A Voz de Galicia recolle a proposta de Montes de Vigo para investir en prevención de incendios ata 2046
%20imaxe.jpg)
Baixo o titular “Los comuneros piden ocho millones al año hasta el 2046 para evitar incendios” (VER NOVA), a reportaxe explica que o modelo actual, baseado fundamentalmente en actuacións anuais de roza e desbroce, resulta insuficiente para afrontar problemas estruturais como a presenza de especies pirófitas e invasoras, o abandono progresivo do monte, a fragmentación da propiedade e a crecente presión urbana.
A proposta de Montes de Vigo formula un horizonte de traballo de vinte anos, cun investimento público estable que permita actuar de maneira planificada sobre o conxunto do ecosistema forestal. Entre as principais medidas recollidas polo xornal destacan:
- A creación dun anel verde de protección arredor das zonas habitadas, mediante faixas de seguridade e defensa fronte ao lume.
- A implantación de novas áreas de defensa e conservación forestal, incluída unha franxa estratéxica asociada ao corredor da autovía.
- A substitución progresiva de eucaliptos, piñeiros, acacias e outras especies invasoras por masas mixtas e frondosas autóctonas, máis resistentes ao lume e aos efectos do cambio climático.
- A recuperación de hábitats, humidais e bosques de ribeira.
- A protección das marxes dos ríos mediante especies autóctonas, favorecendo a conservación da humidade e a mellora do contorno.
- A creación dun consorcio hídrico, inspirado en experiencias desenvolvidas noutros territorios, para que os operadores da auga contribúan ao mantemento dos montes que protexen as concas de abastecemento de Vigo.
A información sinala que a Universidade de Vigo cuantificou as necesidades económicas da proposta e formulou diferentes escenarios de execución. O obxectivo é mobilizar arredor de oito millóns de euros anuais, repartidos entre as distintas administracións públicas e complementados con recursos privados canalizados a través da Fundación Montes de Vigo 2046.
Un patrimonio que beneficia a toda a cidade
A reportaxe subliña tamén o desequilibrio existente entre quen sostén economicamente os montes e quen se beneficia dos seus servizos ambientais e sociais. As comunidades de montes representan unha pequena parte da poboación viguesa, pero manteñen cos seus propios recursos un patrimonio natural utilizado gratuitamente polo conxunto da cidadanía e da área metropolitana.
Os montes de Vigo ofrecen espazos de lecer, deporte e convivencia, protexen a biodiversidade, capturan carbono, regulan o ciclo da auga e contribúen á prevención dos riscos naturais. Por iso, Montes de Vigo defende que o seu coidado non pode depender unicamente do esforzo dos comuneiros e comuneiras, senón que require unha corresponsabilidade real das administracións e da sociedade.
A Fundación Montes de Vigo 2046 nace precisamente como o instrumento destinado a canalizar esa cooperación, captar recursos e garantir unha xestión profesional, transparente e avaliable dos investimentos. Para iso, prevese implantar sistemas de medición, reporte e verificación que permitan comprobar que os recursos empregados producen resultados ambientais e sociais reais.
Primeiras reaccións institucionais
Segundo recolle La Voz de Galicia, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra manifestaron a súa disposición inicial a coñecer e estudar o proxecto, mentres que desde o Concello de Vigo se puxo en cuestión a capacidade municipal para asumir a achega económica proposta.
Desde Montes de Vigo considérase imprescindible abrir agora un proceso de diálogo institucional que permita concretar compromisos, calendarios e fontes de financiamento. A magnitude dos retos —incendios, cambio climático, presión urbana, conservación da biodiversidade e protección da auga— obriga a superar as actuacións puntuais e avanzar cara a unha estratexia compartida de cidade.