A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego coñece sobre o terreo o programa experiencial nos montes de Vigo

A Directora Xeral, o Presidente de Montes de Vigo xunto con directivos de comunidades e traballadores/as do programa

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Xunta de Galicia, Zeltia Lado, visitou este mércores o Programa Experiencial de Formación e Emprego “Traballos Forestais nos Montes Periurbanos de Vigo”, promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coa Mancomunidade de Montes de Vigo e no que participan 15 persoas desempregadas con formación previa como peóns forestais.

A visita desenvolveuse no entorno do Monte Alba e do Monte Cepudo, na parroquia de Valladares, onde a directora xeral puido coñecer directamente tanto o funcionamento do programa como algunhas das actuacións prácticas que está desenvolvendo o alumnado-traballador sobre o territorio.

No encontro participou tamén o presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, Uxío González Pérez, que contextualizou o programa dentro da necesidade de avanzar cara a unha xestión máis activa dos montes periurbanos de Vigo, vinculando a formación e a creación de oportunidades de emprego coas necesidades reais das comunidades de montes.

REPORTAXE EN TELEVIGO (AQUI)

Formación directamente vinculada ás necesidades dos montes

O programa ten como obxectivo reforzar e actualizar a capacitación profesional das 15 persoas participantes, especializándoas en tarefas especialmente relevantes para a realidade dos montes periurbanos: prevención e mitigación do risco de incendios forestais, control de especies exóticas invasoras e mantemento e acondicionamento de espazos forestais de uso público intensivo.

A principal característica do proxecto é que a formación se desenvolve vinculada a traballos reais nos propios montes de Vigo. Deste xeito, os coñecementos adquiridos aplícanse directamente sobre o territorio e en condicións semellantes ás que as persoas participantes poderán atopar posteriormente no mercado laboral.

O programa aposta ademais por unha especialización progresiva e pola integración, en todas as actuacións, da multifuncionalidade propia dos montes periurbanos: prevención de incendios, conservación ambiental, seguridade, uso recreativo e convivencia coa veciñanza.

Para a Mancomunidade de Montes de Vigo, esta orientación permite unir dúas necesidades: por unha banda, mellorar a empregabilidade e a especialización das persoas participantes e, pola outra, dar resposta a traballos que cada vez resultan máis necesarios para a conservación e a prevención nos montes que rodean a cidade.

Traballos no Monte Alba e vixilancia preventiva no Cepudo

Durante a visita, Zeltia Lado coñeceu os traballos de acondicionamento do entorno da Ermida do Alba, onde estes días se están realizando tamén actuacións previas á celebración, o 15 de agosto, da tradicional Romaría da Nosa Señora do Alba.

O Monte Alba é un dos espazos de referencia dos montes de Vigo polo seu valor recreativo, paisaxístico e cultural. O lugar foi ademais unha das zonas afectadas polo grave incendio de outubro de 2017, polo que desde entón require actuacións continuadas de rexeneración, mantemento e prevención.

Posteriormente, a visita trasladouse ao Monte Cepudo, onde se realizou unha demostración práctica de vixilancia preventiva de incendios. Este espazo forma parte dos puntos empregados na campaña “Ollos no Monte–Vigo”, impulsada pola Mancomunidade e as comunidades de montes para reforzar a detección temperá nos días cun Índice de Risco Diario de Incendio (IRDI) moi alto ou extremo.

Esta práctica permite que o alumnado incorpore tamén á súa formación unha visión máis ampla da prevención: non só actuar sobre a vexetación e acondicionar o territorio, senón coñecer os sistemas de vixilancia, detección temperá e resposta ante situacións de risco.

Nove meses de formación e traballo en 11 comunidades de montes

A Xunta de Galicia destina 364.500 euros ao desenvolvemento deste programa, que terá unha duración de nove meses. As 15 persoas participantes recibirán preto de 400 horas de formación, ao mesmo tempo que realizan traballo efectivo en actuacións de prevención de incendios, recuperación de zonas afectadas polo lume e acondicionamento dos montes periurbanos.

As actuacións desenvolveranse en 11 comunidades de montes de Vigo: Beade, Bembrive, Candeán, Castrelos, Comesaña, Lavadores, Matamá, Oia, Saiáns, Valladares e Zamáns.

Desde a Mancomunidade considérase que este modelo de formación ligada ao territorio abre tamén unha vía de interese para o futuro: formar profesionais especializados nas necesidades específicas dos montes periurbanos e, ao mesmo tempo, reforzar a capacidade de intervención sobre un territorio que presta importantes servizos ambientais, recreativos e sociais ao conxunto da cidade.

O programa convértese así nun exemplo práctico de colaboración entre a administración autonómica e as comunidades de montes para integrar formación, emprego, prevención e mellora do territorio.