Arranca a tempada de outono: castañas, cogomelos… e cumpreanos nos montes de Vigo

Senda polo Parque Forestal de Beade

O outono comeza a asomar nos montes de Vigo. Aínda quedan días de verán no calendario, pero a natureza vai marcando os seus propios tempos e este sábado, durante un percorrido polo Parque Forestal de Beade e o seu entorno, xa puidemos comprobar como o monte empeza a cambiar de estación.

Os primeiros ourizos e castañas, xunto coa aparición de cogomelos favorecida pola humidade destes días, anuncian unha das épocas máis atractivas para pasear polos nosos montes. O verde segue dominando a paisaxe, pero pouco a pouco aparecen os sinais dun outono que traerá novas cores, froitos e aromas.

O monte tamén lugar de encontro

Pero os montes de Vigo son algo máis que natureza e paisaxe. Son tamén espazos de encontro, convivencia e lecer. Durante a ruta atopamos tamén familias preparando unha celebración de aniversario nunha das áreas recreativas do Parque Forestal de Beade. Mesas preparadas, nenos e maiores reuníndose e o churrasco empezando a coller forma nas parrillas habilitadas para este uso.

Unha pequena escena que resume boa parte do valor social dos montes periurbanos de Vigo: lugares próximos á cidade nos que pasear, facer deporte, descubrir a natureza ou simplemente reunirse coa familia e cos amigos.

Gozar do monte e coidalo

Coa chegada do outono aumentarán as visitas para recoller castañas, observar cogomelos, camiñar ou pasar unha xornada nas áreas recreativas. Un bo momento tamén para lembrar que gozar do monte implica respectalo e coidalo.

Cómpre utilizar correctamente as instalacións, non deixar residuos, respectar a vexetación e a fauna e, no caso do lume, empregar exclusivamente as instalacións autorizadas e sempre de acordo coas condicións e restricións que estean vixentes en cada momento. Porque detrás desta imaxe dun monte fermoso, accesible e preparado para recibir visitantes hai tamén traballo, mantemento e xestión durante todo o ano.

Este sábado en Beade atopamos unha boa fotografía do que representan os montes de Vigo cando chega o outono: natureza que cambia, froitos que regresan e persoas que seguen atopando no monte un lugar para compartir e celebrar.