A auga nos montes de Vigo, protagonista das XII Xornadas "Froitos do noso monte" - Avance

A Mancomunidade de Montes de Vigo celebrará o venres 6 de novembro, ás 19:00 horas, na Asociación Veciñal de Candeán, unha nova edición das xornadas «Froitos do noso monte», que nesta ocasión estarán dedicadas á auga como recurso natural e comunitario.

Baixo o título «A auga nos montes de Vigo: un recurso natural e comunitario», esta XII edición quere poñer o foco nun dos servizos ecosistémicos máis relevantes que proporcionan os nosos montes: a súa contribución ao ciclo da auga, á regulación hídrica e ao abastecemento das comunidades locais.

Os montes periurbanos de Vigo non son só espazos forestais, de biodiversidade ou de lecer, tamén desempeñan unha función fundamental na captación, infiltración e almacenamento da auga, alimentando mananciais e traídas que historicamente contribuíron ao abastecemento das parroquias.

Esta realidade adquire unha especial importancia nun contexto de cambio climático, no que resulta necesario coñecer mellor o funcionamento dos recursos hídricos, favorecer unha xestión forestal que contribúa á súa conservación e reflexionar sobre o papel das comunidades de montes e das comunidades de augas na súa protección e aproveitamento sostible.

AVANCE DE PROGRAMA

  • A auga no subsolo dos montes de Vigo, para comprender como as características xeolóxicas do territorio condicionan a infiltración, a acumulación e a circulación das augas subterráneas.
  • A auga vista polas comunidades de augas, achegando a experiencia destas entidades veciñais que xestionan un recurso esencial para numerosas familias das parroquias viguesas.
  • Os retos de futuro na xestión da auga, analizando as posibilidades de colaboración entre comunidades de montes, comunidades de augas e outras entidades para conservar e poñer en valor este servizo ecosistémico.

LOCALIZACÓN E INSCRICIÓNS

Data: venres, 6 de novembro, 19 horas

Lugar: Asociación Veciñal de Candeán (Rúa Devesa 25) (GOOGLE MAPS)

Mancomunidade de Montes de Vigo: 608 046 047 ou info@montesdevigo.org

FORMULARIO DE INSCRICIÓN