Nove anos despois dos lumes de 2017, Montes de Vigo reclama pasar das promesas aos feitos para protexer a cidade

A Mancomunidade presenta a campaña «As promesas non paran o lume», cun vídeo do seu presidente, Uxío González, e un dossier que analiza os compromisos institucionais desde 2017 e reclama actuacións concretas do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia nos orzamentos de 2027.

O 15 de outubro de 2017 quedou gravado na memoria da cidadanía viguesa. Aquel día, os incendios forestais chegaron ás zonas habitadas, puxeron en perigo vidas e vivendas e provocaron unha emerxencia de protección civil de enorme magnitude. Nos montes veciñais de Vigo arderon arredor de 566 hectáreas, afectando especialmente a Coruxo, Comesaña, Matamá, Valladares e Zamáns.
Nove anos despois, a Mancomunidade de Montes de Vigo considera que a cidade continúa sen desenvolver unha estratexia integral suficientemente operativa para reducir o risco dos grandes incendios forestais na interface urbano-forestal, onde conviven espazos forestais, vivendas, infraestruturas e actividades económicas.
Con motivo deste aniversario, Montes de Vigo presenta a campaña «9 anos agardando: as promesas non paran o lume», que pretende trasladar á cidadanía a dimensión do risco existente, facer balance dos compromisos institucionais e reclamar que 2027 sexa o ano de pasar das palabras aos feitos.
ENLACE AO VÍDEO DA CAMPAÑA "AS PROMESAS NON PARA O LUME"
De incendios forestais a incendios de territorio
O acontecido en Vigo en 2017 e os grandes incendios rexistrados nos últimos anos poñen de manifesto que os episodios extremos poden superar a capacidade ordinaria dos dispositivos de extinción e alcanzar os núcleos habitados. Xa non se trata unicamente de protexer os montes. Trátase tamén de protexer as persoas, as vivendas, os barrios e as infraestruturas dunha cidade que mantén unha ampla interface urbano-forestal.
A prevención require actuar simultaneamente en tres niveis: a xestión do monte, a preparación dos núcleos de poboación e a autoprotección de cada vivenda. Ningún deles, por separado, resulta suficiente para reducir adecuadamente a vulnerabilidade do territorio.O risco non significa que un incendio extremo sexa inminente, nin que poida predicirse cando se producirá, significa que Vigo debe prepararse con antelación para reducir as súas posibles consecuencias.
Nove anos de compromisos, pero sen unha resposta integral
Tras os incendios de 2017, as administracións anunciaron iniciativas para mellorar a prevención. Entre elas destaca o Anel Verde de Vigo, presentado polo Concello en 2018 como unha infraestrutura de protección arredor da cidade. A Xunta de Galicia tamén desenvolveu actuacións, entre as que cómpre recoñecer o investimento de arredor de 1,4 millóns de euros destinado á recuperación dos montes afectados polos incendios.
Porén, segundo a avaliación da Mancomunidade, os avances realizados non se traduciron nun sistema integral e coordinado de prevención e autoprotección. O Anel Verde non acadou a execución estrutural anunciada, continúan pendentes actuacións estratéxicas na área metropolitana e segue sendo necesario reforzar a planificación e a protección dos núcleos habitados.
O problema principal xa non é a falta de diagnóstico, senón a dificultade de transformar os compromisos en actuacións sobre o territorio, con orzamentos, responsables e prazos verificables.
Esta situación analízase no dossier elaborado pola Mancomunidade, que reconstrúe a evolución dos compromisos institucionais desde 2018, identifica actuacións realizadas e pendentes e presenta as propostas de Montes de Vigo.

As comunidades de montes actúan, pero non poden facelo soas
Durante estes nove anos, as comunidades de montes de Vigo continuaron recuperando superficies queimadas, favorecendo a implantación de frondosas autóctonas, mellorando infraestruturas e impulsando actuacións preventivas nos seus territorios.
A Mancomunidade promoveu tamén iniciativas de vixilancia comunitaria, como Ollos no Monte – Vigo, e actividades de sensibilización e autoprotección nas parroquias, para que a veciñanza coñeza os riscos e as medidas que pode adoptar nas súas vivendas e núcleos de poboación.
A constitución da Fundación Montes de Vigo 2046 abre, ademais, unha nova vía para mobilizar recursos, facilitar acordos institucionais e promover proxectos de xestión forestal e prevención a longo prazo.
Pero estas iniciativas non poden substituír as responsabilidades das administracións públicas nin resolver por si soas un problema que afecta ao conxunto do territorio.
2027: pasar das palabras aos feitos
Coincidindo coa preparación dos orzamentos públicos para 2027, Montes de Vigo reclama compromisos concretos do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia.
Ao Concello de Vigo, a Mancomunidade solicítalle un investimento anual de referencia de 3 millóns de euros para avanzar no Anel Verde, na prevención e mantemento das infraestruturas verdes periurbanas, na xestión das faixas de protección e na preparación dos núcleos habitados. Reclama tamén o desenvolvemento operativo da planificación municipal de protección fronte aos incendios forestais e mecanismos estables de colaboración coas comunidades de montes.
Á Xunta de Galicia, solicítalle avanzar na execución das áreas estratéxicas de defensa, especialmente na contorna Vigo–Nigrán, acondicionar as infraestruturas forestais necesarias para facilitar a prevención e a extinción, axilizar as agrupacións forestais de xestión conxunta e establecer mecanismos de coordinación operativa.
Montes de Vigo ofrece a súa colaboración para desenvolver estas actuacións, pero considera imprescindible que cada administración asuma as responsabilidades que lle corresponden e estableza compromisos avaliables.
As promesas non paran o lume
O noveno aniversario dos incendios de 2017 non debe limitarse á lembranza dunha traxedia. Debe servir para comprobar o que se avanzou, identificar o que falta por facer e impulsar unha política de prevención sostida no tempo.
A experiencia demostra que, cando se produce un gran incendio, os medios de extinción poden resultar insuficientes para atender simultaneamente todas as emerxencias. Por iso é imprescindible chegar a ese momento cun territorio mellor xestionado, unhas vivendas máis protexidas e unha poboación informada e preparada.
A Mancomunidade de Montes de Vigo quere que 2027 marque un cambio na maneira de afrontar este risco porque os grandes incendios forestais non se combaten cando aparecen as lapas: a protección da cidade comeza moito antes, é unha responsabilidade conxunta dos xestores públicos, que teñen que liderar o proceso, acompañados dos propietarios do monte e, en xeral, da cidadanía a través de estratexias de autoprotección activa.
