A Comunidade de Montes de Teis premiada por recuperar o bosque autóctono de A Madroa
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Teis recibirá unha achega de 20.000 euros da fundación neerlandesa Giving Back to Nature para desenvolver un novo proxecto de recuperación ambiental no monte da Madroa.
A iniciativa, que comezará neste mes de outubro e terá unha duración aproximada dun ano, centrarase na eliminación e control da acacia negra (Acacia melanoxylon) nunha superficie de arredor de tres hectáreas, favorecendo a recuperación progresiva do bosque autóctono.
A colaboración supón tamén un recoñecemento internacional ao traballo desenvolvido pola Comunidade de Montes de Teis durante preto de tres décadas, tanto na conservación da biodiversidade como na educación ambiental e na recuperación dos seus montes.

Controlar as invasoras para recuperar biodiversidade e reducir o risco de incendios
A acacia negra é unha especie exótica invasora cunha elevada capacidade de expansión e rexeneración que pode dificultar a recuperación da vexetación autóctona e alterar o funcionamento dos ecosistemas forestais.
O proxecto permitirá continuar avanzando na transformación do monte cara a formacións forestais máis diversas e resilientes, ao tempo que contribúe a reducir a acumulación e continuidade do combustible vexetal e, con iso, a diminuír a vulnerabilidade fronte aos incendios forestais.
Esta actuación inscríbese nun traballo de longo percorrido realizado pola Comunidade de Montes de Teis para recuperar ambientalmente o monte da Madroa, un espazo de especial valor natural e social para a parroquia e para o conxunto da cidade.
Un recoñecemento ao modelo de xestión comunitaria
Desde a Comunidade de Montes destacan que esta achega pon tamén en valor o papel da propiedade veciñal en man común na conservación e xestión do territorio.
A cooperación con Giving Back to Nature permite incorporar recursos privados de ámbito internacional a un proxecto local de restauración ambiental, mostrando as posibilidades de colaboración entre entidades comprometidas coa biodiversidade e as comunidades que xestionan directamente o territorio.
Os montes de Teis teñen ademais unha importante función social, recreativa e paisaxística, e están vinculados a diferentes itinerarios e variantes do Camiño de Santiago, polo que son espazos empregados habitualmente pola veciñanza, visitantes e peregrinos.
Desde a Mancomunidade de Montes de Vigo valoramos especialmente iniciativas como esta, que permiten sumar recursos á xestión sostible dos montes periurbanos e avanzar na recuperación da biodiversidade, na prevención dos incendios forestais e na prestación dos múltiples servizos ecosistémicos que estes espazos proporcionan á cidade.
Información elaborada a partir da iniciativa comunicada pola Comunidade de Montes de Teis e da información publicada por Faro de Vigo.