Nace a Fundación Montes de Vigo 2046: un novo paso para garantir o futuro dos nosos montes

O Diario Oficial de Galicia publicou no día de onte a Orde pola que se clasifica de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Montes de Vigo 2046, un novo instrumento promovido polas Comunidades de Montes de Vigo co obxectivo de implicar ao conxunto da sociedade viguesa na conservación, xestión sostible e posta en valor dos seus montes periurbanos.
A publicación no DOG do 23 de novembro da Orde do 10 de novembro de 2026, pola que se clasifica a Fundación e se adscribe ao protectorado da Consellería do Medio Rural, supón un importante paso no proceso iniciado pola Mancomunidade de Montes de Vigo para dotarse dun instrumento que permita afrontar os retos de futuro dos nosos montes.
A Fundación, constituída mediante escritura pública o pasado 20 de xullo pola Mancomunidade de Montes de Vigo e once das súas Comunidades de Montes (Saiáns, Oia, Comesaña, Matamá, Lavadores, Zamáns, Beade, Teis, Castrelos, Candeán e Valladares), ten entre os seus fins estatutarios:
«A realización de fins de interese xeral orientados á protección, xestión sostible, defensa, valorización social e posta en valor dos montes veciñais en man común do concello de Vigo, así como dos servizos ecosistémicos que estes lles prestan á sociedade, en particular os de carácter ambiental, territorial, social, cultural e educativo».

Un instrumento para avanzar nun pacto coa sociedade viguesa
Ao longo dos últimos anos, e de xeito especial no marco do proxecto Montes de Vigo 2046 desenvolvido co apoio da Fundación Biodiversidade e coa colaboración da Universidade de Vigo, vimos traballando na identificación e valorización dos servizos ecosistémicos que os nosos montes lle prestan á sociedade. Os traballos realizados poñen de manifesto a importancia que para Vigo teñen estas 1.600 hectáreas de monte periurbano, que representan arredor do 15 % da superficie do concello, tanto polo seu uso social e recreativo como pola súa contribución á regulación do ciclo da auga, á captura de carbono, á conservación da biodiversidade ou á calidade de vida da cidadanía.
A cuestión que se nos presenta é como garantir no tempo estes servizos que, sendo xerados en montes de titularidade comunitaria, benefician ao conxunto da sociedade. A creación da Fundación pretende dar resposta a esta cuestión, facilitando a implicación das administracións públicas, do tecido empresarial e das distintas entidades sociais no sostemento e mellora dos nosos montes, articulando novas vías de colaboración e financiamento e posibilitando que as achegas privadas poidan acollerse aos incentivos fiscais previstos na normativa aplicable, unha vez cumpridos os requisitos correspondentes.
Non se trata de substituír o papel das Comunidades de Montes na xestión do seu territorio, senón de complementar o importante esforzo que estas veñen realizando ao longo das últimas décadas, procurando unha maior corresponsabilidade social na conservación dun patrimonio natural do que todos nos beneficiamos.
Co horizonte posto no ano 2046
Neste ano 2026, no que a Mancomunidade de Montes de Vigo cumpre 30 anos de existencia, a creación da Fundación representa unha aposta de futuro. A propia denominación remítenos ao ano 2046, no que se cumprirá medio século de traballo mancomunado das Comunidades de Montes de Vigo. Ábrese agora unha nova etapa de traballo orientada a incorporar a este proxecto aos distintos axentes da sociedade viguesa, na medida en que o futuro dos nosos montes é tamén, en boa parte, o futuro da nosa cidade.
A nova nos medios de comunicación
Da publicación no DOG fixéronse eco estes días distintos medios de comunicación:
- Faro de Vigo (23/11/2026): «Nace la Fundación Montes de Vigo 2046, para garantizar el futuro forestal».
- La Voz de Galicia (24/11/2026): «Las empresas comprometidas con los montes de Vigo tendrán incentivos fiscales».
.jpg)
.jpeg)