Comunicado 5 Mancomunidades de Montes de Pontevedra por comparecencia do Presidente da Xunta

As Mancomunidades de Montes de Baixo Miño, Morrazo, Pontevedra, Val Miñor e Vigo, en representación de máis de 70 comunidades de montes veciñais, consensúan unha postura común tras a intervención do Presidente da Xunta no Parlamento o 9 de setembro de 2025

Catro décadas de compromiso co territorio

As comunidades de montes asociadas na provincia de Pontevedra levamos máis de 40 anos traballando na ordenación e recuperación do monte, logo da súa devolución ás parroquias tras décadas de abandono. Xestionamos arredor do 25% da superficie dos concellos nos que estamos presentes con Plans de Ordenación Forestal a longo prazo fiscalizados pola Administración.

O noso traballo vai moito máis alá da produción madeireira:

  • Recuperación de frondosas autóctonas, fragas e mananciais.
  • Pastoreo, apicultura e aproveitamento sostible de castañas e cogomelos.
  • Creación de parques forestais, sendeiros e infraestruturas verdes.
  • Dinamización cultural, deportiva e educativa.
  • Servizos ecosistémicos para toda a sociedade: traídas de auga, absorción de CO₂, biodiversidade, ocio e saúde.

Todo isto grazas ao esforzo desinteresado de milleiros de comuneiras e comuneiros, que reinvestimos de media máis do 75% dos ingresos no propio monte, moi por riba do esixido legalmente.

O territorio é un valor que debemos coidar e proxectar cara ao futuro. Para iso, a  estratexia das comunidades de montes baséase en tres piares:

  1. Defensa estratéxica dos montes, como patrimonio, económico, social, natural e cultural.
  2. Participación activa das comunidades de montes, como motor de desenvolvemento sostible.
  3. Mellora continua na xestión, adaptándonos aos retos sociais, ambientais e económicos.

A implicación veciñal non só asegura a conservación destes espazos naturais, senón que tamén fortalece a identidade comunitaria, un monte multifuncional  contribúe ao desenvolvemento socioeconómico do medio rural, xerando oportunidades vencelladas ao turismo sostible, á produción forestal responsable e á valorización do patrimonio natural, etc.

Os Grandes Incendios Forestais: un risco para o territorio

Este verán, a vixilancia e as brigadas organizadas desde as comunidades de montes permitiron frear decenas de focos, colaborando ademáis cás brigadas antiincendios en labores de extinción. Pero a ameaza dos Grandes Incendios Forestais (GIF), agravados polo cambio climático, a fragmentación e abandono dos montes privados e a falla de planificación integral, afecta xa a máis de 725.000 persoas entre Pontevedra e Baixo Miño.

Non falamos só de incendios forestais: son incendios do territorio, que poñen en risco vidas, propiedades e o futuro socioeconómico do rural facendo necesaria a coordinación de todos os niveis administrativos e todos os axentes implicados, onde as comunidades de montes teñen un papel fundamental.

Do debate á acción

Recoñecemos a importancia de que o Presidente da Xunta nomease expresamente ás comunidades de montes como actores necesarios. Por iso, nun momento clave para o futuro do noso territorio, reafirmamos o noso compromiso cun debate sosegado, construtivo e respectuoso.

Mais o problema non se resolve con titulares nin con novas leis, senón executando os compromisos xa aprobados e dotando de medios ás comunidades. Propoñemos:

  1. Revisión orzamentaria: investimentos plurianuais e fórmulas administrativas áxiles que aseguren unha ordenación do territorio resiliente ao lume.
  2. Reformulación dos Plans de Ordenación Forestal: integrando a xestión mancomunada do territorio e o uso multifuncional do monte.
  3. Capacitación actualizada dos recursos humanos implicados.
  4. Sensibilización social sobre a importancia da prevención e corresponsabilidade cidadá.
  5. Execución inmediata de Plans de Prevención e Defensa contra o lume dos Distritos Forestais, con participación da Xunta, Deputación, Concellos e Comunidades de Montes.

Un chamamento ao diálogo

As comunidades de montes estivemos e seguimos estando dispostas a colaborar, e facémolo cada día. Reiteramos a nosa disposición inmediata a abordar conxuntamente a ordenación do territorio, en cooperación coas administracións e coa sociedade civil.

O noso obxectivo é común e inequívoco: previr os incendios e construír montes vivos, capaces de protexerse e de protexernos.