Montes de Vigo celebra o seu 30 aniversario cun chamamento a un gran pacto coa sociedade viguesa

A Mancomunidade de Montes de Vigo celebrou este sábado no Parque Forestal de Beade o acto conmemorativo do seu 30 aniversario baixo o lema "Por un pacto coa sociedade viguesa", unha xornada na que se combinou o recoñecemento ao traballo desenvolvido durante estas tres décadas coa presentación dunha nova folla de ruta para afrontar os retos que os montes periurbanos de Vigo deberán abordar ata o ano 2046.

O programa desenvolveuse en tres momentos: a constitución da Fundación Montes de Vigo 2046, unha homenaxe aos pioneiros do movemento comunal vigués e un acto institucional coa participación de representantes das distintas administracións públicas. A estrutura do acto e as intervencións institucionais seguiron o programa preparado para esta conmemoración.

Trinta anos construíndo un proxecto colectivo

A Mancomunidade de Montes de Vigo iniciou o seu proceso constituínte o 20 de xullo de 1996, converténdose na primeira mancomunidade de montes de Galicia. Daquela foron doce as comunidades promotoras dunha iniciativa que naceu baixo un lema que continúa plenamente vixente: "O monte: o noso proxecto, o noso futuro. Desfrútao e cóidao connosco".

Na actualidade forman parte da entidade trece comunidades de montes (Beade, Cabral, Candeán, Castrelos, Comesaña, Coruxo, Lavadores, Matamá, Oia, Saiáns, Teis, Valladares e Zamáns) e a Entidade Local Menor de Bembrive, representando un modelo singular de xestión comunitaria que abrangue arredor do 15 % do territorio municipal e implica a milleiros de comuneiros e comuneiras.

Durante estas tres décadas impulsouse a creación e mellora de parques forestais, miradoiros, áreas recreativas, espazos socioculturais, áreas etnoarqueolóxicas e unha ampla rede de sendeiros, convertendo os montes periurbanos nunha das principais infraestruturas verdes da cidade. Os estudos realizados en colaboración coa Universidade de Vigo durante o proxecto Montes de Vigo 2046: montes veciñais en valor permitiron, ademais, actualizar esta visión e definir os grandes retos para as próximas dúas décadas.

Firma da Acta de Constitución da Fundación Montes de Vigo 2046
A Fundación Montes de Vigo 2046 abre unha nova etapa

O primeiro momento da xornada estivo reservado á constitución da Fundación Montes de Vigo 2046, mediante a sinatura da correspondente acta fundacional por parte das comunidades de montes integrantes da Mancomunidade.

A nova fundación nace como un instrumento para reforzar o traballo desenvolvido polas comunidades de montes e facilitar unha cooperación máis estable coas administracións públicas, a Universidade, o tecido empresarial, as entidades sociais e a cidadanía. O seu horizonte temporal sitúase no ano 2046, coincidindo co cincuenta aniversario da Mancomunidade, co obxectivo de impulsar proxectos relacionados coa prevención de incendios, a protección da biodiversidade, a xestión da auga, a captura de carbono, a conservación dos parques forestais, a educación ambiental e a participación social.

Homenaxeados no acto do 30 aniversario
Recoñecemento aos pioneiros

Un dos momentos máis emotivos do acto foi a homenaxe ás persoas que contribuíron de maneira decisiva á recuperación, consolidación e defensa dos montes veciñais en man común nas parroquias de Vigo. As persoas recoñecidas foron:

Higinio Leirós, primeiro presidente da Comunidade de Montes de Beade.
Manuel Estévez “Manolo Muiñeiro”, primeiro presidente da Comunidade de Montes de Lavadores, recoñecido a título póstumo.
Juan Francisco Crespo, comuneiro histórico da Comunidade de Montes de Matamá, vinculado activamente á entidade desde os seus comezos.
Xurxo González, primeiro presidente da Comunidade de Montes de Saiáns.
Gregorio Álvarez, presidente da Comunidade de Montes de Valladares e vicepresidente da Mancomunidade de Montes de Vigo durante os últimos oito anos, recoñecido a título póstumo.
Manuel Alonso, presidente da Comunidade de Montes de Zamáns durante os últimos 21 anos.
Antonio Comesaña, terceiro presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo.

En total, foron homenaxeadas sete persoas, dúas delas a título póstumo, como representación simbólica de toda unha xeración de comuneiros e comuneiras que fixeron posible recuperar os montes para as parroquias e sentar as bases do actual modelo de xestión comunitaria.

Representación institucional no acto do 30 aniversario
Un chamamento á cooperación institucional

A parte pública da conmemoración estivo encabezada pola intervención do presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, Uxío González, quen situou a constitución da Fundación Montes de Vigo 2046 como o inicio dunha nova etapa para os montes periurbanos da cidade, orientada a afrontar con visión de futuro os retos derivados do cambio climático, a prevención dos incendios forestais, a conservación da biodiversidade e a xestión sostible dos servizos ecosistémicos. Defendeu que os montes de Vigo constitúen unha auténtica infraestrutura verde ao servizo da cidade e fixo un chamamento á corresponsabilidade das administracións e da sociedade viguesa na súa protección e valorización.

Neste sentido, convidou expresamente ao Concello de Vigo, á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra a incorporarse á Fundación Montes de Vigo 2046 e a iniciar, á volta do verán, un proceso de diálogo que permita establecer compromisos estables de colaboración para as próximas décadas.

Uxío González concluíu sinalando que "os montes de Vigo son un gran proxecto de cidade" e apelou á construción dun gran pacto entre comunidades de montes, institucións e cidadanía que garanta a conservación deste patrimonio colectivo e o seu papel esencial no benestar presente e e das xeracións futuras de Vigo.

Disposición a participar no reto proposto

Tras esta intervención tomaron a palabra o profesor Juan Picos, patrón honorífico da Fundación Montes de Vigo 2046, a deputada do Parlamento de Galicia Carmela González, a vicepresidenta segunda da Deputación de Pontevedra Luisa Sánchez, o Concelleiro de Parques e Xardíns Angel Rivas, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo Ana Ortiz, e o delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo David Regades, que pecharon institucionalmente a conmemoración do aniversario.

Un compromiso co futuro

Co lema "Por un pacto coa sociedade viguesa", a Mancomunidade de Montes de Vigo quixo facer deste aniversario non só unha celebración do camiño percorrido, senón tamén un punto de partida para unha nova etapa con retos esixentes nun contexto de urxencia por colocar a natureza no centro das persoas e, ao mesmo tempo, ameazada polos riscos asociados co abandono do territorio rural, os incendios forestais e a progresiva degradación asociada a especies invasoras e pragas.

A constitución da Fundación Montes de Vigo 2046 simboliza esa vontade de traballar a longo prazo, fortalecendo a colaboración entre comunidades de montes, institucións públicas, empresas, entidades sociais e cidadanía para garantir que os montes periurbanos continúen sendo un patrimonio colectivo esencial para Vigo e para as súas parroquias durante as próximas xeracións.