Beade avanza na autoprotección fronte aos incendios forestais coa proposta de crear un grupo de traballo parroquial

O Centro Social, Cultural e Recreativo de Beade acolleu este martes 29 de setembro unha nova charla divulgativa sobre prevención e autoprotección fronte aos incendios forestais na interface urbano-forestal de Vigo, organizada polo propio Centro en colaboración coa Comunidade de Montes de Beade e impartida pola Mancomunidade de Montes de Vigo.
A sesión dá continuidade ao traballo que Montes de Vigo está a desenvolver nas parroquias da cidade para trasladar á veciñanza unha idea fundamental: fronte aos grandes incendios forestais, a protección das vivendas non depende unicamente do que se faga no monte, senón da actuación coordinada en tres niveis: o monte e o territorio, o núcleo ou parroquia e cada vivenda e parcela.

Unha realidade moi próxima en Beade
A situación de Beade permitiu abordar esta cuestión desde unha perspectiva especialmente próxima. Nos últimos episodios de lume na contorna, o incendio chegou ás portas dos montes da parroquia, afectando unicamente unha pequena parcela na zona próxima a Zamáns.
Esta circunstancia serviu para reflexionar sobre unha cuestión central: que un incendio non alcance finalmente as vivendas non significa que o risco non exista. A proximidade entre masas forestais, parcelas, vías e zonas habitadas fai necesario traballar antes de que se produza a emerxencia, reducindo a continuidade do combustible e preparando tanto o territorio como os núcleos e as propias casas.
Durante a charla analizáronse medidas de prevención no monte, a importancia das faixas de protección, o tratamento da vexetación arredor das vivendas e outras actuacións que permiten crear espazos defendibles. Pero tamén se incidiu na necesidade de superar unha visión exclusivamente individual: nunha parroquia cunha importante interface urbano-forestal, a autoprotección require coordinación entre comunidades de montes, propietarios, veciñanza, entidades parroquiais e administracións públicas.

Da charla á organización da parroquia
Un dos aspectos máis interesantes da sesión foi precisamente o debate sobre como trasladar estes coñecementos á realidade concreta de Beade.
Como conclusión, formulouse a posibilidade de constituír un grupo de traballo sobre prevención e autoprotección fronte aos incendios forestais, cuestión que se pretende trasladar á próxima Xunta Parroquial de Beade.
Este grupo permitiría comezar a identificar zonas especialmente sensibles, problemas que afectan a diferentes propietarios ou espazos, necesidades de coordinación e posibles medidas que poidan ser abordadas conxuntamente a escala parroquial.
Para a Mancomunidade de Montes de Vigo, este é precisamente un dos obxectivos das charlas que se están desenvolvendo nas parroquias: que a sensibilización dea paso á organización e á acción preventiva, adaptada ás características específicas de cada territorio.
A experiencia de Beade súmase así ás iniciativas desenvolvidas previamente en Matamá e Comesaña, avanzando na construción dunha cultura de prevención e autoprotección nunha cidade na que monte e vivenda conviven nunha extensa interface urbano-forestal. Previr un incendio tamén significa preparar o territorio e a comunidade antes de que chegue o lume.