Non abonda con previr os lumes do próximo verán, cómpre previr os grandes lumes da próxima década

O Auditorio de Goián acolleu a conferencia "As comunidades de montes fronte aos grandes lumes forestais", un encontro transfronteirizo organizado pola Mancomunidade de Montes do Baixo Miño e o proxecto FIREPOCTEP+. O resumo completo do mesmo atópase NESTE ENLACE.
A modo de resumo das conclusións obtidas na xornada dende a perspectiva das comunidades de montes presentes cabe sinalar:
- Manuel Rodríguez, Director xeral de Defensa do Monte da Consellería de Medio Rural, insistiu en que pasamos de indendios forestais a incendios do territorio, o que supón un cambio no plantexamento que a sociedade ten que facer do problema. Neste contexto fixo un chamamento a unha mellor colaboración entre as administracións e as comunidades locais para reforzar a capacidade de resposta e avanzar cara a unha Galicia máis resiliente ante futuros incendios.
- Adrián Regos, da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), despois de explicar os traballos nos que participou, chegou á conclusión de que cómpre unha xestión holísitca e integrada do lume, a biodiversidade e os servizos ecosistémicos, clave para afrontar con éxito o reto social dos incendios extremos e garantir obxectivos de conservación.
- Xosé Antón Fernández, secretario técnico de Montes de Vigo, repasou os lumes de 2017 en Vigo, que en 7 horas arrasaron con un terzo das 1600 hectáreas de monte periurbano, e propuxo unha estratexia local baseada en tres eixos como a que se está a promover en Vigo: áreas de defensa estratéxicas, anel verde integrado na rede secundaria de faixas de xestión de biomasa forestal e agrupacións forestais de xestión conxunta. En todo caso isto non é posible sen apoio e coordinación coas administracións competentes (autonómica e local) e sen un liderato dende as mancomunidades de montes que aglutine aos maiores propietarios de territorio. Un avance nesta liña sería lograr elaborar o Plan de prevención forestal no Distrito Forestal XVIII, onde se atopan 3 mancomunidades en funcionamento.


Esta actividade conecta co proxecto “Valorización e xestión sostibles dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo” desenvolvido pola Mancomunidade de Montes de Vigo que conta co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU