O polvorín dos montes de Vigo atópanse nas parcelas desatendidas por propietarios privados e administracións
.jpg)
O artigo da Voz de Galicia de hoxe (ver en PDF) recolle a problemática coa que se atopan os montes de Vigo diante da acumulación de combustible e masa forestal por parte de propietarios privados (véxase abaixo o caso de Sobreira en Valladares, punto 0 dos lumes de 2017 onde os veciños tiveron que acudir a salvar o colexio e o instituto) e por parte das administracións (vexase abaixo a situación da VG20 por falla de mantemento por parte do Ministerio de Fomento). Fronte a isto as Comunidades de Montes de Vigo realizan o seu traballo de xestión preventiva cun apoio institucional insuficiente tendo en conta que máis da metade dos montes de Vigo son de uso social e polo tanto do que se beneficia a cidadanía en xeral (ver abaixo Reflexión dende a Mancomunidade de Montes de Vigo).


Entrevista na TVG con Uxío González, Presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo: enlace AQUI
Reflexión dende a Mancomunidade de Montes de Vigo
Os expertos indican que tal e como se comporta a climatoloxía resulta impredecible saber en que momento vai ser mais probable que haxa incendios. Este ano choveu moito e vese como hai moita vexetación que ao secar acaba sendo combustible potencialmente perigoso. Non se sabe se será durante o verán ou no outono cando se desencadene porque depende de que a combinación de factores ambientais e climatolóxicos se conxuren nun momento preciso. O certo é que por estatística semella que nun prazo de 1 ou 2 anos é posible que se produza, senón este mesmo ano. Crucemos os dedos para que non.
En xeral, nas comunidades de montes de Vigo fanse traballos de prevención de incendios con cargo a recursos propios, con cargo á subvención do Plan de Emprego Municipal da Concellería de Emprego (este ano cun 21% menos de orzamento) e con cargo á obra que desenvolve o IV Obradoiro Forestal nos montes de Vigo (subvencionado pola Consellería de Emprego da Xunta de Galicia). En total nestes momentos están traballando arredor de 50 persoas, pero ao rematar os programas entre xullo e agosto, en setembro limítanse a menos de 20. Estas colaboracións enmácanse no interese xeral da conservación dos montes de Vigo na medida en que máis da metade da superficie ten un uso social do que se beneficia a cidadanía de Vigo en xeral.
En todo caso, queda patente que é insuficiente por esta vía porque faría falla dispór de máis tempo das cuadrillas -facilmente duplicar os recursos existentes e con cargo a un convenio específico para prevención de incendios, non en programas de emprego nos que este é só unha parte do obxectivo- e que se non se aborda cunha estratexia máis global (co Anel Verde na franxa secundaria, con áreas de xestión estratéxica nos cumios dos montes, con formación da poboación e dos actores participantes na xestión forestal, etc), non é factible abordar seriamente a prevención diante de grandes incendios que os especialistas nos están a dicir antes ou despois van a producirse.
De feito, as tres mancomundidades de montes de Vigo, Baixo Miño e Val Miñor estámonos coordinando para demandar do Distrito Forestal XVIII un plan de prevención de incendios máis comprometido e contando cos principais propietarios destes no sur de Pontevedra -as comunidades de montes-, e tendo en conta a especificidade dun espazo no que habita máis de 500.000 persoas, onde necesariamente téñense que coordinar as distintas administracións competentes e os propietarios.
E se isto está así nos espazos ordenados das comunidades de montes, porque nos espazos de titularidade particular en xeral o que predomina é o abando e a incapacidade de abordar os problemas que se lle plantexan. Algo se está logrando nas marxes dos 50 metros dos entornos das poboacións, e con dificultades pola gran cantidade de fincas sen identificar, pero caseque nada se fai en enclaves no medio do monte onde a superficie é moi pequena e non é rendible a xestión que se faga. Isto provoca que moitas veces o que se fai nas comunidades de montes de pouco serve se ao lado hai masas con moito combustible agardando a que chegue o fatal día.
En definitiva, como levamos dicindo dende o 2017, que nos ardeu un terzo dos montes de Vigo en tan só 7 horas e con el 30 anos de traballo dende que se recuperou a propiedade dos montes veciñais en man común, non se está priorizando suficientemente a prevención dos lumes de 6ª xeración e o alineamento entre os actores -incluíndo os investigadores da Universidade de Vigo que están facendo propostas moi concretas para ilo e que están plasmadas nun borrador de lei de prevención de incendios que non chegou a ver a luz-.
Cómpre que a sociedade sexa consciente deste retraso e que dotemos recursos para este grave problema social, que por non ser visible está agochado e en calquera momento nos estoupa na cara en sentido estricto