As Xornadas sobre os "Grandes Incendios Forestais" reivindican o papel das Comunidades de Montes de Pontevedra como parte da solución ao problema

Mesa redonda con participación das organizacións invitadas e as mancomunidades

A Xornada "Os Retos dos Grandes Incendios Forestais nas Comunidades de Montes de Pontevedra" tivo lugar este sábado 18 de novembro como peche dun proceso de reflexión realizado por parte das Mancomunidades de Baixo Miño, Morrazo, Pontevedra, Val Miñor e Vigo durante todo este longo e intenso verán afectados polos grandes lumes vividos en Lugo e Ourense, e co recordo dos vividos en 2017 no sur de Pontevedra.

A sesión, na que participaron máis dun cento de asistentes, foi intensa en canto ao análise realizado e na pluralidade de propostas realizadas polos presentes. De seguido faise unha escolma do máis salientable e de seguido dispondes dos vídeos das poñencias para compartir con aquelas comunidades de montes de diversos puntos de Galicia que se interesaron polos mesmos.

A conclusión final foi: As comunidades de montes de Pontevedra son unha parte activa da solución dos GIF e demandan á sociedade é ás administracións porse a previr os incendios da vindeira década. Nas seccións seguintes resúmense os temas abordados nas distintas mesas realizadas nas Xornadas.

VIDEOS COMPLETOS DAS POÑENCIAS

VÍDEO MESA 1 (Fundación Juana de Vega, Francisco García e Daniel Canosa, e Universidade de Vigo, Juan Picos): AQUI

VIDEO MESA 2 (Observatorio dos Montes en Man Común, Asociación Forestal de Galicia e Organización Galega de Comunidades de Montes) e MESA 3 (Mancomunidades de Baixo Miño, Morrazo, Val Miñor e Vigo): AQUI

RESUMO DAS POÑENCIAS

Participantes na Mesa 1 "Grandes Incendios Forestais: cambio de paradigma na xestión do territorio"

MESA 1: Fundación Juana de Vega (Francisco García e Daniel Canosa) e Universidade de Vigo (Juan Picos, coordinador de FIREPOCTEP+)

Os grandes incendios forestais (GIF) amosan que o lume xa non é só un problema forestal, senón un síntoma dun territorio en crise, marcado polo abandono rural, a perda de actividade agraria e a continuidade do combustible vexetal. As leccións aprendidas sinalan que a prevención debe facerse a escala territorial e comunitaria, implicando activamente ás comunidades de montes, concellos e poboación local. Coinciden en que:

É preciso pasar da reacción á anticipación, planificando zonas estratéxicas de xestión e mosaicos de usos que limiten a propagación do lume.

As comunidades de montes son pezas clave na defensa do territorio, e sobre todo na costa de Pontevedra e Baixo Miño, mais precisan coordinación entre elas e apoio estable das administracións.

A autoprotección dos núcleos habitados e a recuperación de prácticas tradicionais (gandaría extensiva, regadíos, frondosas) son fundamentais para crear paisaxes máis resilientes.

O reto vai máis alá da extinción: require políticas comprometidas por parte da Xunta de Galicia, financiamento sostido e unha nova cultura social do fogo baseada na corresponsabilidade.

A experiencia das comunidades de montes de Pontevedra demostra que onde hai territorio vivo, hai defensa fronte ao lume; e que a xestión conxunta, o coñecemento local e a planificación intercomunitaria son o mellor cortalumes posible.

Mensaxe final: facer ben as cousas é imprescindible pero non suficiente; cómpre anticipación, contexto e coordinación para adaptar a prevención e extinción á nova realidade dos incendios.

MESA 1. DEBATE CO PÚBLICO

O debate entre o público e os relatores deixou claras varias cuestións centrais arredor dos grandes incendios forestais e das respostas sociais e institucionais necesarias:

- O abandono das fincas privadas: As comunidades de montes denunciaron o “estado de abandono” das propiedades particulaes que rodea as parroquias, formado por antigas terras de cultivo hoxe cheas de maleza. Estas parcelas son un importante factor de risco e cómpre crear mecanismos legais e técnicos que permitan intervir nelas por razón de utilidade pública.

- Autoprotección e corresponsabilidade: O debate puxo de manifesto a falta dunha cultura real de autoprotección. Non se pode esperar que o Estado limpe todos os montes; cada propietario e cada comunidade deben asumir a súa parte de responsabilidade.

- Falla de aplicación do dictame acordado no Parlamento Galego con motivo dos lumes de 2017: confirmas e que non se trasladaron os acordos do ditame parlamentario de 2017 á lexislación de prevención de incendios. Insistiuse en que a presión social é o único xeito de que as administracións non abandonen a prioridade dos incendios, pois a memoria política é curta e o risco, cada vez maior.

En síntese, as preguntas e respostas coincidiron nunha mensaxe común: a loita contra os incendios non remata cando se apagan, senón cando se mantén vivo o territorio e a sociedade que o coida.

Participantes Mesa 2

MESA 2 Observatorio dos Montes en man común e baldíos (Beatriz Zugazagoitia), Asociación Forestal de Galicia (Xosé Covelo) e Organización Galega de Comunidades de Montes (Xosé Alfredo Pereira)

O debate puxo o foco na colaboración entre entidades e na necesidade deconstruír unha estratexia común de prevención e xestión do territorio fronte aos grandes incendios.

- Coñecemento e cooperación. Beatriz Zugazagoitia destacou a importancia de xerar e compartir coñecemento entre comunidades, fomentar a capacitación técnica e crear espazos de interlocución conxunta coa administración. Subliñou que a prioridade das comunidades é reducir o impacto do lume e manter a biodiversidade, o que require unión,aprendizaxe mutua e planificación conxunta.

- Decálogo para actuar. Xosé Covelo presentou un decálogo con ideas clave:

1. O monte non está “sucio” por natureza. A limpeza debe facerse con criterio ecolóxico, non a manta.

2. Distinguir especies pirófitas e o seu papel. As especies pirófitas non buscan o lume, pero poden rexenerarse tras el.

3. Os propietarios son as primeiras vítimas dos incendios. O lume destrúe anos de traballo e investimento.

4. Superar o simplismo entre "monte limpo" e "monte abandonado". As solucións deben adaptarse a cada realidade territorial e tipo de monte.

5. Sen xente non hai prevención. O rural precisa servizos e oportunidades para manter poboación.

6. Mellorar a imaxe social do monte. É un espazo produtivo e vivo, non un problema.

7. Fórmulas flexibles e colaboración. Agrupacións de xestión conxunta, acordos e corresponsabilidade público-privada.

8. Planificar zonas estratéxicas. Actuar onde o risco é maior e con planificación técnica.

9. Manter medios públicos todo o ano. A prevención non pode limitarse ao verán.

10. Integrar a gandaría extensiva e recuperar o oficio de pastor. A gandaría extensiva é unha aliada natural contra o lume.

En síntese, o decálogo chama a pasar da crítica á acción, sumar esforzos e recuperar a cultura forestal compartida, porque só a colaboración e a xestión activa poden frear a escalada dos grandes incendios forestais.

- Un problema de país. Xosé Alfredo Pereira insistiu en que non se pode falar só de “lumes forestais”, senón de lumes do territorio, porque afectan á paisaxe, ás aldeas e á sociedade enteira. Reclamou unha políticade montes e medio rural por parte da Xunta de Galicia diferente, baseada na corresponsabilidade social e na visión de país.

En síntese, a mesa coincidiu en que a loita contra os incendios require unidade, planificación e vontade política, porque o lume non é un problema forestal: é un problema compartido de todo o territorio galego.

Marticipantes Mesa 3

MESA 3. Mancomunidades de montes do Baixo Miño, Morrazo, Val Miñor e Vigo

Expuxeron a súa visión común fronte aos grandes incendios forestais e o papel clave das comunidades de montes veciñais en man común na defensa do territorio.

Baixo Miño: destacou a importancia de traballar en rede e con visión de territorio, poñendo como exemplo a iniciativa “Ollos no monte”, que coordinou por mensaxería a vixilancia entre 14 comunidades.

Morrazo: puxo en valor o esforzo das súas comunidades, con montes ordenados, frondosas autóctonas e faixas limpas, fronte ao abandono do monte privado e a falta de colaboración institucional.

Val Miñor: lembrou a súa orixe como movemento de loita e reclamou unha política forestal activa, que respecte a autonomía das comunidades e non lles cargue a responsabilidade de apagar os lumes.

Vigo: achegou datos sobre os servizos ecosistémicos dos seus montes e presentou o proxecto “Montes de Vigo 2046”. Tamén presentou a súa estratexia baseada nunha “banqueta de catro patas”: 1.Áreas de defensa estratéxica, 2. Anel verde para abordar a faixa secundaria, 3. Agrupacións forestais de ordenación conxunta e 4. Gobernanza e aliñamento institucional e social

Como conclusión, as mancomunidades coincidiron en que os lumes son de territorio, non só forestais, e que a prevención require visión de longo prazo, investimento sostido e cooperación entre administracións, comunidades e sociedade civil. “Previr os lumes do futuro é tarefa de todos, non só de quen vive no monte.”

Proposta das Mancomunidades:

A ameaza dos Grandes Incendios Forestais (GIF), agravados polo cambio climático, a fragmentación e abandono dos montes privados e a falla de planificación integral, afecta xa a máis de 725.000 persoas entre Pontevedra e Baixo Miño. As mancomunidades entenden que tanto o sector das Comunidades de Montes como a Xunta de Galicia teñen que plantexarse os seguintes eixos de actuación:

1. Revisión orzamentaria: investimentos plurianuais e fórmulas administrativas áxiles que aseguren unha ordenación do territorio resiliente ao lume.

2. Reformulación dos Plans de Ordenación Forestal: integrando a xestión mancomunada do territorio e o uso multifuncional do monte.

3. Capacitación actualizada dos recursos humanos implicados.

4. Sensibilización social sobre a importancia da prevención e corresponsabilidade cidadá.

5. Execución inmediata de Plans de Prevención e Defensa contra o lume dos Distritos Forestais, con participación da Xunta, Deputación, Concellos e Comunidades de Montes.

Momentos de debate na Xornada

DEBATE FINAL

O debate final reuniu a visión de comuneiros, técnicos, propietarios e expertos arredor dun diagnóstico compartido: o modelo actual do monte galego require unha transformación profunda baseada na corresponsabilidade e na valorización do monte se realmente se quere abordar con seriedade a lacra dos grandes incendios forestais que están entrando cada vez de forma máis evidente.

Algúns dos aspectos achegados no debate final polos asistentes foron:

- Causas de fondo. Varios dos participantes coincidiron en que os incendios son a consecuencia dun modelo político e económico imposto desde fóra e perpetuado dentro:

• A UE deseñou Galicia como “reserva forestal de Europa”, hoxe convertida en “zona mineira”.

• O monocultivo e a falta de diversificación fixeron do monte un territorio “deseñado para arder”.

• A propiedade comunal enfróntase a ameazas e tentativas de privatización.

• O cambio climático e a expansión urbanística agravan a vulnerabilidade.

- Críticas ao modelo actual. Denunciouse o fracaso da prevención e da extinción, a descoordinación institucional e unha lexislación que perpetúa o ciclo “lume-plantación-abandono-lume”. As políticas actuais seguen orientadas ao monte produtivista e non contemplan a súa función social e ambiental.

- Cara a un novo paradigma. As propostas céntranse en pasar da prevención á valorización:

• Promover un monte multifuncional e sustentable, con usos económicos, sociais e ecolóxicos.

• Recuperar liñas de axuda para a multifuncionalidade, incorporando tamén novos métodos como convenios con mancomunidades de montes.

• Reformar os plans de ordenación forestal para integrar biodiversidade, pastoreo e aproveitamentos complementarios.

- O papel das comunidades de montes. Reivindicouse o seu labor como principal forza social no territorio, aínda que moitas se sintan ignoradas polas administracións. Deféndese que as comunidades de montes veciñais en man común son unha parte activa da solución: unirse, propoñer medidas técnicas e crear unha voz mediática común diante da sociedade.

Conclusión: Os lumes son o síntoma dun modelo de territorio en crise. A saída non virá só da extinción, senón dunha nova cultura de corresponsabilidade social, económica e ambiental, na que as comunidades de montes e a cidadanía rural sexan protagonistas do cambio.