Montes de Vigo participa na Alianza para un Territorio Rural Resiliente

A Mancomunidade de Montes de Vigo participou na primeira xuntanza do Grupo de Acción de Enfoque agroecolóxico, servizos ecosistémicos e sostibilidade ambiental, promovido no marco da Alianza para un Territorio Rural Resiliente e liderado pola Fundación Juana de Vega.

Nesta primeira sesión déronse cita arredor de trinta persoas procedentes de fundacións, asociacións, universidades, empresas, entidades locais e outros ámbitos vinculados coa xestión e dinamización do territorio. A diversidade de perfís participantes permitiu abordar a cuestión desde distintas perspectivas, abordando un dos temas centrais e novidoso como é os pagos por servizos ecosistémicos

Durante a xornada compartíronse experiencias, presentando Montes de Vigo o traballo realizado durante o período 2024-25 no marco do proxecto "Valorización e xestión sostibles dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo" financiado pola Fundación Biodiversidade.

Tamén se iniciou o traballo de definición de metodoloxías e ferramentas que permitan avanzar cara a sistemas de xestión agraria e agroforestal máis multifuncionais, capaces de combinar actividade económica, conservación ambiental e prestación de servizos á sociedade.

Un dos eixos de traballo será precisamente a procura de mecanismos que permitan identificar, recoñecer e valorizar os beneficios ambientais e sociais que xeran estes territorios, máis alá da produción directa de bens.

Para a Mancomunidade de Montes de Vigo, esta liña de traballo conecta directamente co labor desenvolvido nos últimos anos arredor dos servizos ecosistémicos dos montes periurbanos de Vigo, especialmente no ámbito recreativo e cultural, na regulación hídrica, na captura de carbono e na prevención dos riscos ambientais.

Participantes na primeira sesión de traballo en Oleiros

A participación nesta Alianza permite, deste xeito, compartir a experiencia acumulada nos montes de Vigo, coñecer outras iniciativas e explorar novos modelos de cooperación e financiamento ligados aos servizos ecosistémicos e á xestión sostible do territorio.

A sesión constitúe o primeiro paso dun proceso de traballo compartido que busca contribuír a construír territorios rurais e agroforestais máis resilientes, multifuncionais e capaces de manter os beneficios que prestan ao conxunto da sociedade.