Vivir preto do monte en Vigo: prevención e autoprotección fronte aos incendios forestais

Interface forestal-urbano no barrio do Freixo en Valladares que viviron os incendios de 2017

INDICE: 1. Introdución | 2. 6 pasos para preparar a vivenda fronte ao lume| 3. Check de autoavaliación do grao de vulnerabilidade da túa vivenda

1. INTRODUCIÓN. Incendios forestais ao carón das vivendas e das dotacións públicas e de empresas, un risco para o que debemos prepararnos

As imaxes que estes días chegan desde diferentes lugares de España volven amosar unha realidade cada vez máis evidente: un incendio forestal pode deixar de ser en pouco tempo un problema exclusivamente ambiental para converterse nunha emerxencia que ameaza vivendas, estradas, servizos e, sobre todo, persoas. Os grandes incendios rexistrados durante este mes de xullo están obrigando a evacuar ou confinar numerosas poboacións e están poñendo a proba a capacidade dos servizos de extinción e protección civil.

En Vigo non temos que imaxinar ese escenario. O 15 de outubro de 2017 o lume chegou ás parroquias, achegouse ás vivendas, cortou vías de comunicación e provocou unhas horas de enorme incerteza. Aquel día comprobamos que a proximidade entre o monte e os núcleos habitados converte boa parte do territorio vigués nun espazo de contacto no que un incendio forestal pode evolucionar rapidamente cara a unha emerxencia de protección civil.

O Cinto Verde de Vigo constitúe un dos grandes patrimonios naturais da cidade. Os montes periurbanos proporcionan espazos de lecer, biodiversidade, protección do solo, regulación da auga e calidade de vida. Pero a presenza de vivendas, estradas, equipamentos e actividades humanas ao seu carón obriga tamén a coñecer e asumir os riscos propios desta convivencia.

Previr os incendios é unha prioridade no que todos temos que colaborar, dende os veciños ata as comunidades de montes e as administración implicadas. Cómpre xestionar a vexetación, reducir a acumulación de combustible, manter os accesos e evitar calquera conduta que poida iniciar un lume. Porén, cando se producen condicións extremas de temperatura, seca e vento, un incendio pode avanzar cunha intensidade que dificulte ou mesmo supere temporalmente a capacidade de extinción.

Por iso, a prevención debe incorporar unha nova dimensión: preparar ás persoas e ás vivendas. Saber como reducir a vulnerabilidade dunha casa, ter previsto que facer se o lume se aproxima, coñecer os teléfonos de emerxencia e actuar sen bloquear o traballo dos profesionais pode marcar unha diferenza decisiva.

Este artigo recolle recomendacións básicas procedentes do Manual cidadán de autoprotección fronte aos incendios forestais elaborado por Savia Nova e dos materiais do programa europeo FIREPRIME. As indicacións adáptanse ao contexto galego e teñen unha finalidade divulgativa. Ante unha emerxencia real, deberán seguirse sempre as instrucións do 112, do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais e dos demais servizos de emerxencia.

Infografía "Seguridad en viviendas ante incendios forestales"  (FirePrime)
2. 6 PASOS PARA PREPARAR A VIVENDA FRONTE AO LUME

Unha vivenda (ou instalación pública ou centro de traballo) situado preto do monte pode reducir considerablemente a súa vulnerabilidade con estes 6 pasos:

1. Limpar o edificio. Retirar follas, piñas e ramallos de tellados, canlóns, terrazas, porches e chemineas. Revisar tamén ventás, persianas, respiradoiros e outras posibles entradas de faíscas.

2. Manter libre o espazo máis próximo. Procurar unha franxa inmediata arredor da fachada sen herba seca, matogueira, restos de poda, leña nin outros materiais combustibles. Evitar que ramas, sebes ou trepadeiras toquen a casa.

3. Ordenar a parcela. Rozar e retirar a vexetación seca, podar as ramas baixas e evitar a continuidade entre matogueira e copas das árbores. Manter limpos os accesos, aparcadoiros e camiños interiores.

4. Afastar os combustibles. Separar da edificación leña, bombonas, depósitos de gasóleo, combustibles, palés, plásticos e outros materiais inflamables. Deben quedar en lugares ventilados, protexidos e libres de vexetación.

5. Preparar os medios e as persoas. Comprobar que hai unha mangueira suficientemente longa, tomas de auga accesibles e extintores revisados. Todas as persoas deben coñecer as saídas, os teléfonos de emerxencia e como cortar o gas, o combustible e a electricidade.

6. Revisar antes do verán. Realizar unha comprobación xeral antes da época de maior risco e repetila periodicamente: tellado e canlóns limpos, vexetación controlada, accesos libres, medios operativos e equipo de emerxencia preparado.

A regra básica é sinxela: canto menos combustible haxa arredor do edificio e mellor preparada estea a xente, maiores serán as posibilidades de resistir a chegada dun incendio.


Para ampliar a información, consultar:

- As infografías realizadas por Savia Nova (VER). Acceso ao canal de Facebook

- A guía do programa europeo FIREPRIME (VER), que inclúe recomendacións específicas sobre a protección da vivenda, o equipo de emerxencia e a actuación cando o lume se aproxima.

3. CHECK DE AUTOAVALIACIÓN DO GRAO DE VULNERABILIDADE DA TÚA VIVENDA

Ademais de aplicar medidas preventivas, é importante saber que puntos débiles presenta cada vivenda ou instalación. Non todas están igualmente expostas: inflúen a proximidade ao monte, a pendente, os materiais de construción, o tipo de ventás, a presenza de vexetación seca ou a existencia de combustibles preto do edificio.

Para facer unha primeira comprobación pode empregarse a Autoavaliación básica do risco de incendio forestal de FIREPRIME  (VER). Trátase dun cuestionario sinxelo de dez preguntas con resposta “si” ou “non”, pensado para persoas que viven en zonas de risco. A ferramenta permite obter unha primeira orientación:

0–3 respostas afirmativas: risco baixo.
4–7 respostas afirmativas: risco moderado.
8–10 respostas afirmativas: risco alto.

O resultado non substitúe unha avaliación técnica nin as obrigas legais de prevención, pero serve para identificar os principais puntos vulnerables e decidir por onde comezar a mellora da vivenda.