Montes de Vigo únese ao Día Internacional contra o cambio climático

Uso dos parques forestais durante o verán como espazo de lecer

Con motivo do Día Internacional contra o Cambio Climático, a Mancomunidade de Montes de Vigo quere lembrar o papel fundamental que xogan os montes veciñais na loita fronte a este desafío global.

Os montes periurbanos de Vigo constitúen auténticas infraestruturas verdes que non só ofrecen espazos de lecer e biodiversidade, senón que tamén actúan como refuxios climáticos naturais. Nos días de altas temperaturas, o seu efecto amortiguador sobre o microclima urbano resulta esencial para o benestar da cidadanía e para a regulación térmica da cidade.

Ademais, as masas forestais e o solo dos montes veciñais son importantes sumidoiros de carbono, contribuíndo á mitigación do cambio climático mediante a captura e almacenamento de CO₂.

Esta función está a ser estudada no marco do proxecto “Montes de Vigo 2046: montes veciñais en valor”, que se desenvolve en colaboración co Departamento de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo. A investigación está a cuantificar o carbono fixado tanto na biomasa das árbores como nos solos forestais, co obxectivo de avanzar cara a unha xestión forestal sustentable baseada en evidencias científicas.

Os resultados preliminares confirman que os montes veciñais son aliados clave fronte ao cambio climático e parte esencial da infraestrutura ecolóxica da área metropolitana de Vigo.

Desde a Mancomunidade, reiteramos o noso compromiso cunha xestión sostible que poña en valor estes servizos ecosistémicos —recreativos, ambientais e climáticos— que os montes veciñais ofrecen a toda a sociedade.

A Mancomunidade de Montes de Vigo está a desenvolver xunto coa Universidade de Vigo o proxecto “Valorización e xestión sostibles dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo” e conta co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationE