No 30 aniversario da Mancomunidade, nace formalmente a Fundación Montes de Vigo 2046

Coincidindo co día no que se cumpren exactamente trinta anos da constitución da Mancomunidade de Montes de Vigo, representantes das comunidades promotoras asinaron este luns, ante o notario Ernesto Regueira, a escritura pública de constitución da Fundación Montes de Vigo 2046.

A sinatura dá continuidade ao acto conmemorativo celebrado o pasado 11 de xullo no Parque Forestal de Beade baixo o lema «Por un pacto coa sociedade viguesa». Naquela xornada, a Mancomunidade fixo balance de tres décadas de traballo colectivo, recoñeceu o labor dos pioneiros do movemento comunal vigués e presentou unha nova folla de ruta para afrontar os retos dos montes periurbanos durante os próximos vinte anos.

A elección desta data ten, polo tanto, un marcado valor simbólico. O 20 de xullo de 1996, doce comunidades de montes iniciaban un proxecto común para defender, recuperar e poñer en valor os montes veciñais das parroquias de Vigo. Trinta anos despois, aquel impulso colectivo dá lugar a unha nova ferramenta destinada a reforzar a cooperación, captar recursos e desenvolver proxectos estratéxicos ao servizo dos montes e da sociedade viguesa.

A Fundación Montes de Vigo 2046 nace coa vontade de contribuír á conservación e xestión sustentable das máis de 1.600 hectáreas de montes periurbanos integradas na Mancomunidade, promovendo actuacións en ámbitos como a prevención dos incendios, a recuperación ambiental, o control das especies invasoras, a mellora dos parques forestais e sendeiros, a protección dos recursos hídricos e a valorización dos servizos ambientais, sociais e recreativos que estes espazos prestan á cidade.

A Fundación non substitúe ás comunidades de montes, titulares e responsables da xestión dos seus territorios, senón que se configura como un instrumento común para apoiar o seu traballo, impulsar proxectos compartidos e favorecer a colaboración coas administracións públicas, a Universidade, as empresas e o conxunto da sociedade civil.

Tras a sinatura da escritura pública, iniciaranse os trámites necesarios para a inscrición e posta en funcionamento da Fundación. A vontade da Mancomunidade é avanzar, despois do verán, na incorporación ao seu Padroado das institucións e entidades que desexen participar neste proxecto colectivo.

A constitución da Fundación Montes de Vigo 2046 representa así o inicio dunha nova etapa. Un paso adiante para recoller o legado das persoas que recuperaron os montes veciñais, responder aos desafíos actuais e garantir que este patrimonio natural, social e comunitario continúe formando parte esencial do futuro de Vigo.