pola Unión Europea-NestGenerationEU para el ejercicio 2023 (Fundación Biodiversidad, 2024-25). Importe inicial: 195.624,00 euros.
- Convenio “Programa experiencial de formación e emprego “Traballos forestais nos montes periurbanos de Vigo” 2026-27 (Consellería de Emprego, Comercio e Emigración). Importe inicial: 364.500,00 euros
- Subvencións para o fomento do emprego en entidades sen ánimo de lucro 2026 (Concello de Vigo). Importe solicitado: 94.738,84 euros
CONTACTO PARA CONSULTAS DE TRANSPARENCIA
- Mail: servizos@montesdevigo.org
- Teléfono: 608 046 047