Montes de Vigo propón ao Concello investir en 2027 un mínimo de 3 millóns de euros na seguridade e na infraestrutura verde periurbana

Vigo nos lumes de outubro de 2017: Coruxo visto dende Cangas

A Mancomunidade de Montes de Vigo presentou formalmente no Concello unha proposta para que os Orzamentos municipais de 2027 incorporen unha aposta específica pola prevención e autoprotección fronte aos grandes incendios forestais e pola conservación e mellora da infraestrutura verde periurbana da cidade.

A proposta contempla un investimento mínimo de 3 millóns de euros en 2027, ao que habería que engadir a dotación necesaria para elaborar e implantar o Plan de Actuación Municipal ante incendios forestais e o crédito correspondente ao convenio coa Comunidade de Montes de Teis.

Para Montes de Vigo, o próximo orzamento municipal debería permitir avanzar en tres cuestións que considera prioritarias para a cidade: preparar Vigo fronte ao risco dos grandes incendios forestais, iniciar realmente o Anel Verde e garantir unha xestión acorde coa utilización cidadá dos montes periurbanos.

Vigo nos lumes de outubro de 2017: praia de Samil

Preparar Vigo para un incendio que pode superar a capacidade de extinción

Vigo está considerado no PLADIGA como Zona de Alto Risco de incendios forestais e conta cunha extensa interface urbano-forestal. Nas parroquias periurbanas con presenza de monte viven arredor de 80.000 persoas e existen miles de vivendas, equipamentos e actividades económicas situadas en maior ou menor medida en contacto co territorio forestal.

A experiencia vivida en outubro de 2017 evidenciou que un gran incendio forestal pode converterse rapidamente nunha emerxencia de protección civil, afectando non só ao monte, senón tamén ás vivendas, estradas, servizos e á propia seguridade da poboación.

Por este motivo, Montes de Vigo propón complementar o Plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais de 2020 (PMPDIF) cun Plan de Actuación Municipal ante incendios forestais (PAM), adaptado á nova Directriz Básica de Planificación de Protección Civil aprobada en 2026. Ese instrumento, que é de obrigado cumprimento, debería determinar, entre outros aspectos, as zonas de maior risco, os sistemas de aviso á poboación, as opcións de evacuación ou confinamento, os puntos seguros, os medios municipais dispoñibles e as medidas de autoprotección que deben promoverse nos núcleos máis expostos.

A Mancomunidade considera ademais necesario trasladar esa planificación á escala real do territorio, promovendo medidas específicas de autoprotección en núcleos, urbanizacións, áreas empresariais e outros espazos especialmente vulnerables.

Charla de Autoprotección na parroquia de Comesaña (3/9/26)

Un millón e medio de euros para iniciar o Anel Verde de Vigo

Dentro desta estratexia, Montes de Vigo propón recuperar como actuación prioritaria o Anel Verde, impulsado polo propio Concello despois dos incendios de 2017 e posteriormente incorporado á planificación municipal.

A proposta solicita unha primeira anualidade mínima de 1,5 millóns de euros en 2027, dentro dun programa plurianual que permita comezar a crear esta infraestrutura arredor da cidade.

O obxectivo sería que o Anel Verde actúe simultaneamente como espazo de continuidade ecolóxica e paisaxística e como infraestrutura preventiva, aproveitando terreos xa postos a disposición por algunhas comunidades de montes e incorporando progresivamente novos ámbitos.

Para a Mancomunidade, despois de varios anos de planificación, 2027 debería ser o ano no que o Anel Verde pase á fase efectiva de execución.

Vista panorámica dos montes de Vigo co casco urbano ao fondo

Un millón e medio de euros ao ano para a infraestrutura verde periurbana

A segunda grande proposta parte dos resultados do proxecto sobre valorización e xestión sostible dos servizos ecosistémicos dos montes periurbanos de Vigo, desenvolvido coa participación da Universidade de Vigo e financiamento da Fundación Biodiversidade. Os estudos realizados estiman que arredor de 200.000 persoas distintas utilizan os parques forestais ao longo do ano, acumulándose aproximadamente 3 millóns de visitas anuais.

A análise realizada sobre parques forestais, áreas recreativas e máis de 120 quilómetros de sendeiros constatou ao mesmo tempo importantes necesidades de renovación: mantemento desigual, sinalización desactualizada, carencias de accesibilidade, limpeza ou aseos e falta dun criterio común para ordenar a rede de sendeiros.

Por este motivo, Montes de Vigo propón un Plan de investimento en infraestruturas verdes periurbanas 2027-2030, dotado con 1 millón de euros anuais, destinado a parques forestais, sendeiros locais, miradoiros e outras instalacións vinculadas ao uso social dos montes. A esta partida engadiríase un Plan anual de xestión e mantemento, cunha dotación estimada de 500.000 euros, para atender actuacións non incluídas nos contratos municipais ordinarios.

Actividade dun centro escolar nun parque forestal de Vigo

Un novo modelo de colaboración entre Concello e comunidades de montes

A terceira liña da proposta pretende resolver un problema que a Mancomunidade considera estrutural: a falta dun marco estable de gobernanza e cooperación entre o Concello e as entidades titulares dos montes periurbanos. Montes de Vigo propón actualizar os convenios dos parques forestais —algúns xa caducados ou próximos a facelo— e amplialos ao conxunto das infraestruturas verdes: sendeiros, miradoiros, espazos etnoarqueolóxicos e outras instalacións. A recentemente constituída Fundación Montes de Vigo 2046 podería funcionar neste novo escenario como instrumento de cooperación, captación de recursos, seguimento dos investimentos e rendición de contas.

A proposta inclúe igualmente a necesidade de habilitar crédito para alcanzar un convenio estable coa Comunidade de Montes de Teis, que permita dar seguridade xurídica á situación patrimonial das parcelas relacionadas con Vigozoo e co monte da Madroa.

Pasar da planificación á execución

A Mancomunidade considera que o Orzamento de 2027, último exercicio orzamentario completo do actual mandato municipal, ofrece unha oportunidade para iniciar unha nova etapa na relación da cidade cos seus montes periurbanos. A proposta completa foi presentada pola Mancomunidade de Montes de Vigo no rexistro municipal o 9 de setembro de 2026.

As propostas remitidas ao Concello poden resumirse en:

  • Plan de Actuación Municipal ante incendios forestais e medidas de autoprotección: partida específica para asistencia técnica e implantación.
  • Anel Verde de Vigo: 1,5 millóns de euros como primeira anualidade.
  • Plan de investimento en infraestruturas verdes: 1 millón de euros en 2027, dentro dun programa 2027-2030.
  • Xestión e mantemento das infraestruturas verdes: 500.000 euros anuais.
  • Convenio Concello-Comunidade de Montes de Teis: crédito a determinar.

«Vigo ten unha infraestrutura verde utilizada por centos de miles de persoas, miles de vivendas expostas á interface urbano-forestal e unha infraestrutura preventiva —o Anel Verde— planificada polo propio Concello desde 2018. O Orzamento Municipal de 2027 debe servir para pasar das palabras aos feitos».