O equipo de Bioloxía ambiental da UVigo presenta conclusións das súas investigacións en "Montes de Vigo 2046"

Na sesión do 11 de xuño do Comité Científico do proxecto “Valorización e xestión sostibles dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo”, no que está presente a Mancomunidade de Montes de Vigo xunto co grupo de investigación de Bioloxía Ambiental da UVigo e co grupo de investigación GEN - Economía Aplicada da Universidade de Vigo, realizouse a presentación dos informes que realizou o primeiro dos grupos.

A exposición e o debate centráronse nos tres servizos ecosistémicos estudados para os montes periurbanos de Vigo: servizos recreativo-culturais, servizos hídricos e servizos de regulación do carbono.

No caso dos servizos recreativo-culturais presentáronse datos sobre os inventarios dos 20 espazos recreativos analizados, avanzando unha diagnose sobre as infraestruturas existentes, a sinalización, a accesibilidade e mobilidade, a conservación do entorno e recursos educativo-turísticos existentes. Tamén se abordaron os resultados das enquisas de satisfación presenciais e telemáticas realizadas, podéndose comprobar como máis do 70% das persoas participantes fan unha valoración xeral de 4 ou 5 puntos sobre 5, facéndose fincapé sobre a necesidade de mellorar a limpeza e mantemento así como aspectos de conservación, aseos e sinalética. No relativo aos conteos de visitantes poidose comprobar que entre xuño e setembro hai unha afluencia cercana aos 3.000 visitantes os domingos, sen contar eventos especiais que se realizan ao longo de todo o período.

No tócante aos servizos ecosistémicos hídricos o traballo céntrase tanto nos de abastecemento (cantidade e calidade) como nos de regulación (zonas de amortiguamento e regulación hídrica). En xeral as masas de augas analizadas presentan condicións químicas adecuadas coa característica propia da zona de ter un pH consistentemente ácido (sempre por debaixo do umbral de 6.0). Chama a atención que o 12% da poboación de Vigo se subministra de mananciais procedentes dos montes de Vigo que proven a rede municipal, aparte de toda a veciñanza que directamente o fai das comunidades de augas. No estudo tamén se abordan distintos escenarios de xestión forestal que afectan en maior ou menor medida no fluxo base e na recarga local (esencial para a sostibilidade e recuperación dos acuíferos), proporcionando esta información sustento das estratexias de futuro que se están a plantexar.

Por último, os servizos de regulación do carbono tamén foron analizados, tanto o retido na biomasa forestal como no chan. Neste caso o obxectivo é identificar e cuantificar a capacidade dos montes de Vigo como sumidoiros de carbono atmosférico co fin de valorar a súa contribución á mitigación do cambio climático. Os primeiros datos indican que as comunidades de montes de Vigo 4,6% de carbono nos primeiros 30 cm de chan, por riba da media nacional do 2,71% e por debaixo da media de Galicia do 6-9%. No relativo a contido de carbono en toneladas por hectárea atópanse nun valor de 88,93 tC/ha, sendo a media nacional de 47,34 tC/ha e a media de Galicia de 200 tC/ha -agás chan cultivado ou degradado que presenta valores inferiores a 50 tC/ha-. Nalgúns casos como os montes de Bembrive ou Candeán atópanse na media de Galicia.

Ao rematar a presentación dos informes do grupo de investigación de Bioloxía Ambiental tivo lugar un intenso debate sobre a información proporcionada, permitindo afondar en matices a abordar e buscar as conexións cos traballos que realizan o grupo de investigación GEN-Economía Aplicada e os enxeñeiros forestais que están elaborando as estratexias a futuro para a Mancomunidade de Montes de Vigo.

O proxecto “Valorización e xestión sostibles dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo” conta co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU