Convocatoria a Medios para Xornada de Clausura "Montes de Vigo 2046"
XORNADA DE CLAUSURA
A Mancomunidade de Montes de Vigo en colaboración coa Universidade de Vigo presenta á sociedade viguesa e aos axentes implicados na xestión e dinamización do monte veciñal en man común de Vigo e Galicia as conclusións do proxecto “Montesde Vigo 2046: montes veciñais en valor”.
A Xornada de Clausura terá lugar o próximo 10 de decembro, entre 18 e 20:30 horas, no Edificio Redeiras da Universidade de Vigo (Rúa da Ribeira do Berbés, 11, Vigo) Localización AQUI.
A xornada poderá seguirse en streaming AQUI
Máis info AQUI
AVANCE DE CONCLUSIÓNS PREVIO Á XORNADA DE CLAUSURA
A Mancomunidade de Montes de Vigo en colaboración coa Universidade de Vigo veñen desenvolvendo nos dous últimos anos o proxecto “Valorización e xestión sostibles dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo” co apoio da Fundación Biodiversidade del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación e Transformación e Resiliencia. (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.
Ao longo deste tempo realizáronse dous exercicios principalmente:
• Por unha banda, a diagnose e valoración dos servizos ecosistémicos que os montes de Vigo aporta á cidadanía viguesa, centrándose nos recreativo-culturais, de regulación hídrica e de captación de carbono.
• Por outra banda, a definición dunha estratexia a futuro que permita establecer un modelo de xestión sostible dos montes de Vigo no horizonte de 2046 -ano no que se celebra o 50 aniversario da creación da Mancomunidade-.
A modo de avance do traballo realizado, e que se detallará na Xornada de Clausura prevista par ao día 10 de decembro de 2025 -así como no dossier que se subirá nese momento-, estes son algúns dos datos máis significativos:
1. Un territorio clave: 1.606 hectáreas que prestan servizos a toda a área de influencia de Vigo. Os montes comunais ocupan o 15 % do municipio e están distribuídos en 14 parroquias. A base social das Comunidades de Montes de Vigo son 8.000 comuneiros e comuneiras, se ben os beneficios dos servizos ecosistémicos alcanzan máis de 300.000 habitantes.
2. Tres servizos ecosistémicos cuantificados cun impacto masivo:
• Servizos recreativo-culturais: preto de 200.000 visitantes anuais distintos aos parques forestais, equivalentes a dous terzos da poboación viguesa, cunha estimación de 3 millóns de visitas anuais. A valoración económica sitúase entre 50 e 100 millóns €/ano.
• Servizo hídrico: o 15 % da auga do Concello procede dos montes; o valor económico do abastecemento local estímase en 786.000 €/ano.
• Captura de carbono: 248.000 toneladas de CO₂ retidas na biomasa forestal, o equivalente ás emisións de 49.000 fogares nun ano.
3. Recomendacións propostas para mellorar a prestación dos servizos ecosistémicos:
• Actualizar as infraestruturas recreativas -parques forestais, sendeiros, miradoiros, etc- ás demandas sociais relativas a reforzar mantemento e limpeza de espazos, accesibilidade aos espazos, a información accesible, a dotación de servizos -baños, p.e-, a sinalización actualizada e a programación de actividades de divulgación e educación.
• Incorporar a potenciación dos recursos hídricos na xestión forestal, buscando promover frondosas que melloren a eficiencia hídrica, restaurar bosques de ribeira autóctonos e reforzar a vixilancia en ríos con sinais de alteración. Todo isto integrando o traballo das Comunidades de Montes co sistema municipal de xestión do ciclo da auga.
• Potenciar a captación de CO2 tanto na masa forestal, promovendo masas mixtas e permanentes, como no chan, incorporando pequenas superficies con alto rendemento por hectárea como áreas estratéxicas de conservación e restaurando solos degradados e potenciar frondosas autóctonas
• Garantir a sostibilidade do modelo de xestión cunha maior implicación institucional -administracións con competencias nos servizos ecosistémicos- que incorpore o valor social que achega ao monte nas políticas públicas.
4. Retos aos que se enfrontan as Comunidades de Montes agrupadas na Mancomunidade de Montes de Vigo -e que se detallarán na Xornada de Clausura-:
RETO 1: Pasar do modelo actual ao modelo “Montes de Vigo 2046”
RETO 2: Promover un pacto coa sociedade viguesa polos montes de Vigo
RETO 3: Poñer en marcha proxectos e sistemas de financiamento que aborden o cambio de modelo
RETO 4: Soportar o pacto en mecanismos de transparencia e rendición de contas
En conclusión, a Mancomunidade de Montes de Vigo fai unha chamada á corresponsabilidade dos axentes que conforman a sociedade viguesa
NOTA: Ao rematar a Xornada de Clausura subirase un DOSSIER completo coas Conclusións do Proxecto.