As promesas non paran o lume: carta á cidadanía

TEXTO DA CARTA PUBLICADA EN PRAZA PÚBLICA (VER AQUI)
Hai poucos días lin un artigo do profesor Manel Antelo titulado «La cultura del bombero». A súa reflexión quedoume dando voltas porque describe unha sensación que, desde a Mancomunidade de Montes de Vigo, coñecemos demasiado ben: somos capaces de mobilizarnos cando a catástrofe xa está diante de nós, pero cústanos moito máis manter no tempo o traballo gris, pouco visible e ás veces ingrato da prevención.
E iso produce impotencia. Non porque non se teña falado do problema, nin porque falten plans, anuncios ou boas intencións. O que desespera é comprobar que pasan os anos e que as actuacións estruturais que deberían reducir a nosa vulnerabilidade avanzan demasiado amodo.
En Vigo non falamos dunha hipótese. O 15 de outubro de 2017 o lume deixou de ser un problema exclusivamente forestal. Atravesou o territorio, chegou ás vivendas e mostrou que monte, parroquias, estradas, polígonos, equipamentos e cidade forman un único sistema. Desde entón sabemos que un Gran Incendio Forestal pode converterse, en poucas horas, nun incendio de territorio.

ENLACE AO VÍDEO DA CAMPAÑA "AS PROMESAS NON PARA O LUME"
Nove anos despois, a pregunta debería ser moi concreta: se mañá se repetisen unhas condicións semellantes ás de 2017, canto máis preparada estaría Vigo?
Non partimos de cero. O Concello dispón dun Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais e dunha delimitación das faixas secundarias de xestión da biomasa, se ben todos sabemos que cómpre desenvolvelo cun Plan de Actuación Municipal antre o risco de incendios forestais (PAMIF) integrado no Plan de Emerxencia Municipal de Vigo e isto está pendente de facer. A Xunta conta cos seus instrumentos de planificación e prevención, pero non ten desenvolto o Plan de Distrito Forestal que lle recomendou o Parlamento despois dos lumes de 2017. As comunidades de montes levamos anos facendo silvicultura preventiva, mellorando masas forestais, abrindo espazos de discontinuidad e impulsando iniciativas como Ollos no Monte para facer sensibilización, vixilancia e corresponsabilidade, pero todavía temos que mellorar moito e encaixar nos plans operativos pendentes de desenvolver.
En todo caso, o problema xa non é ter documentos, senón converter o territorio en defendible: actuacións executadas, mantidas, coordinadas e avaliadas ano tras ano. Aquí é onde a filosofía da «cultura do bombeiro» resulta especialmente útil. Apagar ben é imprescindible. Pero unha política pública madura non pode medirse só pola capacidade de reaccionar cando o incendio xa está en marcha. Tamén debe medirse polo que se fixo antes para que o lume avance máis lentamente, para que os medios de extinción poidan traballar con seguridade e, sobre todo, para que as vivendas e as persoas teñan máis posibilidades de quedar fóra da emerxencia.
A prevención tampouco admite que cada administración mire unicamente para a súa parcela competencial. O Concello ten unha responsabilidade central na ordenación e xestión da interface urbano-forestal e na protección do seu territorio. A Xunta de Galicia ten competencias forestais e de prevención e defensa contra incendios, e tamén proxectos que deberían materializarse sobre o terreo.
Un exemplo é a área de defensa estratéxica no sur de Vigo e na súa continuidade con Nigrán e Gondomar. A Xunta vén traballando nesta idea desde 2019 coas comunidades de montes. A finais de 2023 xa existía unha proposta, e posteriormente anunciouse a continuidade da colaboración. Con todo, en 2026 seguimos agardando pola súa materialización efectiva. Mentres tanto, as propias comunidades e propietarios avanzaron na creación da Agrupación Forestal de Xestión Conxunta Montes de Vigo-Sur para actuar sobre o monte privado e crear zonas de maior resistencia ao lume. É unha iniciativa valiosa, pero non pode substituír unha política pública de escala territorial.
O mesmo sucede co Anel Verde. Tras os incendios de 2017 converteuse nun símbolo da prevención que Vigo necesitaba abandeirada polo Concello de Vigo e vimos como quedou aparcado coa permanente escusa de que é a Xunta quen o impide. En setembro de 2025 a propia conselleira do Medio Rural manifestaba publicamente a vontade da Xunta de colaborar na súa creación. Esa disposición é positiva pero o que necesitamos agora é que as vontades das distintas administracións se transformen en proxectos, calendarios, financiamento e obra executada.
Porque a prevención custa diñeiro, pero convén poñer as cifras en contexto. Desde Montes de Vigo propuxemos que o Concello reserve arredor de tres millóns de euros anuais para iniciar unha política ambiciosa de seguridade e infraestrutura verde periurbana. Nunha cidade de arredor de 300.000 habitantes estamos falando de aproximadamente 10 euros por habitante e ano.
Dez euros ao ano para mellorar faixas e discontinuidades, acondicionar pistas e puntos de auga, actuar nos espazos máis vulnerables, apoiar a xestión das parcelas privadas, preparar as parroquias e as vivendas, fortalecer o Anel Verde e facer posible unha prevención continuada xunto cunha infraestrutura verde para o benestar da poboación. A discusión, por tanto, non é só canto custa previr. Tamén deberiamos preguntarnos canto custa non facelo, como acontecería por exemplo se o lume chega a entrar nas instalacións de Stellantis Vigo.
As comunidades de montes temos a nosa responsabilidade e debemos asumila. Os propietarios privados tamén. A Xunta e o Concello, cada un no ámbito das súas competencias, igualmente. E a cidadanía que vive na interface urbano-forestal debe comprender que a autoprotección comeza antes da emerxencia. Ninguén pode resolver só un problema desta dimensión, pero tampouco podemos seguir esperando a que outro dea o primeiro paso.
A prevención ten ademais unha dificultade política: cando funciona, apenas se ve. Non hai fotografías espectaculares, nin evacuacións, nin vehículos de emerxencia, nin zonas queimadas que visitar. Simplemente, o desastre non ocorre ou as súas consecuencias son menores. Ese é precisamente o seu éxito. Tal vez por iso resulta tan fácil adiar estes investimentos. Sempre hai unha necesidade máis inmediata, máis visible ou máis rendible a curto prazo. Pero os grandes incendios non respectan os calendarios administrativos nin os ciclos políticos.
Desde a Mancomunidade de Montes de Vigo levamos demasiados anos falando disto para gastar máis tempo nese debate. O que pedimos é algo máis sinxelo e máis esixente: pasar dos anuncios á execución e construír unha verdadeira política metropolitana de prevención, sostida no tempo e compartida polas administracións, polos propietarios e polas comunidades de montes.
Manel Antelo pechaba a súa reflexión propondo deixar de actuar só como bombeiros para converternos en arquitectos da nosa propia seguridade. Esa idea resume perfectamente o reto que temos diante: “Non sabemos cando chegará o próximo Gran Incendio Forestal, o que si podemos decidir é como queremos que atope Vigo cando chegue”.