Entrevista ao Presidente de Montes de Vigo en Campo Galego

O medio especializado Campo Galego vén de publicar unha ampla entrevista co presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, Uxío González, na que se analiza con detalle a situación actual dos montes veciñais que rodean a cidade de Vigo, oito anos despois dos grandes incendios de 2017.

Na entrevista faise balance dun proceso de recuperación iniciado hai máis de tres décadas polas comunidades de montes veciñais en man común, que permitiu transformar espazos degradados en montes ordenados, multifuncionais e cun elevado valor ambiental e social. Hoxe, a Mancomunidade integra 13 comunidades de montes e a entidade menor de Bembrive, xestionando arredor de 1.600 hectáreas —preto do 15 % da superficie municipal— cunha base social de aproximadamente 8.000 persoas comuneras.

Un dos datos máis relevantes que se poñen enriba da mesa é o alto nivel de uso social dos montes de Vigo. Os estudos realizados no marco do proxecto apoiado pola Fundación Biodiversidade constatan que a afluencia cidadá e o aproveitamento recreativo destes montes sitúanse ao nivel de calquera parque natural galego, nun contexto urbano con máis de 300.000 habitantes. Este feito reforza o carácter maioritariamente protector e social dos montes veciñais de Vigo, sen renunciar a usos produtivos sostibles alí onde son compatibles.

A entrevista tamén aborda cuestións clave como a prevención de incendios forestais, a necesidade urxente de executar infraestruturas estratéxicas como o anel verde e as áreas de defensa, a integración da gandería extensiva como ferramenta de control do mato, ou o reto pendente da coordinación co monte privado lindante ás zonas habitadas.

Xunto a isto, ponse en valor o papel dos montes veciñais na prestación de servizos ecosistémicos esenciais para a cidade: abastecemento de auga, conservación da biodiversidade, captura de carbono, regulación hidrolóxica e oferta de espazos de lecer e educación ambiental. Un traballo colectivo e continuado no tempo, moitas veces pouco visible, que require maior implicación das administracións públicas e da sociedade no seu conxunto.

Desde a Mancomunidade de Montes de Vigo convidamos a ler a entrevista completa, que ofrece unha visión rigorosa e directa do presente e dos desafíos de futuro dun modelo de xestión forestal comunitaria que é xa unha referencia en Galicia.

ENLACE Á ENTREVISTA AQUI

ENLACE AO VIDEO DA ENTREVISTA EN YOUTUBE AQUI