A infraestructura verde que protexe á cidade de Vigo precisa dun pacto institucional urxente para previr grandes incendios

En Vigo non estamos libres dos lumes nos montes periubanos: cómpre un pacto institucional para introducir a Infraestrutura verde periurbana na axenda da cidade.
(Manifesto promovido pola Mancomunidade de Montes de Vigo a partir da Asemblea celebrada o 25 de agosto de 2025)
ANTECEDENTES | XUSTIFICACIÓN DO PACTO INSTITUCIONAL | AXENDA URXENTE PARA A PREVENCIÓN DOS LUMES NOS MONTES PERIURBANOS | RESUMO PRENSA
I. ANTECEDENTES
Dende o mes de maio as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Vigo, Baixo Miño e Val Miñor constituíron un grupo de traballo para abordar a prevención de grandes incendios no sur da provincia de Pontevedra. A premisa que o inspirou foron dúas conclusións das Xornadas “As Comunidades de Montes fronte aos grandes incendios forestais (GIF)” organizadas pola Mancomunidade de Montes de Baixo Miño no marco do proxecto europeo FirePocTep+ en colaboración coa Universidade de Vigo:
- “Non chega con prevír os incendios do próximo verán, debemos prevír os incendios da próxima década” (Juan Picos, Escola de Enxeñería Forestal de UVigo)
- “Vendo a evolución do lume en Galicia, estamos pasando dos incendios forestais aos incendios do territorio” (Manuel Rodríguez, Director Xeral de Defensa do Monte da Consellería de Medio Rural)
Por desgracia os acontecementos deste mes de agosto demostraron que a premisa se cumpre e que “cando ves as barbas do veciño cortar, pon as túas a remollar”.
II. XUSTIFICACIÓN DO PACTO INSTITUCIONAL PARA INTRODUCIR A INFRAESTRUTURA VERDE PERIURBANA NA AXENDA DAS PRIORIDADES DA CIDADE
a) Os montes de Vigo son unha infraestrutura verde que fan de interface entre 1600 ha de masa forestal e 300.000 habitantes
No caso dos MONTES PERIURBANOS DE VIGO fan de INTERFACE entre unha masa forestal distribuída en 1.600 hectáreas -sen contar as masas forestais dos concellos limítrofes dende Redondela ata Nigrán, pasando por Mos e Gondomar- e una área urbana na que vive unha poboación superior aos 300.000 habitantes. Os seus límites afectan as 14 parroquias que contan con comunidades de montes (Teis, Candeán, Cabral, Lavadores, Bembrive, Beade, Castrelos, Zamáns, Valladares, Matamá, Comesaña, Coruxo, Oia e Saiáns).
Supón o 15% da superficie do termo municipal e proporciona á cidade un conxunto de servizos ecosistémicos vitais para unha poboación superior aos 300.000 habitantes: dende provisión de auga -estímase máis do 12% do subministro da poboación de Vigo-, captación de CO2 -o concepto de pulmón da cidade-, espazo recreativo-cultural e refuxio climático -os parques forestais durante este verán estiveron completos, sobre todo os días de calor extremo-, biodiversidade, etc.
En definitiva, en terminoloxía da Unión Europea, os montes de Vigo supoñen unha INFRAESTRUTURA VERDE que permiten que o Plan Xeral de Ordenación Urbana cumpra cos indicadores de espazos verdes e, curiosamente, fai que Vigo sexa unha das cidades de Galicia con mellor dotación de parques e espazos de recreo verde.

b) A memoria dos lumes de outubro de 2017
Certo que non debemos esquecer que en 2017 tivemos o primeiro aviso de que esta riqueza natural pode desaparecer ou degradarse dun xeito importante. En 7 horas o lume consumiu un terzo da superficie dos montes de Vigo, ou sexa máis de 500 hectáreas -nada en comparación das cifras deste verán, pero moito se temos en conta a función social que realizan-, arrasando a maior parte dos montes de Valladares, Coruxo, Comesaña e Matamá, así como un terzo dos montes de Zamáns.
As imaxes de impotencia que hoxe estamos vivindo en Ourense e en Lugo vivíronse en Vigo ao igual que en Nigrán, Gondomar, Salvaterra, etc. Para a mostra dúas imaxes que todos temos na retina sacadas dende Cangas o día 15 de outubro de 2017, e que non debemos esquecer.
.jpg)
c) A rexeneración posterior aos lumes de 2017
Inmediatamente rematados os lumes houbo unha implicación inmediata da Concellería de Medio Ambiente de Vigo para intentar evitar que a escorrentía das choivas do inverno arrastrara o solo e acabara facendo inservibles os terreos para a rexeneración posterior. Distribuíronse un total de 40 toneladas de palla e coa implicación das comunidades de montes e de voluntariado cidadá logrouse abordar unha primeira medida de choque que fixo a súa función. Esta imaxe nos montes de Coruxo serviu de portada na revista de Montes de Vigo.

Nas labouras de rexeneración logrouse a implicación da Consellería de Medio Rural, cun convenio de colaboración para a recuperación do potencial forestal danado en 4 comunidades de montes -Coruxo, Valladares, Comesaña e Zamáns- en 240 hectáreas de superficie e 25 km de pistas forestais, cun investimento inicial de 1,4 millóns de euros e intervencións que permitiron a plantación de frondosas caducifolias e coníferas, eliminación de pés de acacia e eucalipto, roza e mellora de pistas forestais e peches protectores de rexeneración.
En todo caso, abordada a primeira fase, o grave problema cómpre abordalo a continuación cando as comunidades de montes propietarias dos terreos queimados quedaron descapitalizadas e teñen serias dificultades para abordar a xestión da biomasa exuberante posterior a un incendio. Necesariamente ten que haber un apoio continuado ata que se logre consolidar o bosque, o que precisa de dúas décadas. Entretanto, como explican os expertos, asumen un risco dun novo lume moito maior que calquera outra superficie non queimada.
Tamén cómpre resolver o problema dos enclaves privados nos montes de Vigo que están abandonados e que son un auténtico problema
d) O Anel Verde como faixa secundaria de protección: un proxecto pendente de executar
Simultáneamente viuse a necesidade de abordar o Anel Verde de Vigo, ou o que tecnicamente se denomina unha franxa secundaria de defensa. Como lembra estes día en distintos medios o Presidente da Montes de Vigo, Uxío González, a proposta dun trazado de 50 km presentóuselle ao Concello de Vigo a partir da experiencia do Anel Verde de Vitoria e na medida en que pola lexislación vixente son os concellos os responsables desta faixa de seguridade.
En primeira instancia foi ben acollido e mesmo chegouse a elaborar un borrador por parte do Concello, valorado sobre 8-10 millóns de euros. Houbo discrepancias nas especies forestais a empregar -estase falando de terreos forestais non de parques urbanos-, que semellaba que no caso de seguir falando ben de seguro que se chegaría a un acordo. De feito, comunidades de montes como Coruxo e Saiáns chegaron a aprobar a cesión de terreos ao Concello de Vigo para iniciar o proceso necesario. Na imaxe unha primeira versión do trazado proposto.

O certo é que quedou nun caixón baixo o argumento de que a Xunta de Galicia non lle permitía facelo e sen recibir Montes de Vigo ningunha comunicación formal a pesar de requirirllo ao Concelleiro de Montes en diversas xuntanzas posteriores.
Visto o citado, tamén se lle requiriu comunicación á Consellería de Medio Rural que informase da situación do Anel Verde. En escrito remitido o 9 de xuño de 2022 -despois da celebración do 25 aniversario de Montes de Vigo-, puxo de manifesto: “...xa se ten amosado a vontade de traballar conxuntamente co Concello de Vigo ... e aínda que que a fase de tramitación do anel verde non requería de ningún informe preceptivo ou obrigatorio da Administración autonómica, a Consellería ... deu resposta á solicitude do Concello de Vigo ... e poder avanzar nun traballo común de cara ao deseño do monte periurbano de Vigo dentro do que se configuraría o anel verde como unha das súas principais infraestruturas, ao tempo que se traslada, de novo, a total disposición por parte da Xunta de Galicia a concretar calquera apoio que se estimase necesario, sobre todo, co fin de reforzar a candidatura do anel aos fondos Next Generation”
En conclusión, as Comunidades de Montes de Vigo seguen traballando pola creación dese Anel Verde que serva de protección ante o lume e, ao mesmo tempo, de corredor biolóxico e recreativo. Por tramos, e sen ningún apoio, xa están feitos traballos en comunidades como Saiáns, Oia, Coruxo, Comesaña, Matamá, Valladares, Candeán e Teis, o que se pode comprobar ao circular polos sendeiros dos seus montes.
Se algo aprendemos dos lumes de agosto en 2027, só queda retomar o traballo feito e rematar o ANEL VERDE COMO UNHA INFRAESTRUTURA IMPRESCINDIBLE para Vigo. Vendo o risco ambiental e o risco de protección civil destes días, agardamos que se recupere a responsabilidade institucional antes de que nos teñamos que lamentar non ter feito nada -lembrar que en 2017 foron as choivas da noite as que evitaron que fora unha auténtica traxedia. Ademais, entendemos que habendo oportunidade de empregar fondos europeos da man da Consellería de Medio Rural para este proxecto, sería unha magoa que non se aproveitaran ao igual que se fai noutras infraestruturas da cidade de Vigo.
e) Actuacións para a defensa do monte ante os incendios: areas de defensa estratéxica e outras actuacións preventivas
O Presidente de Montes de Vigo advirte de que tamén cómpre defender o monte ante os incendios porque cando chega o lume sempre é o sacrificado dado que os equipos de extinción céntrase nas zonas de vivendas e na poboación, como por outro lado, é lóxico.
Os expertos propoñen que hai que definir espazos onde poder atacar os lumes con certas garantías de podelos dominar e sen pór en risco aos equipos de extinción: son as áreas de defensa estratéxica, que en Vigo quérese abordar en tres grandes zonas de superficie forestal -Norte, Centro e Sur-. Tamén indican a importancia de ter en condicións a rede de pistas forestais por onde circular os bombeiros forestais, así como depósitos de auga próximos, etc.

Dende 2019, a Dirección Xeral de Defensa do Monte botou a andar un proxecto piloto de crear unha ÁREA DE DEFENSA ESTRATÉXICA CON VIGO -coas comunidades de montes de Coruxo, Oia e Saiáns- e Nigrán – Chandebrito, Camos e Priegue-. O resultado foi unha proposta a finais de 2023 que a día de hoxe non se chegou a implementar a pesar da vontade das partes. Entre outros atrancos está que cómpre chegar a acordos entre as partes -Distrito forestal e Comunidades de montes- sobre a base do respecto aos Plans de ordenación vixentes e aos principios que os rexen, sen impor métodos impositivos. Adicionalmente, necesariamente teñen que axilizarse os procesos administrativos de contratación, porque senón é desesperante ver como a día de hoxe non se ten avanzado máis que no papel.
Por outra banda, as axudas para os traballos preventivos de incendios non se adaptan á realidade duns montes comunais de pequeno tamaño como os de Vigo e, polo tanto, sistematicamente se quedan fora das convocatorias para os correspondentes traballos. Aparte de que neste ano 2025, a convocatoria que saíu en decembro de 2024, aínda está sen resolver.

Asemade, o traballo de acondicionamento das pistas forestais para a prevención de incendios do ano 2022 que lle corresponde ao Distrito Forestal están sen realizar, tendo que abordar eses traballos directamente as comunidades -como no caso da Comunidade de montes de San Miguel de Oia- para demostrar a necesidade imperiosa deses traballos se se quere estar en condicións de circular en caso de necesidade.
f) O traballo das comunidades de montes periurbanas de Vigo: entre o uso social do monte e a xestión forestal nun contexto de risco de grandes incendios
A misión das comunidades de montes veciñais en man común en todo Galicia -un terzo da superficie- é xestionar o territorio forestal do que son titulares. A normativa vixente lles esixe contar cun Plan de Ordenación aprobado pola Consellería de Medio Rural e nela se definen os traballos a realizar no monte durante 10 anos, de xeito que se establece a parte os espazos que se adican a explotación forestal, os espazos que son de uso social e outros usos autorizados. De feito, por lei é obrigatorio a reinversión no monte dunha parte importante dos excedentes que se xeneren (coidado das explotacións forestais, arranxo de pistas, accións preventivas, etc). Normalmente, ademais unha parte adícase a conservar espazos para uso social da parroquia onde está asentada a comunidade.
O caso dos montes periurbanos de Vigo son particulares pois máis da metade das 1.600 hectáreas que aglutinan os montes das 13 comunidades de montes e da Entidade Local Menor de Bembrive, adícanse a usos sociais (parques forestais, miradoiros, áreas etnoarqueolóxicas, sendeiros, etc). Desta infraestrutura verde beneficiase toda a cidadanía viguesa e mesmo da área metropolitana. Isto xustifica que aparte dos recursos adicados polas comunidades a estes espazos non produtivos, haxa contribucións por parte do Concello de Vigo a través da asunción do mantemento dos parques forestais por vía dos convenios coas comunidades de montes. Estes convenios proceden dos anos 90 e dende 2023 solicitouse dende a Mancomunidade de montes de Vigo a súa revisión dado que claramente quedaron desfasados e non están servindo para proporcionar un servizo á cidadanía da calidade acordes a sociedade actual.
Ademáis, dende o ano 2012 houbo un apoio por parte do Concello de Vigo a labores de prevención coa creación dunha brigada forestal de 15-20 peóns financiada a través do Plan de Emprego a Entidades sen Ánimo de Lucro para a que se asignaron 145.000 euros anuais. Trátase dunha axuda que é de agradecer pero que, aparte de quedar desfasada ao non incrementarse dende o inicio, non é máis que un parche de entorno a 5 meses para un traballo de prevención que require traballar entre 9 e 10 meses -ao igual que reclaman os bombeiros forestais estes días e finalmente semella que lograron-.

Por outra banda, dende o ano 2021 a Mancomunidade de Montes organiza un Obradoiro Dual para capacitar 10 peóns forestais e que entre as obras que ten contempladas atópanse labouras de prevención de incendios nas distintas comunidades, que complementa o traballo das brigadas. O orzamento supón máis de 200.000 euros con cargo á Consellería de Emprego da Xunta de Galicia. Precisamente estes días remata o IV Obradoiro fores
Neste contexto, ao servizo recreativo-cultural que ofertan os montes periurbanos de Vigo engádese a necesidade de ser barreira ante unha eventual vaga de lumes como a de 2017. Isto coloca a ordenación dos montes de Vigo diante do reto de revisarse como infraestrutura verde a incorporar dentro da ordenación dun territorio que se ten que protexer de grandes incendios.
Cos recursos aportados na actualidade polas comunidades de montes e polas administracións competentes (Concello de Vigo e Xunta de Galicia) queda lonxe de atender o reto citado.
III. CHAMAMENTO A ABORDAR UNA AXENDA URXENTE PARA PREVENCIÓN DOS LUMES NOS MONTES PERIURBANOS DE VIGO
Dado o interese xeral a atender e de que o período de incendios segue aberto ata outubro, XA IMOS CON RETRASO E, SEN DILACIÓN, CÓMPRE BUSCAR UN PACTO INSTITUCIONAL PARA INTRODUCIR A INFRAESTRUTURA VERDE PERIURBANA NA AXENDA DAS PRIORIDADES DA CIDADE.
A proposta pivota sobre dúas grandes liñas:
a) Acción de curto prazo: coordinación con Concello de Vigo e con Distrito Forestal para abordar a prevención do lume e, no seu caso, a extinción do mesmo no caso de que se produza nas próximas semanas. Para tal fin propomos convocar á maior brevidade posible unha Xuntanza de coordinación a tres bandas, na que se poñan en común os recursos e plans de acción dispoñibles, así como os mecanismos de coordinación para a extinción non caso de ter que empregalos.
b) Accións a medio e longo prazo. Supón abordar a prevención de incendios nos distintos frontes:
- Execución do Anel Verde como faixa de defensa secundaria. Necesariamente ten que pilotar o Concello de Vigo para implicar ás comunidades de montes e os propietarios privados, contando cos recursos propios municipais e financiamento europeo dispoñible. Tamén leva asociado incorporar a rede de parques forestais e demais recursos recreativos na estratexia sobre a base dunha nova concepción da infraestrutura verde que interconecta a periferia de Vigo.
- Implementación das áreas de defensa estratéxica e mellora da rede de pistas, así como coordinación dos dispositivos de prevención e extinción do Distrito Forestal aportando formación ao persoal das comunidades de montes -comuneiros e persoal contratado- e sensibilización á cidadanía das parroquias. Esta liña de traballo ven sendo o desplegue do Plan Forestal de Distrito para a cidade de Vigo, que xa se recomendou nas Directrices emanadas do Parlamento de Galicia despois dos lumes de 2017.
Sen pacto institucional e coordinación entre os principais axentes implicados, Vigo segue exposta a unha traxedia como a de 2017. Xa imos con retraso, pero aínda estamos a tempo de evitar o peor.

RESUMO DE PRENSA
.jpg)