Chega o verán, chegan as festas aos montes de Vigo

Coa chegada do verán, os montes de Vigo volven converterse en lugares de encontro para as parroquias e para o conxunto da cidadanía. Os parques forestais e as áreas recreativas acollen durante estes meses festas, romarías, actuacións musicais, comidas populares, actividades culturais e paseos polo monte.
Son celebracións que forman parte da tradición das parroquias viguesas e que, ao mesmo tempo, permiten achegarse aos montes veciñais desde unha perspectiva festiva e comunitaria. Familias, asociacións, comuneiros e visitantes comparten espazos que durante todo o ano ofrecen servizos recreativos, ambientais e sociais á cidade.

Saiáns , Zamáns e Beade abriron as celebracións deste verán
O pasado 18 de xullo, o Parque Forestal de Saiáns acolleu a 39ª Festa da Amizade, organizada pola Asociación Vecinal de Saiáns. O programa comezou cunha saída interpretativa polo monte e continuou coa actuación da Banda Unión Musical de Coruxo, unha comida popular, música, entrega de distincións e sorteo de rifas.
A Festa da Amizade é unha das citas máis consolidadas do verán nos montes de Vigo e exemplifica o papel do parque forestal como espazo de convivencia da parroquia e de apertura ao resto da cidadanía.
A Comunidade de Montes de Zamáns, pola súa parte, fixo a tradicional Festa do Comuneiro o 25 de xullo, coincidindo coa Festividade de Santiago.

Pola súa banda, o 2 de agosto celebrouse no Parque Forestal de Beade a XXXV Festa do Monte, cun programa no que se combinaron a música tradicional, o baile e a gastronomía popular. Ao longo da mañá actuaron a charanga Costamekrelos, o grupo de pandeireteiras A Volta do Demo, os gaiteiros Arume, o grupo de baile Semente da Arte Galega e a Banda Escola de Música de Beade.
A tradicional degustación gratuíta de sardiñas con pan de millo reuniu no parque forestal a comuneiros, veciñanza e visitantes, dando continuidade a unha celebración que chegou xa á súa edición número 35. En total máis de 1.500 persoas asistiron ao evento.
Un calendario de festas que percorre os montes de Vigo
Entre as celebracións que tradicionalmente teñen lugar nestes espazos atópanse tamén a Romaría de San Bertolameu no Monte Alba, nos montes de Valladares, e a Romaría do Pan de Millo no Parque Forestal de Cotogrande, nos montes de Cabral. Son encontros capaces de congregar centos de persoas arredor da música, a gastronomía, as tradicións parroquiais e o contacto coa natureza.
Durante o verán de 2025, a programación divulgada por Montes de Vigo incluíu igualmente actividades nos montes de Saiáns, Beade e San Miguel de Oia, combinando as celebracións populares con paseos interpretativos para dar a coñecer os valores ambientais, paisaxísticos e recreativos destes espazos.
Estas festas lembran que os montes veciñais en man común non son unicamente superficies forestais. Son lugares vinculados á historia das parroquias, á participación comunitaria e ás formas tradicionais de convivencia.
Os parques forestais, os miradoiros, as áreas recreativas e os sendeiros constitúen unha infraestrutura verde periurbana utilizada ao longo de todo o ano. No verán, ademais, convértense en escenarios privilexiados para as festas populares e nun refuxio fronte ás altas temperaturas. A rede dos montes de Vigo conta con 17 parques forestais e áreas recreativas distribuídas polo territorio municipal.