Coidar os parques forestais: o reto pendente do Vigo verde

Vigo fala cada vez máis de zonas verdes. Faino no debate urbanístico, nos discursos sobre calidade de vida e tamén cando se pensa na cidade do futuro. Pero hai unha pregunta que segue sen resposta: que está facendo Vigo cos grandes espazos verdes que xa ten nos montes periurbanos?
A poucos minutos do centro da cidade, os montes veciñais ofrecen unha rede de parques forestais, sendeiros, miradoiros e áreas recreativas que funciona, de feito, como unha gran infraestrutura verde periurbana. Son espazos aos que soben familias enteiras a xantar, persoas maiores a pasear, deportistas a adestrar, centros educativos a facer actividades ambientais e asociacións a celebrar encontros, andainas ou festas populares. A cidadanía xa os incorporou á súa vida cotiá. O problema é que a cidade aínda non os incorporou plenamente á súa planificación.
Os parques forestais de Vigo non xurdiron da nada. A maioría nacen de convenios asinados nos anos noventa e primeiros dous mil entre as comunidades de montes e o Concello de Vigo. As comunidades cederon terreos para uso público e o Concello asumiu obrigas de mantemento, conservación, limpeza e mellora. Aquel acordo permitiu abrir os montes á cidade e crear unha rede de espazos de lecer ao aire libre que hoxe forma parte da identidade viguesa.


RECLAMACIÓNS DE MANTEMENTO DAS INFRAESTRUTURAS DOS PARQUES FORESTAIS DENDE 2026
Pero pasaron máis de vinte e cinco anos. A presión de uso medrou, a sensibilidade ambiental cambiou e as necesidades cidadás xa non son as mesmas. Hoxe non abonda con ter mesas, bancos e asadoiros. Fan falta accesos ordenados, fontes operativas, aseos dignos, sinalización actualizada, limpeza regular, control da vexetación, mantemento das infraestruturas, protección do patrimonio, prevención de riscos e asadoiros homologados que reduzan o perigo de incendio. E aí é onde o sistema fai augas.
A Mancomunidade de Montes de Vigo leva anos advertindo da situación. En 2020 revisou os convenios existentes e puxo sobre a mesa unha evidencia: respondían á realidade dos anos noventa, moi distinta das necesidades actuais. En 2023, a Asemblea da Mancomunidade aprobou por unanimidade un informe sobre o estado dos parques forestais cedidos ao Concello e encomendados á contrata de Parques e Xardíns. O diagnóstico era claro: deterioro de infraestruturas, falta de mantemento e incumprimento das necesidades mínimas dun uso público cada vez máis intenso.
Feita unha revisión da situación actual, iniciado o verán de 2026, seguen a darse carencias impropias dunha infraestrutura verde baixo a responsabilidade dos convenios coa Concellería de Parques e Xardíns. A modo de exemplo, no Parque Forestal do Vixiador, un dos grandes espazos de referencia do monte de Candeán, poden verse asadoiros deteriorados e fontes sen auga. En Saiáns, o mal estado de bancos e mesas afecta directamente á seguridade e á calidade do uso público. En Beade, a falta de desbroce nas zonas de mesas e os asadoiros sen mantemento contrastan coa elevada afluencia dun parque moi utilizado por familias e grupos. Na Madroa, o problema engade unha dimensión de risco: a falta de ordenación do tráfico arredor do parque e dos accesos ás franxas de seguridade do monte, especialmente cando hai eventos nos campos do Celta, pode complicar calquera actuación de emerxencia.





ANÁLISE DE SITUACIÓN REALIZADA POLA UNIVERSIDADE DE VIGO
A Universidade de Vigo, no informe sobre os servizos ecosistémicos culturais e recreativos dos montes periurbanos realizado en 2025 no marco do proxecto “Valorización e xestión sustentable dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo”, financiado pola Fundación Biodiversidade, achega unha lectura complementaria. Os parques forestais non son só lugares de encontro familiar ou paseo para 200.000 vigueses ao ano, son espazos que prestan servizos ambientais e sociais á cidade: melloran a calidade do aire, contribúen á regulación climática, favorecen a biodiversidade, ofrecen benestar físico e mental, facilitan o encontro social e reforzan o vínculo da poboación coa natureza.
O informe universitario tamén confirma que a cidadanía valora estes espazos. A satisfacción xeral das persoas usuarias é alta, especialmente cando se fala de reunións familiares, descanso, contacto coa natureza, sendeiros e miradoiros. Pero a mesma análise detecta carencias repetidas: aseos insuficientes, limpeza irregular, sinalización deficiente, problemas de accesibilidade, falta de mantemento e escaso aproveitamento educativo e patrimonial. Hai, polo tanto, unha conclusión difícil de discutir: os parques forestais funcionan, pero poderían funcionar moito mellor.
O paradoxo é evidente: Vigo recoñece que precisa máis zonas verdes en verbas da Concelleira de Urbanismo, pero segue sen resolver como coidar a maior rede verde que xa ten. Os montes veciñais en man común ocupan o 15% do territorio municipal e ofrecen unha coroa de espazos naturais que poucas cidades teñen tan preto do centro urbano. Porén, a súa xestión segue atrapada nunha zona gris: son propiedade das comunidades de montes, están abertos á cidadanía, foron incorporados á oferta pública da cidade, dependen de convenios antigos e carecen dun modelo estable, moderno e suficientemente financiado.
O resultado é coñecido: as comunidades reciben as queixas dos usuarios, o Concello non sempre executa o mantemento coa intensidade necesaria —ou faino de maneira puntual cando hai eventos— e a cidadanía segue usando uns espazos que valora, pero que moitas veces atopa por baixo do nivel que merece unha cidade como Vigo.

AS PROPOSTAS DE MONTES DE VIGO
A Asemblea de Montes de Vigo propuxo en 2023 unha saída ao Concello de Vigo: un novo convenio marco para todos os parques forestais. Non un parche nin unha renovación automática dos acordos antigos, senón un modelo integral que recoñeza estes espazos como infraestrutura verde municipal. Un convenio que inclúa mantemento, limpeza, accesibilidade, sinalización, ordenación de accesos, tratamento silvícola, dinamización social, prevención de incendios e unha comisión de seguimento real. Ese acordo debería superar a visión limitada de “parques e xardíns”. Os parques forestais son tamén medio ambiente, educación, deporte, saúde pública, protección civil, turismo e convivencia veciñal. A data de hoxe, incomprensiblemente, non se recibiu resposta algunha.
A cuestión de fondo xa non é se os montes forman parte da cidade. Iso xa o responde a cidadanía cada fin de semana cando sobe ao Vixiador, a Beade, a Saiáns, á Madroa, a Zamáns, ao Monte dos Pozos, ao Cepudo, a Coruxo, a San Miguel de Oia ou aos parques de Bembrive. A cuestión é se Vigo vai estar á altura desa realidade. A cidade pode seguir falando de novas zonas verdes. Pero antes, ou ao mesmo tempo, debería facerse cargo das que xa ten. Porque os parques forestais non son un luxo nin unha herdanza menor das parroquias. Son unha infraestrutura verde esencial, construída sobre o esforzo das comunidades de montes e utilizada cada ano por milleiros de vigueses e viguesas.
Coidalos non é un favor ás comunidades; é unha responsabilidade coa cidade. Por iso, Montes de Vigo propón avanzar nun acordo co Concello de Vigo que recoñeza a súa competencia na atención das necesidades lúdicas, recreativo-culturais, deportivas e de educación ambiental da cidadanía, e que permita articular unha solución estable para os parques forestais.
Nese camiño, a Fundación Montes de Vigo 2046 pode converterse no instrumento de futuro para sumar recursos, alianzas e corresponsabilidade arredor dos servizos ecosistémicos que os montes periurbanos prestan ao conxunto da cidade.