In memoriam Gregorio Álvarez - O poeta comunitario
O POETA COMUNITARIO
IN MEMORIAN DE GREGORIO ÁLVAREZ

Hoxe, Gregorio, o noso entrañable poeta comunitario, pechou a libreta dos verso cos que tantas veces nos agasallou. Eran poemas sobre a vida nas súas variadas dimensións e, sobre todo, sobre esa verdade fonda que comprendía mellor ca ninguén: que o ben común constrúe a comunidade que habitamos.
A súa mirada tranquila, positiva e teimuda axudounos a seguir adiante na tarefa de contribuír a que prospere a sociedade na que vivimos, un “bosque autóctono” cheo de biodiversidade para o benestar colectivo. E facelo, ademais, nun tempo no que predomina a visión individual, interesada e pouco xenerosa que, como se de acacias negras se tratasen que queren apropiarse do bosque, coloniza as relacións humanas e sociais.
Como anécdota que me amaravillaba, nestes últimos meses o que lle preocupaba, entre outras cousas, era como rexenerar o monte veciñal en man común de Valladares, devastado polos lumes de 2017, para que volvese a ser o orgullo da súa parroquia, da súa querida parroquia. Nela participou activamente dende que coa democracia tivo que exercer de alcalde de barrio, de presidente do Centro Cultural e Veciñal e da Comunidade de Montes e tantas cousas mais. Foi, en definitiva, unha locomotora comunitaria “diesel” que nunca miraba cara atrás, mesmo cando os tempos viñan revirados. Non deixarei de velo como o abade de Valladares nos actos da Reconquista, papel que lle viña como anel ao dedo.
Esa mesma forza sentímola moi preto durante estes últimos lustros, nos que exerceu como vicepresidente da Mancomunidade de Montes de Vigo. Con el compartimos retos de cidade, como a creación dun Anel Verde en Vigo: un símbolo de unión nun tempo de fragmentación e unha resposta colectiva fronte ao abandono do territorio por parte dos individuos e, demasiadas veces, tamén das institucións.
Para Gregorio era un orgullo ver como no monte -que, como dicía el, uns poucos coidan para o benestar de moitos- podía haber romarías, festas gastronómicas, miradoiros, sendeiros e parques forestais onde estar e gozar da compañía dos próximos en entorno aberto e “sen pagar entrada”.
Neste momento tamén lembrar a Nieves, a súa incondicional compañeira de vida e de batallas. E, con ela, venme á mente toda unha xeración de loitadores e loitadoras comunitarias que foron precursores dunha sociedade que permitiu acadar o progreso das parroquias que, integradas ata a dictadura nun concello labrador e obreiro como o de Lavadores, conquistaron a súa maioría de idade no século XXI formando parte dunha gran cidade como Vigo aínda pendente de rematar de cohesionar.
Esa era, coido eu, a verdadeira melodía da poesía comunitaria de Gregorio: a convicción de que unha parroquia non se herda feita, senón que se constrúe cada día; de que o monte non é só territorio, senón memoria, responsabilidade e futuro; de que a comunidade existe cando hai persoas dispostas a coidala.
Marcha Gregorio, pero queda a súa palabra. Queda o seu exemplo. Queda esa libreta aberta na memoria de quen o coñecemos e compartimos con el camiño, monte e esperanza.
Que descanse en paz.
Vigo, 10 de xuño de 2026
Uxío González Pérez, Presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo
