A Mancomunidade debate sobre a estratexia "Montes de Vigo 2046" ao abeiro do proxecto da Fundación Biodiversidade

O Presidente de Montes de Vigo durante a Xornada

O Centro Sociocultural de Beade acolleu a "Xornada de Intercambio dentro da Mancomunidade de Montes de Vigo" que se celebrou ao longo da mañá do sábado 22 de novembro.

No programa de traballo analizáronse as conclusións das investigacións realizadas polos equipos de Bioloxía Ambiental e do Grupo GEN de Economía da Universidade de Vigo, que apuntan datos relevantes sobre os servizos ecosistémicos analizados (recrativo-culturais, regulación hídrica e captación de carbono).

Destacar as preto de 200.000 visitas anuais aos parques forestais de Vigo de persoas distintas, que en promedio acuden 15 veces aos distintos montes de Vigo e supoñen un total de 3 millóns de visitas ao longo do ano. En termos de beneficio total anual valorase entre 50 e 107 millóns de euros o que achegan as áreas recreativas á sociedade viguesa.

Doutra banda, determinase que como mínimo o 15% da poboación de Vigo subministrase de auga procedente dos mananciais existentes nos montes de Vigo, cun valor aportado de 786.000 euros anuais.

Por último, estimase que a biomasa forestal dos montes de Vigo absorbe 248.000 toneladas de CO2, que viría equivaler as emisións de 49.000 fogares durante un ano.

En definitiva, e sen contar outros servizos ecosistémicos que non se analizaron dada a limitación orzamentaria do proxecto, Uxío González, Presidente de Montes de Vigo, conclúe que a contribución que as 1606 hectáreas de montes periurbanos de Vigo "é máis que evidente pero non se ve recoñecida nin compensada axeitadamente, o que pon en risco a súa permanencia no tempo".

A partir destas e outras análises, promoveuse durante a xornada de intercambio un amplo debate interno entre as comunidades de montes presentes chegando á conclusión de que cómpre dar a coñecer esta realidade á sociedade viguesa (o cal se acordou realizar na Xornada de Clausura do proxecto "Montes de Vigo 2046: montes veciñais en valor" que terá lugar o vindeiro 10 de decembro, as 18:00, no Edificio Redieras da Universidade de Vigo.

Por outra banda, debatéronse distintas estratexias de actuación que serán presentadas nunha Asemblea Extraordinaria da Mancomunidade para que sexan refrendadas e que, en palabras do Presidente, "teñen que supór o salto a outra dimensión na presenza dos montes de Vigo nas infraestruturas verdes da cidade e cun salto necesario da implicación da sociedade viguesa no seu mantemento e conservación a medio e longo prazo".

Momento de presentación de conclusións do proxecto

Esta actividade forma parte do proxecto “Valorización e xestión sostibles dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo” e conta co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU