Catro comunidades de montes de Vigo certifican os seus servizos ecosistémicos
Ao abeiro da convocatoria de axudas da Consellería de Medio Rural para compromisos forestais de xestión de servizos ecosistémicos (VER NOVA), tres das comunidades membro da Mancomunidade de Montes de Vigo apostaron pola certificación de servizos recreativos (Matamá, Saiáns e Valladares) e unha pola certificación das concas hidrográficas (Zamáns).
Para a realización dos traballos de certificación aproveitáronse algúns dos traballos que Montes de Vigo está realizando no marco do proxecto "Montes de Vigo 2046: montes veciñais en valor" en colaboración co equipo de investigación de Bioloxía Ambiental da UVigo, permitindo así sentar bases para preservar no tempo algúns dos servizos cos que os montes periurbanos de Vigo están altamente comprometidos. Estes traballos contan co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU
Tamén se tomaron como referencia algunhas das múltiples actividades que ser realizan de xeito mancomunado durante estes últimos anos nos distintos montes de Vigo. A modo de exemplo, a experiencia deste martes 17 de xuño na que un centro educativo de Aldán celebrou a festa de fin de curso no Parque Forestal de Saiáns e visitou a fraga e o arboreto dos piñeiros do mundo.
O Parque Forestal de Saiáns cumpre 40 anos
Aproveitando a ocasión o presidente da Comunidade de Montes de Saiáns contoulle como fai 40 anos se creou este parque por parte da veciñanza da parroquia de Saiáns e a partir de aí os demáis recursos recreativos existentes na actualidade nun exercicio de posta en valor do monte unha vez recuperado da expropiación forzosa da época franquista.
De seguido un breve video coa exposición feita e fotos históricas do que foi o primeiro parque forestal creado en Vigo.

