Clausura do IV Obradoiro forestal nos montes de Vigo coa entrega de diplomas

Acto de entrega de diplomas do IV Obradoiro forestal nos montes de Vigo no Parque Forestal do Maruxento en Matamá

O IV Obradoiro forestal nos Montes de Vigo finaliza a súa singladura despois de 9 meses de realizar un intenso programa de formación e de traballos en nove comunidades de montes de Vigo. Trátase dun obradoiro dual financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e executado pola Mancomunidade de Montes de Vigo.

O acto de clausura tivo lugar no Parque Forestal do Maruxento, na Comunidade de Montes de Matamá, coa presenza da Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortíz, así como por representantes das comunidades de montes co Presidente de Montes de Vigo, Uxío González, á cabeza.

Durante este tempo 10 alumnos, 3 mulleres e 7 homes, participaron na formación para lograr o Certificado de profesionalidade de Peón forestal, que lles habilita para o desempeño neste sector cunha demanda crecente de profesionais.

Asemade, durante o período de actividade realizaron prácticas e obra que contribuíron ao mantemento das citadas comunidades de montes, así como para coller experiencia tanto en competencias existentes como en novas competencias. O resultado foi satisfactorio para os/as participantes, así como para as entidades implicadas.

Durante o acto houbo tempo para intercambiar pareceres co alumnado e para chegar todos ao acordo que hai moito traballo que facer no monte e que ese traballo compre planificalo para desenvolver ao longo de todo o ano.