Co patrocinio do Grupo Pereira, novos servizos no Parque Forestal de Saiáns
O convenio de colaboración asinado pola Mancomunidade de Montes de Vigo e o Grupo Pereira enmárcanse nas experiencias de implicación do sector empresarial na dinamización dos servizos ecosistémicos que os montes ofrecen á cidadanía viguesa no marco do proxecto "Montes de Vigo 2046: montes veciñais en valor". Particularmente esta colaboración busca completar os servizos que ata o momento se prestan no primeiro parque forestal creado en Vigo por parte da Comunidade de Montes de Saiáns.

Presentación do Acordo de Colaboración
A Mancomunidade de Montes de Vigo está a desenvolver o proxecto “Montes de Vigo 2046: montes veciñais en valor” co obxecto de dar a coñecer os servizos ecosistémicos que o conxunto dos montes de Vigo proporciona á cidadanía viguesa, tanto na dimensión recreativo-cultural como noutros servizos de regulación e provisión como os recursos hídricos ou a captación de CO2. Neste proxecto, financiado pola Fundación Biodiversidade (MITECO), un dos retos é a implicación do mundo empresarial en actividades de sensibilización que permitan a visibilización dos servizos citados.
Precisamente neste marco contextualízase o Acordo de Colaboración entre o Grupo Pereira e Montes de Vigo para o ano 2025. O Grupo Pereira é unha empresa galega con máis de sete décadas de traxectoria no sector pesqueiro, especializada en produtos do mar conxelados. Cun modelo de integración vertical, a compañía controla todo o proceso desde a captura ata a distribución, garantindo a trazabilidade e acalidade dos seus produtos. A empresa está presente en sete países e conta cunha frota de máis de 20 barcos que operan nos principais caladoiros do Océano Atlántico. Ademais, dispón de cinco plantas de elaboración en terra e a sustentabilidade é un eixo cada vez máis importante.

Actividades previstas no Convenio: antecedentes e programación
No estudo que o Departamento de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo realizou sobre os servizos recreativo-culturais nos montes de Vigo puxo de manifesto a necesidade de completar os servizos que prestan os Parques Forestais de Vigo de xeito que se atenda ás demandas dos usuarios en relación con servizos de restauración ou disposición de baños públicos. Por outra banda, tamén pon de manifesto a necesidade de mellorar a información sobre os servizos que proporcionan os Parques forestais, así como ofertar actividades de educación ambiental que permitan coñecer os valores naturais, paisaxísticos e patrimoniais existentes nos montes de Vigo.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Saiáns celebra neste verán de 2025 o 40 aniversario da creación do Parque Forestal, sendo o primeiro que se creou en Vigo e tendo dende o primeiro momento vocación de servizo á cidadanía tal e como se pon de manifesto na transformación vivida ao longo destes anos.
Con estes antecedentes, o Grupo Pereira, empresa adicada ao sector de productos conxelados do mar, considerou oportuno colaborar nunha experiencia piloto de posta en valor e de mellora de servizos do Parque Forestal de Saiáns, enmarcado nos compromisos de responsabilidade corporativa do grupo na cidade onde ten a súa sede social. A achega prevista contempla tanto unha aportación para cubrir custes, así como apoio loxístico e de comunicación.
As actividades previstas no marco da colaboración concrétanse en:
- Activación do “Kiosko do Parque Forestal de Saiáns” durante as fins de semana e festivos do verán 2025, na que se poderán dispór de produtos típicos dos “chiringos de verán”.
- Recuperación dos baños públicos do Parque Forestal de Saiáns, que atendan as necesidades da poboación usuaria acordes coas demandas de calidade do século XXI.
- Implantación dun panel informativo cos Recursos recreativos do Parque Forestal, con acceso á información básica do mesmo. Dende este panel pódese acceder á información detallada a través do QR (ver ENLACE)
- Realización dun programa de actividades de educación ambiental co público asistente ao Parque Forestal. A primeira das saídas interpretativas terá lugar o 19 de xullo, as 11 horas, coincidindo coa Festa da Amistade que se vai a celebrar ese día en conmemoración do 40 aniversario da creación do parque forestal.
Esta actividade forma parte do proxecto “Valorización e xestión sostibles dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo” e conta co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU
Panel informativo implantado no Parque Forestal de Saiáns cos recursos recreativos dispoñibles

Novos servizos de Kiosko e de baños no Parque Forestal de Saiáns

