A autoprotección da veciñanza, clave fronte ao risco de incendios nos montes periurbanos de Vigo

A Comunidade de Montes de Matamá acolleu este mércores a primeira charla sobre prevención e autoprotección fronte aos incendios forestais no entorno dos montes periurbanos de Vigo, promovida pola Mancomunidade de Montes de Vigo dentro da campaña Ollos no Monte-Vigo.

Na sesión participaron representantes das comunidades de montes de Matamá, Zamáns, Lavadores, Castrelos e Saiáns, así como comuneiros e veciñanza de Matamá. A charla foi impartida por Alberto Dávila, axente ambiental da zona de Vigo da Xunta de Galicia, e contou coa intervención de Uxío González Pérez, presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo.

A iniciativa parte dunha realidade cada vez máis evidente: os incendios forestais son máis intensos, rápidos e difíciles de controlar e poden converterse, en pouco tempo, nunha emerxencia que ameaza directamente vivendas, infraestruturas e persoas.

Nas parroquias situadas na interface urbano-forestal existen milleiros de vivendas expostas, polo que resulta imprescindible que a poboación coñeza tanto as medidas preventivas que pode aplicar nas súas propiedades como as pautas básicas de actuación diante dunha emerxencia.

A vivenda tamén forma parte da interface urbano-forestal

Durante a sesión explicouse que a interface urbano-forestal non é simplemente a liña na que remata o monte e comezan as casas. Trátase dun territorio no que conviven vivendas e núcleos habitados, masas forestais, parcelas agrícolas e infraestruturas como estradas, tendidos eléctricos ou depósitos.

Para comprender o risco dunha vivenda diferenciáronse tres conceptos:

O perigo de incendio, condicionado por factores como a temperatura, a seca, o vento, a pendente ou as características da masa forestal.
A exposición da vivenda, que depende da súa localización respecto da posible chegada do lume.
A vulnerabilidade, relacionada cos materiais da edificación, a vexetación próxima, os restos secos, as sebes, a leña, o mobiliario exterior ou o mantemento do xardín.

A principal mensaxe é que, aínda que unha persoa propietaria non pode controlar todos os factores externos, si pode actuar sobre unha parte importante da vulnerabilidade da súa casa e da parcela.

Como pode chegar o lume ás casas

Outro dos contidos centrais foi a explicación das distintas formas polas que un incendio pode afectar unha vivenda: polo contacto directo das lapas, pola radiación, pola convección de gases quentes e, especialmente, pola chegada de pavesas, pequenas partículas incandescentes transportadas polo vento que poden entrar por tellados, chemineas, ventás, reixas ou outras aberturas.

Por este motivo, insistíuse na importancia de manter limpos os tellados e canlóns, revisar as saídas de fumes, evitar a acumulación de restos vexetais e combustibles preto das fachadas e reducir a continuidade da vexetación entre o monte, o xardín e a propia edificación.

A charla tamén abordou medidas prácticas como manter unha franxa inmediata arredor da vivenda libre de vexetación seca, separar a leña e os depósitos de combustible da casa, podar e rarear o arborado, evitar sebes altamente inflamables e dispoñer de mangueira, puntos de auga e extintores accesibles.

Antes, durante e despois dunha emerxencia

A sesión estruturouse cun enfoque moi práctico: que facer antes dun incendio, como actuar se se detecta lume, que medidas adoptar se o incendio se aproxima á vivenda e como comportarse no monte ou na estrada.

Alberto Dávila incidiu especialmente na necesidade de seguir en todo momento as indicacións dos servizos de emerxencia e de non tomar decisións improvisadas. O confinamento nunha vivenda preparada pode ser máis seguro que unha evacuación tardía por unha estrada afectada polo fume ou polas lapas. Pola contra, cando as autoridades ordenan evacuar, cómpre facelo con antelación e de maneira organizada.

Tamén se lembrou a importancia de chamar de inmediato ao 085 ou ao 112 cando se detecta un incendio e de facilitar unha localización o máis precisa posible.

Aprender dos incendios de 2017

Despois da parte teórica, as persoas asistentes saíron ao entorno do local da Comunidade de Montes de Matamá para analizar sobre o terreo a situación de varias vivendas da parroquia.

O percorrido permitiu identificar exemplos concretos de arborado e vexetación demasiado próximos ás fachadas, sebes secas ou inflamables, dificultades de acceso, acumulación de combustible e outros elementos que poden aumentar o risco.

A elección de Matamá como lugar desta primeira experiencia ten unha especial significación. Durante os incendios do 15 de outubro de 2017, o lume ameazou directamente numerosas casas da parroquia. Aquel gran incendio percorreu os montes de Vigo cunha enorme rapidez e, en apenas sete horas, arrasou aproximadamente un terzo da súa superficie forestal.

A experiencia de 2017 segue sendo unha referencia imprescindible para comprender que un incendio forestal no entorno de Vigo pode superar rapidamente a capacidade inicial de extinción e converterse nunha emerxencia de protección civil.

Momento da sesión teórica sobre autoprotección
Un programa que se quere estender ás parroquias de Vigo

Uxío González explicou que esta primeira charla constitúe unha experiencia piloto coa que a Mancomunidade de Montes de Vigo pretende iniciar un programa estable de información e sensibilización.

O obxectivo é levar este tipo de sesións ás parroquias das 14 comunidades de montes que integran a Mancomunidade, en colaboración coas asociacións veciñais interesadas e, no seu caso, co Distrito Forestal.

A prevención dos incendios forestais require actuacións sobre o monte e sobre o conxunto do territorio, pero tamén unha cidadanía informada e preparada. Reducir a vulnerabilidade das vivendas e coñecer como actuar pode marcar a diferenza cando o lume chega ás zonas habitadas.

Máis información na entrada da web do 26 de xullo. Inclúe as guías de Autoprotección empregadas para preparar a charla impartida. VER AQUI