A parroquia de Comesaña fórmase en autoprotección ante risco de incendios forestais

A parroquia de San Andrés de Comesaña acolleu este xoves 3 de setembro unha nova charla divulgativa sobre prevención e autoprotección fronte aos incendios forestais na interface urbano-forestal de Vigo, promovida pola Asociación Veciñal Nautilius de Comesaña e pola Comunidade de Montes de Comesaña, e impartida pola Mancomunidade de Montes de Vigo.

A sesión constitúe a segunda acción de formación que se desenvolve nas parroquias de Vigo especialmente expostas ao risco de incendios forestais, dando continuidade á iniciativa iniciada o pasado mes de agosto en Matamá.

Comesaña, unha parroquia que viviu de preto os incendios de 2017

A elección de Comesaña ten unha especial significación. A parroquia foi unha das zonas de Vigo que viviu con maior intensidade os incendios do 15 de outubro de 2017, cando o lume afectou unha parte importante dos montes periurbanos e se aproximou ás vivendas e aos núcleos de poboación.

Aqueles incendios evidenciaron que, cando o lume se propaga simultaneamente por diferentes puntos do territorio e alcanza vivendas, estradas e infraestruturas, deixa de ser exclusivamente un incendio forestal para converterse nun problema de protección civil.

A charla partiu precisamente desa experiencia e dos grandes incendios vividos de novo en distintos puntos de España durante o verán de 2026 para insistir nunha idea central: non sabemos cando se producirá o próximo gran incendio na comarca, pero debemos preparar con antelación o territorio, os núcleos de poboación e as vivendas.

Do monte á casa: tres niveis para afrontar o risco

Baixo o lema “Do monte á casa”, a Mancomunidade de Montes de Vigo propuxo analizar a interface urbano-forestal non como unha simple liña que separa o monte das vivendas, senón como un territorio no que conviven masas forestais, vivendas, vías de comunicación e infraestruturas.

A presentación estruturouse arredor de tres escalas de actuación complementarias: a casa e a parcela, o núcleo ou urbanización e o monte próximo ás zonas habitadas.

Na vivenda e na parcela, abordouse a necesidade de reducir a vulnerabilidade fronte ao lume. Explicouse como un incendio pode alcanzar unha casa por contacto directo, pola calor e os gases ou, moi especialmente, mediante as pavesas transportadas polo vento. Revisáronse tamén medidas prácticas: manter limpos tellados e canalóns, controlar a vexetación próxima á edificación, evitar materiais e peches facilmente inflamables, protexer xanelas e outros puntos vulnerables ou manter accesibles puntos de auga.

No ámbito do núcleo ou da urbanización, a atención centrouse na necesidade dunha organización colectiva. Non abonda con que cada propietario protexa individualmente a súa casa: resulta necesario ordenar o perímetro do núcleo, manter accesos e vías de evacuación, identificar puntos de encontro e persoas vulnerables, dispor de puntos de auga e establecer mecanismos de coordinación coa administración municipal e cos servizos de emerxencia. A charla destacou neste nivel o papel que poden desempeñar as asociacións veciñais e a propia veciñanza organizada.

Finalmente, no monte e nas faixas próximas ás vivendas, explicouse como unha correcta xestión da biomasa e da vexetación pode reducir a intensidade e a continuidade do lume antes de que este alcance as zonas habitadas. Analizouse tamén o papel das faixas secundarias de xestión da biomasa e a necesidade de coordinación entre comunidades de montes, propietarios particulares e administracións.

Un risco especialmente presente en Vigo

Durante a sesión analizouse tamén a realidade territorial de Vigo, que está considerada Zona de Alto Risco (ZAR) pois a cidade conta cunha ampla interface urbano-forestal, na que arredor de 88.000 persoas viven en zonas onde entran en contacto directo vivendas, infraestruturas e masas forestais. Particularmente, Comesaña é unha das parroquias viguesas con risco de incendio forestal tal e como se comprobou en 2017.

A presentación permitiu visualizar especificamente a distribución das faixas secundarias de xestión da biomasa en Comesaña, mostrando ata que punto o risco e a prevención non poden ser abordados exclusivamente desde o monte, senón que requiren actuar tamén sobre propiedades privadas, núcleos de vivendas, accesos e espazos públicos.

Prepararnos antes da emerxencia

A Mancomunidade de Montes de Vigo insiste en que a autoprotección non pretende substituír os servizos públicos de prevención e extinción, senón preparar mellor á poboación e ao territorio para unha situación na que, ante un gran incendio, os medios de emerxencia poden verse obrigados a atender simultaneamente numerosos puntos.

O obxectivo destas charlas é avanzar cara a unha verdadeira cultura de prevención e autoprotección nas parroquias situadas na interface urbano-forestal de Vigo, favorecendo a coordinación entre veciñanza, comunidades de montes e administracións.

Despois das sesións celebradas en Matamá e Comesaña, a Mancomunidade de Montes de Vigo prevé continuar levando esta iniciativa a outras parroquias viguesas expostas ao risco de incendios forestais.