Montes de Vigo propón ao Concello unha dotación orzamentaria específica para a franxa secundaria de defensa contra incendios e as infraestruturas verdes periurbanas.
A Mancomunidade de Montes de Vigo vén de presentar ao Concello de Vigo unha proposta formal por rexistro para incorporar nos orzamentos municipais unha dotación específica de 1,5 millóns de euros destinada á franxa secundaria de defensa contra incendios forestais. Trátase dunha das actuacións prioritarias do Anel Verde de Vigo, comprometido no ano 2018 tras os graves incendios de outubro de 2017 e que, unha vez analizos os lumes de 2025 nas Xornadas sobre Grandes Incendios Forestais que se celebraron este pasado sábado 18, cada vez é máis evidente que resulta unha actuación imprescindible.
O obxectivo da iniciativa é previr o risco de incendios nas zonas de contacto entre o monte e o tecido urbano, onde se concentran centos de vivendas, naves e instalacións municipais, especialmente nas parroquias de Beade, Zamáns, Valladares, Matamá, Saiáns, Comesaña, Bembrive, Coruxo e Cabral.
A proposta solicita que o Concello destine parte do remanente de tesourería municipal recentemente anunciado a un plan de actuación dotado con, polo menos, 1,5 millóns de euros, que permita acometer traballos de roza, limpeza, apertura e mantemento das faixas de protección en colaboración coas Comunidades de Montes afectadas.

“A franxa secundaria non é só unha cuestión forestal, senón unha infraestrutura esencial de protección civil. É o primeiro escudo de seguridade da cidade fronte ao lume”, salientou o presidente da Mancomunidade, Uxío González, quen destacou tamén a necesidade de “dar continuidade aos compromisos adquiridos en 2018 co Anel Verde e consolidar un modelo estable de prevención e xestión compartida”.
A isto, segundo se ven propondo dende 2023, cómpre engadir un Plan de actuacións para o investimento e mellora das infraestruturas verdes periurbanas de Vigo (na que se incluirían parques forestais, sendeiros locais, miradoiros, etc) por un importe de 1 millón de euros. Isto enmarcaríase nos acordos de colaboración pendentes de renovar e que serven de soporte para a Licitación da xestión dos espazos verdes que nestes momentos está en proceso de adxudicación.
A Mancomunidade propón que as actuacións se desenvolvan mediante convenios de colaboración ou encomendas de xestión, priorizando o emprego local e a participación das comunidades de montes veciñais que coidan os montes de Vigo.
Con esta solicitude, a Mancomunidade de Montes de Vigo reafirma o seu compromiso coa prevención de incendios, a resiliencia urbana e a posta en valor dos montes periurbanos, no marco do proxecto “Montes de Vigo 2046: montes veciñais en valor”, que aposta por unha xestión mancomunada, sostible e de longo prazo.
Esta actividade conecta co proxecto “Valorización e xestión sostibles dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo” desenvolvido pola Mancomunidade de Montes de Vigo que conta co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU